Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
Os perigos da reforma constitucional

Hai apenas uns días Merkel e Sarkozy anunciaban a súa vontade de iniciar unha ditadura económica no seo da Unión Monetaria. O seu anuncio para avanzar na creación dun auténtico goberno para a zona monetaria non era senón un eufemismo para encubrir o escenario real cara ao que pretenden abocar os estados membros da Unión Monetaria: democracias representativas baleiradas da posibilidade de que os cidadáns decidan sobre o seu benestar porque están constrinxidas por regras ao servizo da oligarquía financeira e os seus intereses.

 Meu dito meu feito: con “agostidade” para aproveitar o menor nivel de contestación social; coa falta de lexitimidade de propoñelo coa data das eleccións fixada; coa pusilanimidade demostrada ante os mercados e a submisión coa que se acatan as “suxestións” xermanas, a intanxíbel Constitución española vai ser modificada para lle dar cabo ao Estado social por obra e graza do último gran anuncio de Zapatero. E é que non outra vai ser a consecuencia. Vexamos por que.

 En primeiro lugar, pola peculiar definición de estabilidade orzamentaria elixida: o déficit estrutural, isto é, o déficit non vinculado ao ciclo económico. Esta definición afástase da establecida no Pacto de Estabilidade e Converxencia europeo onde se prohibe superar o 3% do déficit público total. Xa que logo, a restrición fiscal europea é máis ríxida que a española e, por conseguinte, forzará a esta a adecuarse á mesma, invalidando operativamente á española. Que sentido ten, daquela, fixar unha regra a nivel estatal que é moito máis laxa que a asumida a nivel europeo se non é establecer unha dobre pinza na que a restrición nacional operará sobre o déficit estrutural e a europea sobre o déficit conxuntural?

 Segundo, porque a pesar de que a reforma se aprebe con esta urxencia, o horizonte para o seu cumprimento é 2020. De feito, así o recoñece a última revisión do Programa de Estabilidade do Ministerio de Economía, onde se sinala que o equilibrio orzamentario non poderá alcanzarse, dada a conxuntura actual, antes desas datas polas escasas expectativas de crecemento. O malo é que para logralo terase que recorrer a unha política fiscal moi restritiva que repercutirá negativamente sobre a taxa de crecemento do PIB e, xa que logo, afastará aínda máis a recuperación económica. É dicir, estamos abocados durante unha década a unhas taxas de crecemento moi reducidas e de todos é coñecido que a economía española necesita uns elevados niveis de crecemento para poder xerar emprego.

 Terceiro, porque ineludibelmente esa política estará centrada no recorte de prestacións sociais co fin de evitar que, se se entra nunha nova recesión, o compoñente cíclico do gasto público dispárese. É dicir, tratarase de eludir por todos os medios recoñecer novos e/ou mellores dereitos sociais para a cidadanía non vaia ser que, chegada a crise, o gasto público se dispare e o déficit se converta novamente nun problema.

 E cuarto, porque a pesar de que exista unha restrición similar a nivel europeo, o seu incumprimento foi xeneralizado, mesmo por Alemaña e Francia. Xa que logo, que credibilidade pode ter esta reforma para acougar os mercados se ese fose o seu fin tal e como parece que o é? Quen cre que cunha reforma legal se consegue credibilidade esquece que esta só se constrúe con reputación e para xerar esta hai que actuar sobre a verdadeira orixe do problema, a crise. Non abonda con declarar nin reformar textos legais ás costas da cidadanía.

 

[Artigo tirado do sitio web ‘Diagonal’, do 5 de setembro de 2011]

cig.prensa@galizacig.com