Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
6/8/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
A última “boutade” económica das dereitas

Unha das ideas máis daniñas que as dereitas na Unión Europea (Merkel, Sarkozy, Rajoy) están propondo é incluír unha emenda na Constitución dos seus países que prohiba ao estado ter déficits públicos. Arguméntase que os estados teñen que se comportar como as familias e que, polo tanto, non deben gastar máis dos que ingresan.

Esta postura, amplamente estendida en medios conservadores e neoliberais, baséase en varios erros. Un deles é que descoñece o comportamento económico das familias. En realidade, as familias endebédanse constantemente. Moi poucas son as familias que cando compran unha vivenda ou un coche, por exemplo, pagan o seu custo total en efectivo. A maioría endebédase. Sen se endebedaren, as familias non poderían manter os seus niveis de vida. Pois o mesmo ocorre co Estado. De aí o déficit e a débeda pública.

É preocupante unha elevada débeda pública? A resposta é que depende de como se xere. Por exemplo se unha familia se endebedou para ir de vacacións ao Caribe, o carácter da débeda é distinto ao endebedamento que a familia adquira para facilitar os estudos dos fillos ou para comprar un coche necesario para ir ao traballo. Nestes dous últimos casos, os gastos son investimentos necesarios para aumentar agora ou no futuro a renda familiar. No primeiro caso, a débeda familiar era un consumo e non un investimento.

Pois o mesmo ocorre no caso dos Estados. Os estados poden endebedarse para pagar os recortes fiscais que benefician aos ricos (como foi ocorrendo en gran parte dos países da UE, incluíndo o Estado español, onde as reformas fiscais regresivas beneficiaron ás rendas altas e ao mundo financeiro e empresarial, sendo iso unha das causas do crecemento da débeda pública). Esta é unha débeda non produtiva, pois xerouse para protexer as rendas dos ricos. Pero os estados poden endebedarse para investir en infraestruturas físicas e sociais necesarias para incrementar a produtividade, o crecemento económico, a creación de emprego e o estándar de vida presente e futuro. Por iso é polo que no caso de que o Estado non se endebedase para facer estes investimentos, o estándar de vida dos fillos sería peor que o dos seus pais, punto no que é preciso insistir, pois os que queren eliminar o déficit e a débeda sempre subliñan que ter unha débeda elevada é penalizar os fillos, que terán que pagala. É ao revés, sen tales investimentos, non se mellorará o país no que vivirán os nosos fillos e netos.

Estes puntos elementais, que se ensinan nos cursos introdutorios nas Políticas Públicas, ignóranse constantemente por economistas e políticos neoliberais, que asumen que todos os déficits e todas as débedas públicas son malos. E de aí o seu erróneo consello de que hai que eliminalos. A realidade, porén, é distinta ao dogma neoliberal. E, tal como está a economía, a redución do déficit e da débeda pública fará moito dano, pois a súa diminución facilitará a recesión. Neste momento que a demanda de produtos e servizos é moi escasa (consecuencia da crise económica e financeira), é urxente e importante que haxa unha demanda pública a base de aumentar o gasto público, mesmo á conta de aumentar o déficit e a débeda pública.

Pero existe outro erro que as dereitas fan e é que, ademais de descoñecer a necesidade de endebedárense que teñen as familias, ignoran que o estado pode imprimir diñeiro e as familias non. Aí hai unha diferenza maior. Unha función dos Bancos Centrais foi precisamente a de imprimir diñeiro. Esta situación cambiou coa introdución de Estado español na eurozona. A partir de entón, é o Banco Central Europeo o que imprime o diñeiro e préstao aos bancos pero non aos estados (situación que cambiou recentemente), sendo o único Banco Central entre os Bancos Centrais das grandes economías que non ten tal responsabilidade. Tanto o Banco Central Estadounidense (The Federal Reserve Board) como o Banco Central do Xapón, ou o Banco Central de Gran Bretaña, imprimen diñeiro que os estados utilizan para pagar as súas débedas. Por iso é polo que o tamaño da débeda pública non é o indicador máis importante do endebedamento público dun país, pois a única débeda da que o estado ten que pagar xuros é a que se chama débeda neta, é dicir, a débeda pública (os bonos do Estado) que xeran xuros que o Estado debe pagar aos investidores privados que a posúen. De aí deriva que a información máis importante non é a débeda bruta (que é a que constantemente se cita), senón a débeda neta. Xapón ten unha débeda bruta que representa o 225% do PIB, e en cambio ten que pagar uns xuros de só un 2% (o Estado español ten que pagar uns intereses do 3,6%), e iso como consecuencia de que a débeda neta é moi inferior á bruta. De aí o erro de querer baixar a débeda e o déficit, sen entender que tanto o déficit como a débeda son entidades e conceptos máis complexos do que as dereitas parecer ser conscientes.

Por moi elevado que pareza o déficit público no Estado español (e non o é, pois está por baixo da media da UE-15), este non é o maior problema que ten o noso país, pois o tamaño da débeda neta é relativamente menor no Estado español. O problema maior do Estado español é o escaso crecemento económico e o elevado desemprego. E iso empeorará coas medidas de austeridade de gasto público (incluíndo gasto público social) e coa desregulación dos mercados de traballo. O que se require é un crecemento do gasto público para estimular a economía e crear emprego. Tal crecemento será o que absorba o déficit, diminuíndoo. Por iso é polo que a aprobación da proposta do PP sería unha medida enormemente negativa que imposibilitaría á economía española de poder responder ás recesións que periodicamente ocorren na vida económica dun país.

 

[Artigo tirado do blog do autor, do 2 de agosto de 2010]

cig.prensa@galizacig.com