Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
6/7/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Os recortes polarizan Europa

O apoio que os gobernos europeos prestaron a bancos e empresas durante a crise económica incrementou o déficit orzamentario e da débeda pública na zona euro. Ao custo das chamadas medidas de rescate para o sector financeiro súmase a redución de ingresos, produto do estancamento económico. En consecuencia, os Gobernos europeos proclamaron a redución do déficit como principal obxectivo da política económica.

A crise e a especulación deixaron varios Estados da zona euro á beira da bancarrota. Hungría, Romanía e Grecia acudiron a créditos do FMI e da Unión Europea para evitar a súa insolvencia. Como condición, a política fiscal destes países quedou sometida ao control dos organismos internacionais, que impuxeron unha ríxida austeridade fiscal. As consecuencias do réxime fiscal do FMI amósanse en Letonia. O país báltico obtivo en 2009 un crédito do FMI baixo a condición de recortar os seus gastos. Entre outras medidas foron pechados 32 hospitais de 56 e recortáronse un 35% os salarios no sector público.

Neste contexto, os Gobernos europeos presentaron plans para reducir o seu déficit mediante o recorte de gastos e a suba de impostos indirectos. O Goberno alemán é o principal impulsor da política de austeridade para manter baixo o custo do traballo e poder competir con países como China en exportacións. Un estudo recente do instituto económico alemán DIW, afín ao Goberno, constata que durante a última década foi polarizada a sociedade debido á crecente desigualdade salarial. Segundo o devandito estudo, este plan de saneamento do orzamento público acentuará a desigualdade, porque afectará sobre todo aos parados, familias e traballadores no sector público.

Algúns gobernos actúan con máis cautela ao presentar os recortes. O Goberno británico estuda reducir os gastos da clase política e obrigará os ministros a compartir coches ou usar o transporte público. Portugal impuxo unha taxa sobre os ingresos das empresas e Grecia un imposto sobre bens de luxo e un imposto do 1% sobre ingresos superiores a 100.000 euros. A última cifra contrasta coa subida do IVE de 19% ao 21%, a conxelación de pensións e o recorte do 30% en bonificacións no servizo público.

De momento, as protestas contra os recortes foron moderadas. Nos países máis afectados, como Romanía e Grecia, producíronse folgas cunha alta participación e manifestacións multitudinarias que nalgúns casos desembocaron en disturbios. Porén, os movementos sociais non son os únicos que gañaron terreo por mor dos recortes e a desigualdade social crecente. Sobre todo en Europa oriental, os partidos de extrema dereita ampliaron a súa influencia.

En Hungría os partidos socialdemócrata e liberais sufriron unha tremenda derrota nas eleccións celebradas en abril deste ano. Os nacionalistas de Fidedsz obtiveron a maioría absoluta e o partido abertamente fascista Jobbik converteuse na terceira forza política cun 12,8% dos votos. Jobbik mantén unha agresiva retórica antisemita e nacionalista. Movementos similares xurdiron en Romanía, Eslovaquia e Bulgaria.

O sociólogo Wilhelm Heitmeyer conecta a crecente xenofobia á polarización das sociedades europeas. Segundo o seu estudo máis recente, no leste europeo esténdese máis o racismo contra xudeus e xitanos, mentres que no oeste se tende a encubrir actitudes racistas baixo a crítica a Israel ou ao islam. Esta última reflíctese nas prohibicións do veo en Francia e Bélxica ou o notable resultado do PVV antiislámico de Geert Wilders nas últimas eleccións holandesas.

 

[Artigo tirado da publicación ‘Diagonal’, do 25 de xuño de 2010]

cig.prensa@galizacig.com