
Nado en 1946 (Seoane-Allariz), foi secretario xeral da central sindical nacionalista INTG e membro da Executiva confederal da CIG até o ano 2009.
Na actualidade, é director Fundación Moncho Reboiras para o Estudo e a Divulgación da Realidade Social e Sindical de Galiza, vinculada á CIG.
Dicía nun artigo anterior que a loita de clases fervía, e se cadra a algúns pódelles parecer unha afirmación moi contundente, que non responde á realidade, xa que seguramente esperaban unha resposta máis forte. En todo caso convén clarificar, para aqueles que todo o cuantifican pola protesta na rúa, que a loita de clases ten como berce as relacións laborais no seo das empresas.
Se analizamos os dados estatísticos, podemos comprobar que o ano 2009 foi un dos de maior conflitividade laboral en Galiza. O noso país dobrou en días de folga tanto a Andalucía como ao País Vasco, en relación á poboación de cada territorio. Nomeadamente os días de paro foron 560.300 en Andalucía, 370.500 en Galiza e 115.300 no País Vasco, no resto dos territorios a conflitividade foi moito menor. Na resposta á crise, malia que sexa inferior a necesaria (aínda), estamos na vangarda, e neste feito a CIG ten moito que ver. Lembremos a dura e longa folga do metal na provincia de Pontevedra, os conflitos en Alfageme, Caramelo, o Consorcio, Povisa, Treves, Montoto, Vidriera del Atlántico, comercio Coruña, etc.
Entón, ¿por que a oposición ás medidas tomadas polo Goberno central, supostamente contra a crise, porén en realidade para aumentar os beneficios dos grandes grupos económicos, é aínda moi limitada, cando vai a prexudicar tan directamente e durante moito tempo á clase traballadora e outras camadas populares? Hai varias razóns. Sementouse desde as clases dominantes, e os partidos que xestionan o sistema, a falsa idea de que estamos diante dunha crise cuxa solución depende do que fagan os máis fortes, e como non é posíbel polo momento un acordo (dado a diverxencia de intereses) só é posíbel restrinxir gastos, traballar máis e esperar. Asemade, dise que todo está controlado polo “mercado” que pode afundir mesmo aos países máis poderosos, agochando que se trata de empresas e persoas concretas. Estas ideas desalentan as protestas, xa que inducen a pensar que non terían ningún resultado efectivo e transforman en etéreas as responsabilidades.
O tempo irá desmontando estas falsas concepcións no imaxinario colectivo, tanto porque, mesmo cun aumento do PIB seguirá a presión contra as clases populares se non se opoñen firmemente á onda reaccionaria, como porque, a situación de cada país non é igual nesta crise, xa que depende de cada goberno e da correlación de forzas ¡non é un mal universal! Daquela o tempo dará moito valor a coherencia sindical e política, porén tamén ás propostas do BNG que esixiron que as medidas de axuste se fixeran sobre as grandes fortunas e altos salarios, ou sexa, sobre aqueles que lle deron pulo á crise e se benefician dela. Agora ben, activar a militancia, unir e alentar as protestas, formar e informar axeitadamente, permitirían acelerar este proceso, e isto é algo da máxima relevancia.
[Artigo tirado do ‘Xornal’, do 4 de xullo de 2010]