
Pretenden escorregar o motivo principal da sentenza do Estatut. Din que é un problema xurídico, de encaixe na Constitución, de equilibrio entre as dúas posturas, de entendemento entre as dúas administracións. Menten! A sentenza, aínda que afectase só a un artigo, é no fondo un problema netamente político.
A proposta de Cataluña foi referendada polos parlamentos catalá e español e votada polos cataláns afirmativamente nun referendo. Polo tanto contaba cun respaldo popular e co visto e prace das cámaras que, no principio constitucional, representan a suposta soberanía do pobo, sempre baixo a beizón da monarquía borbónica. Fronte a esa aprobación o Tribunal Constitucional riscou varios artigos tras case catro anos de deliberación. Mais velaí está o problema: a constitución española.
Os analistas da corte ou cortello reiteran que foi unha sabia decisión porque disque mantén o equilibrio e nin España nin Cataluña perden. Evitan en todo intre falar dunha sentenza que cuestiona os poderes lexislativos catalá e español. Din que se reforza a España das autonomías. Evitan en todo intre abrir un debate sobre o federalismo e o recoñecemento da plurinacionalidade do Estado español. Defenden a lexitimidade do Constitucional. Evitan en todo intre analizar a composición política do tribunal, as súas posicións ideolóxicas, e a interpretación política das leis. Esquecen, e como esquecen!, a sentenza do caso Egunkaria na que se demostrou a imparcialidade dos poderes do Estado, o mesmo Estado responsábel das torturas aos detidos e dos que non se sabe ren, nin saberemos. Non estaban completamente lexitimados, claro que non! Eles mesmos o amosaron cando tardaron en deliberar catro anos!
Sabémolo ben: o Consello Xeral do Poder Xudicial está composto por elección do Parlamento español, sempre nun pacto entre PP e PSOE. O Constitucional é da mesma madeira. Non hai separación de poderes. Hai unha forte cadea ideolóxica.
Por que hai tanto medo a abrir o debate da reforma constitucional? Sería o natural. A sociedade que votou a Constitución de 1978 está boa parte dela morta. Aprobouse co ruído de sables de fondo e co falanxismo reorganizado na UCD. Esa constitución aínda recolle un artigo tan anacrónico como o número 8 que o xeneral Mena mencionou en 2006 (ou acaso esqueceuse?) alertando de que no caso de saír adiante o Estatut as forzas armadas terían que defender a integridade española. Tamén mudou a sociedade española, os seus dereitos, a integración na Unión Europea, as funcións do Senado como cámara de representación territorial, a descentralización da política fiscal, a revisión do sistema xudicial, o desenvolvemento dos propios estatutos...
Mais vaiamos de novo atrás no tempo. Lembrades aquelas proclamas da dereita e socialdemocracia española respecto do referendo do Plan Ibarretxe? O vieiro axeitado é o catalán, non o vasco. Agora cal será? O Estatut, que ninguén o esqueza, seguiu todos os trámites e procedementos da actual lexislación española. Que ninguén esqueza iso.
A estrutura do Estado español, na súa integridade, vive intres de febleza. Se cadra a maior crise trala ditadura. Xúntaselle un problema financeiro, laboral, xudicial e territorial. O Estado español, quen cedeu a súa soberanía á Unión Europea, ao Banco Mundial e ao Fondo Monetario Internacional (para mostra as visitas dos seus representantes para falar da reforma laboral), está en xaque.
Descoñecemos como vai rematar esta situación. O que si provocou foi unha exaltación dos nacionalismos periférico e español. As inmundicias e falacias da prensa madrileña contra os cataláns (insolidarios, egoístas, boicoteadores...) só son mostras dunha tamaña irresponsabilidade, dunha demagoxia de tempos pasados.
Mentres, en Galiza, un nefasto Presidente da Xunta fai campaña para irse a Madrid centrando o seu discurso na cuestión española e relegando a realidade galega a anuncios e publicidade, derramando moreas de cartos, recortando os nosos dereitos lingüísticos, dándolle abeiro á especulación (Lei de costas), privatizando (caso da sanidade) e impoñendo unha cultura allea á galega. Debemos rearmar o discurso ideolóxico. A batalla das ideas latexa máis viva ca nunca.
[Vigo, 6 de xullo de 2010]