Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
6/2/2009
Director do Le Monde Diplomatique e profesor da teoría da comunicación na Universidade Denis-Diderot (París VII). Cofundador de Attac e de Media Watch Global.
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Neocolonialismo agrario

Unha das grandes batallas do século XXI será a da alimentación. Moitos países, importadores de comida, vense afectados polo aumento dos prezos. Os Estados ricos víñano soportando, até que, na primavera de 2008, se asustaron pola actitude proteccionista de nacións produtoras que limitaron as súas exportacións. A partir de aí, varios Estados con crecemento económico e demográfico -pero desprovistos de grandes recursos agrícolas e de auga- decidiron asegurar reservas de comestíbeis comprando terras no estranxeiro.

Ao mesmo tempo, moitos especuladores puxéronse igualmente a comprar terreos para facer negocios. Convencidos de que a alimentación será o ouro negro do futuro. Segundo eles, de aquí a 2050, a produción de alimentos duplicarase para satisfacer a demanda mundial. "Investide en granxas! Comprade terras!" repite Jim Rogers, gurú das materias primas. George Soros aposta así mesmo polos agrocarburantes e adquiriu parcelas en Arxentina. Un grupo sueco comprou medio millón de hectáreas en Rusia; o hedge fund ruso Renaissance Capital, 300.000 hectáreas en Ucraína; o británico Landkom, 100.000 hectáreas tamén en Ucraína; o banco estadounidense Morgan Stanley e o grupo agro-industrial francés Louis Dreyfus, decenas de miles de hectáreas en Brasil, etc.

Pero os que se lanzaron a mercar terras por todo o mundo foi principalmente os estados con petrodólares e divisas. Corea do Sur, primeiro comprador mundial, adquiriu 2.306.000 hectáreas; séguelle China (2,09 millóns), Arabia Saudita (1,61 millóns), os Emiratos Árabes Unidos (1,28 millóns) e Xapón (324.000 h). Total: preto de 8 millóns de hectáreas de terras fértiles compradas ou alugadas no exterior. Rexións enteiras pasaron a estar baixo control estranxeiro en países con escasa densidade demográfica e cuns gobernantes que están dispostos a ceder partes da soberanía nacional. Un fenómeno que preocupa. Nun informe alarmante, a ONG Grain denuncia "un acaparamento de terras a nivel mundial" (1).

Sen campos fértiles nin auga, os países do Golfo son os que máis axiña se lanzaron. Kuwait, Qatar e Arabia Saudita buscan parcelas dispoñíbeis onde sexa. "Eles posúen terras, nós diñeiro", explican os investidores do Golfo. Os Emiratos Árabes Unidos controlan 900.000 hectáreas en Paquistán; e están considerando proxectos agrícolas en Kazakhistán. Libia adquiriu 250.000 hectáreas en Ucraína a cambio de petróleo e gas. O grupo saudita Binladen conseguiu terreos en Indonesia para cultivar arroz. Investidores de Abu Dhabi compraron deucias de milleiros de hectáreas en Paquistán. Xordania producirá comestíbeis en Sudán. Exipto obtivo 850.000 hectáreas en Uganda para sementar trigo e millo...

China é o comprador máis compulsivo, pois debe alimentar a 1.400 millóns de bocas cando só dispón do 7% das terras fértiles do planeta. Ademais, a industrialización e a urbanización destruíronlle uns 8 millóns de hectáreas. E algunhas rexións estanse desertificando. "Temos menos espazo para a produción agrícola, e é cada vez máis difícil elevar o rendemento", explicou Nie Zhenbang, xefe da Administración Estatal de Grans (2).

China posúe terras en Australia, Kazakhistán, Laos, México, Brasil, Surinam, e sobre todo en África. Pequín asinou uns trinta acordos de cooperación con Gobernos que lle dan acceso a terras. Ás veces, as autoridades de Pequín envían desde China a man de obra; pagada a menos de corenta euros ao mes, sen contrato de traballo e sen cobertura social.

Pola súa banda, Corea do Sur xa controla no estranxeiro unha superficie superior á totalidade das súas propias terras fértiles... En novembro de 2008, o grupo Daewoo Logistics, estabeleceu un acordo co Goberno de Marc Ravalomanana, presidente de Madagascar, para alugar 1,3 millóns de hectáreas, ou sexa a metade das terras cultivables desa gran illa...

O Goberno surcoreano tamén comprou 21.000 hectáreas para cría de gando en Arxentina, país no cal o 10% do territorio (uns 270.000 quilómetros cadrados) está en mans de investidores estranxeiros, que se beneficiaron da actitude dos diferentes Gobernos para adquirir millóns de hectáreas e recursos non renovábeis, sen restricións e a prezos módicos" (3). O maior terratenente é Benetton, industrial italiano da moda, que posúe unhas 900.000 hectáreas e se converteu no principal produtor de la. Tamén o millonario estadounidense Douglas Tompkins ten unhas 200.000 hectáreas situadas próximas a importantes reservas de auga.

En xeral, a cesión de terras a Estados estranxeiros tradúcese en expropiacións de pequenos produtores e aumento da especulación. Sen esquecer a deforestación. Unha hectárea de bosque procura un beneficio de catro a cinco mil dólares se se plantan nela palmas de aceite; ou sexa de 10 a 15 veces máis que se se dedica a producir madeira (4). Iso explica por que os bosques da Amazonia, da conca do Congo e de Borneo están sendo substituídos por plantacións.

É un retorno a odiosas prácticas coloniais, e unha bomba con efecto retardado. Porque a tentación dos Estados estranxeiros é a de saquear os recursos, como o fai China, con man de obra importada e pouco beneficio local... Pero a resistencia organízase. En Paquistán, os campesiños xa se están mobilizando contra o desprazamento de aldeas se Qatar compra terreos na rexión de Penyab. Paraguai aprobou unha lei que prohibe vender parcelas a estranxeiros. Uruguai está a pensar, e e Brasil estuda cambiar a súa lexislación.

O neocolonialismo agrario arrebátalle o traballo ao campesiñado e crea un "risco de pauperización, tensións sociais extremas e violencias civís" (5). A terra é un asunto moi sensíbel. Sempre provocou paixóns. Representa unha parte da identidade dos pobos. Tocar ese símbolo podería terminar mal.

__________________________________________________________________

Notas:

(1) www.grain.org/m/?id=213

(2) China Daily, Pequín, 9 de maio de 2008.

(3) Daniel Enz e Andrés Klipphan, Tierras SA. Crónicas de un país rematado, Alfaguara, Bos Aires, 2006.

(4) Le Nouvel Observateur, París, 23 de decembro de 2008.

(5) Le Monde, París, 23 de novembro de 2008.

__________________________________________________________________

[Artigo tirado da edición española de ‘Le Monde Diplomatique’, núm. 160, febrero de 2009]

cig.prensa@galizacig.com