Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
6/5/2008

Licenciado en dereito, é membro do Gabinete Técnico da CIG. Ademais, representa a central sindical nacionalista no Consello Económico e Social no Estado español, na Comisión Consultiva de Convenios Colectivos e no Comité de Seguimento do Fondo Social Europeo.

Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Os pactos sobre a protección social

Da man do principio de contributividade estase avanzando, pouco a pouco pero inexorablemente, deica un modelo ben diferente do tradicional, deica unha seguridade pública feble, de natureza asistencial encargada de grantir mínimos e unha seguridade social complementaria encomendada á iniciativa privada e ao esforzo persoal, en lugar da solidariedade profesional e social.

 

O debate sobre o sistema de Seguridade Social condensa dende hai polo menos 25 anos o debate sobre o estado de benestar que se pretende ou que está disposto a asumir a sociedade, e vén sendo obxecto de conflicto e acordo entre as forzas políticas e sociais.

 

Conflito porque ideoloxicamente as posicións de partida son antagónicas. Para os sindicatos e o pensamento político de esquerdas é fundamental manter o sistema de reparto e non ceder nos dereitos adquiridos e conquistados pola clase obreira. Para as organizacións empresariais e as forzas políticas de dereitas deberíase privatizar o sistema de pensións. Non hai tanto que a CEOE defendía un modelo de capitalización á chilena e agora, hai uns días, o seu secretario xeral, Jiménez Aguilar, defendía que se capitalizase unha parte importante das cotizacións.

 

Acordo, porque a pesar desas posicións ideolóxicas, sempre activas, a realidade, a inercia e a forza que na opinión pública ten o sistema de reparto, obrigou e obriga a que sexa imposible acometer reformas radicais. O que se producen, parellamente ás reformas laborais, son reformas continuadas da Seguridade Social de carácter pragmático, e onde participan sempre os mesmos protagonistas, os sindicatos e organizacións empresariais máis representativas de ámbito estatal. A CIG só participou na reforma de 1996 e como non asinamos o acordo, nunca máis se nos chamou, vulnerando así o noso dereito a defender no ámbito institucional os intereses das persoas que representamos.

 

Pero o importante é desvelar e entender o sentido e a dirección desas reformas para saber a onde nos poden levar previsiblemente.

 

Quero xa anunciar que dende o noso punto de vista os resultados dos pactos en materia de seguridade social abundan na vía aberta coa reforma imposta polo goberno de Felipe González en 1985. Isto é:

 

·         Recorte de gastos: redución da acción protectora e recortes de dereitos.

·         Contributividade: maior proporcionalidade entre o cotizado e o recibido, en detrimento da solidariedade que caracteriza ao sistema de reparto.

·         Instrumento da política económica: ábrese a protección social ao mercado potenciando a previsión social complementaria.

·         Dualización da protección: ao reducirse a acción protectora e endurecerse os requisitos de acceso ás pensións contributivas, aumentan considerablemente as pensión non contributivas, o que supón unha asistencialización do sistema profesional de protección.

·         Negación práctica das competencias de Galiza: os pactos serviron para non abordar as competencias de xestión do réxime económico da seguridade social. O Goberno e a Administración central atoparon nos axentes económicos e sociais españois o seu máis firme aliado para obviar o tema competencial Mentres que se van abrindo cotas á privatización da protección social, aparentemente sen ningún problema, como vai pasar co Fondo de Reserva, dáse unha cerrazón absoluta a transferir a xestión ás CCAA.

 

Pois ben, o importante é comprender como evolucionan as cousas e deica onde apuntan as reformas, case todas elas pactadas.

 

O actual modelo da Seguridade Social foi adoptado en 1978, coa defunción do antigo Instituto Nacional de Previsión. Nos Pactos da Moncloa (1977) acordouse que o goberno presentase ao Congreso un “Proxecto de Lei que contemple a reestruturación das actuais entidades xestoras da seguridade social dacordo cos principios de simplificación, racionalización, aforro de custos, eficacia social e descentralización”. Tamén se pacta o sistema de participación de organizacións empresariais e sindicais para o control e vixiancia da xestión por “órganos nos que figuren, por partes iguais, representantes dos traballadores, dos empresarios e da Administración Pública”.

 

A primeiros dos anos 80 apróbanse os estatutos de autonomía e o de Galiza, así como o catalán, vasco e andaluz, recollen como competencia autonómica a xestión do réxime económico da seguridade social, que incluiría tamén segundo reiterada xurisprudencia do Tribunal Constitucional, as prestacións por desemprego. Despois de máis de 25 anos, un cuarto de século, estas competencias están por transferir e parece claro que non existe vontade política ningunha para iso. A renovación dalgúns estatutos, como o catalán, detallan agora con máis precisión as competencias neste tema, pero xa veremos como resolve o Tribunal Constitucional e como queda finalmente esta cuestión.

 

En calquera caso, quero deixar dito que a integración racional, a simplificación, a eficacia e a descentralización debe facerse no modelo de estado actual a través do traspaso total da xestión ás CCAA, unificando INSS, Tesourería e Desemprego.

