Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
Touros e identidades nacionais

É momento de celebrar sen matices a decisión catalá. Esperemos ademais que se converta nun exemplo moral. Lamentabelmente hai motivos para temer que se se converte en bandeira identitaria de certo nacionalismo populista español contribuirá a que a moitos lles resulte difícil abrirse a considerar as razóns morais de fondo.

A ninguén se lle escapa que nos debates que se produciron ao fío da prohibición dos touros aprobada polo Parlament de Catalunya a cuestión identitaria estivo moi presente. Estívoo até o punto de enlamar en gran medida o debate acougado e centrado nos aspectos realmente importantes: a pertinencia das razóns morais achegadas polos defensores dos animais e a aceptabilidade da prohibición xurídica desas prácticas. Por certo que probabelmente foi o Parlament un dos lugares onde o debate, con todo o traballo previo de comparecencias e informes, se produciu en termos menos envelenados, máis centrados nas razóns pertinentes e cunha deliberación máis rica. Mais as reaccións recollidas nos medios de comunicación procedentes de políticos, de persoas vinculadas ao mundo dos touros ou de famosos en xeral, así como o que se di na rúa ou o que se escribe en Internet, non sempre foron por estes camiños. Con moita frecuencia contribuíron a mesturar cuestións identitarias e touros.

Non é daquela de identidades nacionais do que deberiamos estar falando agora. Pero unha vez que o tema está tan presente, non queda máis remedio que entrar a discutilo, precisamente para permitir que o debate sobre a prohibición dos touros se centre realmente nos touros. A forma máis común do argumento que relacionaba os touros coas cuestións identitarias vén dicir algo así: a razón pola que se está promovendo a prohibición dos touros en Catalunya ten que ver fundamentalmente cunha cuestión de nacionalismo identitario. Por conseguinte, a iniciativa convértese en espuria e xustifica a oposición á prohibición. Porén, este argumento enfróntase polo menos a tres obxeccións. En primeiro lugar, os que o axitan serían culpábeis da mesma falta que atribúen aos seus opositores. En segundo lugar, é dubidoso que a razón da prohibición sexa esta. En terceiro lugar, habería que reconsiderar se tería algo de malo en que así fose. Como se pode comprender, a cuestión máis controvertida é esta última.

Pode ser asunto opinábel determinar quen incidiu máis en levar o debate sobre a prohibición dos touros cara a termos identitarios. Eu teño a impresión de que foron os que denunciaban a presunta manobra que se estaba producindo en Catalunya. Non parecían decatarse de que eles mesmos estaban a dalo en termos identitarios, xa que a premisa do argumento, ás veces explícita e outras non, era que as corridas de touros son parte substancial da cultura e da identidade española. Ocorre co nacionalismo español que non adoita ser consciente de selo. Instalado na súa naturalidade e sen necesidade de se afirmar como tal, os nacionalismos identitarios son os dos outros. Con iso é posíbel descualificar en global os debates identitarios, posto que é unha forma de afirmar a “identidade por defecto”. Mais neste caso os críticos veríanse atrapados no seu propio argumento. Se hai algo de malo en mesturar as cuestións identitarias no debate sobre os touros, tan rexeitábel sería o caso do que pretende a súa prohibición para afirmar unha identidade catalá diferente da española, como o que pretende o contrario. A non ser que se sosteña que hai unhas identidades boas (as nosas) e outras malas (as que pretenden os outros). Por certo que este empate entre os que usan os touros para definir a identidade nun e outro sentido dáse unicamente en Catalunya e para definir a identidade catalá, é dicir, entre os que cren que os touros deben formar parte desa identidade e os que non. Cando o argumento identitario se manexa desde fóra de Catalunya e para definir o que os cataláns deberían asumir como propio, corre o risco de se converter nunha imposición improcedente.

A segunda cuestión ten que ver co dubidoso de que as razóns para a prohibición dos touros estean baseadas en motivos identitarios. Os promotores da iniciativa insistiron en negalo e os debates que se produciron no Parlament déronse en termos de razóns morais relativas ao sufrimento dos animais e á barbarie das prácticas. É dicir, ao redor das razóns relevantes para tomar esta medida. Para efectos da súa xustificación é o que nos ten que importar. Supón isto afirmar que as motivacións identitarias non tiveron nada que ver, que non hai persoas que en última instancia se movían por estes motivos ou que non hai outros que o celebraron nesta clave? Naturalmente é imposíbel afirmar isto e mesmo se pode admitir que é moi plausíbel que esas motivacións existan nalgunhas ou mesmo en moitas persoas. Pero o que si se pode dicir é que resulta irrelevante para efectos da xustificación da medida. Cómpre distinguir aquí entre o que é a explicación de por que se chegou a unha convición e a xustificación desa convición. O relevante do asunto dos touros é o peso das razóns morais contra os malos tratos animais, non os motivos polos que uns e outros cheguen a asumir estas razóns e a votar democraticamente en consecuencia.