 

Como antes dicía, coa reforma de 1985 ábrese un proceso que de forma lenta pero segura busca un endurecemento dos requisitos de acceso á pensión e de recorte no gasto. O número de anos para ter dereito a unha pensión contributiva auméntase de 10 a 15 anos e, ademais, vanse considerar 8 anos para o cálculo da base reguladora en vez de dous. Esta reforma veu precedida da primeira folga xeral a nivel estatal, en xuño de 1984 e do divorcio entre a UGT e o PSOE, patente coa renuncia de Nicolás Redondo ao seu escano de deputado. En 1988 vólvese convocar outra folga xeral, que ten como subproduto a negociación e aprobación en 1990 da Lei de Pensións non contributivas.

 

Previamente, en 1987, o Goberno socialista decide favorecer o crecemento do sistema complementario coa aprobación da Lei de Plans e Fondos de Pensións.

 

Nos primeiros anos da década dos 90 dase un bombardeo continuo por parte de expertos, fundacións de bancos e caixas, etc., para prognosticar a creba dos sistema público e a defensa dun modelo de capitalización. Algúns informes, como o do Banco Bilbao, situaban no 2004 a creba da Seguridade Social. En 1995, practicamente todas as forzas políticas subscriben os chamados Pactos de Toledo, con obxecto de sacar da confrontación electoral o tema das pensións e establecer unhas cantas recomendacións -creo que eran 13- para abordar reformas posteriores.

 

Así, en 1996 prodúcese o “Acordo de Pensións”, que sen embargo non é asinado pola CEOE-CEPYME, ante a imposibilidade de que o “Goberno amigo”, do PP, aceptase rebaixar as cotas empresariais. Este acordo reducis as pensións por dúas vías: modificando as porcentaxes aplicadas en función dos anos de cotización e ampliando de 8 a 15 anos o período de cálculo da base reguladora.

 

En abril de 2001, subscríbese un novo acordo “para a mellora e desenvolvemento do sistema de protección social”, que a UGT non asina, e que insiste de novo nos conceptos básicos do Pacto de Toledo, e no reforzamento do principio de contributividade. Amplíaselle ao goberno o prazo ata 12 anos para cumprir o compromiso da sepación das fontes de financiamento, implántanse medidas de xubilación flexible, mellóranse as pensións de viuvez, orfandade e pensión mínimas, prevese a creación dun Fondo de Reserva e dise que os excedentes se dedicarán, se a situación o permite, a mellorar as prestacións e a rebaixar as cotizacións. Fálase aquí da creación dunha Axencia da Seguridade Social, que aínda que non se levou a cabo, era un intento de unificación e centralización da xestión no ambito estatal. Insístese de novo no principio de contributividade e ábrese a porta á ampliación do período de cálculo da base reguladora ata toda a vida laboral. Créase unha comisión para estudar o seguro de dependencia e fálase da prestación social complementaria como parte do sistema de protección social, adicándolle un extenso apartado na idea de potenciar os planos de pensións de emprego, favorecer a incorporación das PEMES e dos empresarios individuais a plans de promoción conxunta e interaccionar estes coa negociación colectiva. E outra vez, faise mención á recomendación do Pacto de Toledo para abordar a converxencia dos distintos réximes da seguridade social.

 

No 2006 prodúcese outro acordo, esta vez asinado por todas as organizacións chamadas a negociar, enmarcado na Declaración para o Diálogo Social de 2004. Previamente, produciuse un acordo sobre a reforma laboral, onde entre outras cuestións se rebaixa as cotizacións empresariais ao FOGASA e desemprego. Neste acordo endurécense os requisitos de acceso a determinadas prestacións, como a pensión de xubilación, eliminando os días-cota e esixindo 15 anos efectivos de cotización. Refórzase o principio de contributividade na pensión de incapacidade permanente para “evitar que esta se converta nunca vía de acceso para as carreiras de cotización insuficientes”. Así establécese unha nova forma de cálculo en relación con toda a vida laboral e potencial, de feito que se prexudica notablemente ás persoas de certa idade con poucos anos cotizados, o que ten un sesgo de xénero acusado, xa que as principais persoas afectadas van ser mulleres. Tamén se endurecen, a través dunha combinación de requisitos, as posibilidades de acceder a unha xubilación parcial e ao correspondente contrato de relevo, prexudicando o emprego da mocidade.

 

Parellamente ao acordo que da lugar á lei 40/2007, tamén se produce un acordo sobre a seguridade social agraria por conta propia que presiona ao abandono a moitos pequenos agricultores e a mulleres que producen para unha economía rural de subsistencia e acórdase unha modificación na regulación do Fondo de Reserva da Seguridade Social, habilitando ao goberno a investir unha parte indeterminada dese Fondo en renda variable e privatizando a súa xestión.

 

En definitiva, como se pode ver, da man do principio de contributividade estase avanzando, pouco a pouco pero inexorablemente, deica un modelo ben diferente do tradicional, deica unha seguridade pública feble, de natureza asistencial encargada de grantir mínimos e unha seguridade social complementaria encomendada á iniciativa privada e ao esforzo persoal, en lugar da solidariedade profesional e social. En poucas palabras, as cousas van camiñando lentamente deica a onde quere a cúpula patronal e os intereses bancarios. E como cada reforma posterior participa e sacraliza as anteriores, hai que dicir que neste camiño participan tanto a CEOE como CCOO e UGT.

 

   

[Intervención de Luís Burgos, en representación da CIG, nas xornadas organizadas polo Consello Galego de Relacións Laborais (CGRL) o pasado 29 de abril de 2008 en Santiago de Compostela]

 

cig.prensa@galizacig.com