Pero, en terceiro lugar, que ocorrería se así fose, isto é, se as razóns identitarias fosen as que moveron a unha parte dos deputados cara á prohibición dos touros. É dicir, non só en termos de explicación, senón tamén de xustificación. Que eu saiba, ninguén o expuxo nestes termos, pero imos supor que así fose. Cal sería o problema? En primeiro lugar hai que dicir que os parlamentos, e en xeral as institucións democráticas, poden decidir sobre cuestións identitarias e que o fan con algunha frecuencia, por exemplo cando regulan os símbolos (bandeiras, himnos, etc.). Se cadra non é conveniente que dediquen moito tempo a iso e é aínda máis conveniente que ao tratar estas cuestións se movan con certa prudencia e procurando non ferir demasiadas sensibilidades nin ofender ás minorías. Agora ben, se a pregunta é se as razóns identitarias xustifican calquera regulación, e en concreto esta, a resposta é categoricamente non. En particular, neste asunto resultaría absolutamente inaceptábel que se prohibisen os touros -ou calquera outro espectáculo- unicamente por motivos identitarios, no que suporía unha interferencia excesiva do poder. (Deámoslle a volta ao argumento para afirmar que tamén sería inaceptábel que se intentase reverter a decisión do Parlament, xustificada en termos morais, aludindo a motivos identitarios opostos ou á protección da cultura). Pero esta decisión está xustificada (e só está xustificada) en razón dos imperativos morais que esixen un compromiso público contra os malos tratos aos animais, non por outras razóns.

A cuestión é aquí se esta decisión, xustificada en termos morais e lexítima en termos democráticos, quedaría dalgún xeito deslexitimada no caso hipotético de que algúns dos que a votaron (ou a defenderon) o fixesen por motivacións identitarias, motivacións que, por si soas, como vimos non xustificarían a medida. Hai que dicir que este é un problema máis xeral: que ocorre cando unha sentenza xustificada e motivada se impón grazas ao voto dun xuíz que chega á mesma solución mediante un razoamento incorrecto? Que ocorre cando unha lei é aprobada grazas aos votos de dous grupos que votan por razóns completamente diferentes e mesmo contraditorias? Coido que no caso que nos ocupa o relevante para responder a esta pregunta segue sendo non só o feito da maioría, senón e sobre todo o da corrección da xustificación esgrimida a favor da lei. Un caso imaxinario e extremo pódenos axudar. Supoñamos que un grupo político de carácter relixioso, cun peso decisivo no parlamento, se opón tamén ás corridas de touros porque consideran que se trata dun animal sacro, aínda que non terían inconveniente en que se seguisen celebrando se o animal en cuestión fose un cabalo ou un chimpancé. Trátase dunha razón particular dos que profesan esa relixión, razón que non é universalizábel e que por suposto non podería en ningún caso xustificar por si mesma a prohibición. Coido, porén, que non habería motivos para rexeitar a estes aliados conxunturais, posto que obxectivamente contribuiría a un avance real coa aprobación da lei.

Se isto é así, a discusión arredor deste asunto debe darse sobre o peso dos argumentos morais contra as corridas de touros e sobre se tales argumentos xustifican a prohibición, non sobre cuestións identitarias. É, por iso, momento de celebrar sen matices a decisión catalá. Esperemos ademais que se converta nun exemplo moral. Lamentabelmente hai motivos para temer que se se converte en bandeira identitaria de certo nacionalismo populista español contribuirá a que a moitos lles resulte difícil abrirse a considerar as razóns morais de fondo. Sería un mal sinal. Tanto para o avance da conciencia moral de respecto aos animais, como para a necesaria construción dunha identidade española que sexa respectuosa e non excluínte respecto doutras identidades e con capacidade, tamén, de considerarse criticamente e rexeitar algúns trazos propios que -como ocorre con calquera cultura e identidade- non son dignos de conservarse.

 

[Artigo tirado do sitio web ‘Rebelión’, do 6 de agosto de 2010]

cig.prensa@galizacig.com