Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
7/1/2009
Director do Le Monde Diplomatique e profesor da teoría da comunicación na Universidade Denis-Diderot (París VII). Cofundador de Attac e de Media Watch Global.
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
: China : : Iraq : : Obama : : Palestina :
Así será o ano 2009

Todo indica que o ano 2009 será o de todos os perigos. Porque agoniza unha era, a do neoliberalismo, e comeza, ás apalpadelas, un novo paradigma. Debese tamén ser o momento de todas as oportunidades. Para empezar a edificar, por fin, un mundo mellor...

"Balas para os mozos, cartos para os bancos". Este expresivo berro de ira dos amotinados de Grecia ben podería sentirse, ao longo de 2009, noutras cidades europeas. Porque o ano que empeza vaise caracterizar, como consecuencia dos despedimentos masivos que está causando a crise, por un forte descontento social. E este desembocará en folgas, manifestacións e enfrontamentos que as eleccións europeas de xuño próximo non han acalmar.

Numerosos novos -estudantes ou non-, son conscientes de que o seu destino é ir dar á mar da precariedade ("xeración 700 euros") ou do desemprego. Desexan facer táboa rasa. Algúns séntense outra volta atraídos polos movementos libertarios. Na atmosfera de loita social que se aveciña, as fileiras do anarquismo poderían engrosarse (1). Como nos anos 30...

Aínda que en materia de política internacional non caben supersticións, os anos terminados en 9 son a miúdo convulsivos. Abonda con observar que, ao longo deste, se conmemorarán: os 10 anos da revolución bolivariana de Venezuela (febreiro); os 20 anos da caída do muro de Berlín e da implosión do bloque soviético (novembro); os 30 da "revolución islámica" de Irán (febreiro); os 40 da "revolución libia" do coronel Gaddafi (setembro); os 50 da revolución cubana (xaneiro); os 60 da revolución chinesa (outubro); os 70 da derrota da República española na Guerra Civil (abril); e os 80 da crise de 1929 e da Gran Depresión...

Sen dúbida, a recesión económica será tamén a principal característica do ano que comeza. Porque os efectos do triplo crac da construción, dos bancos e das Bolsas baterán de vez na economía real.

Nese contexto de descontento social, representa o novo presidente de Estados Unidos, Barack Obama, unha luz de esperanza? Menos do que penssmos. Porque o seu equipo económico, no que figuran varias personalidades ultraliberais responsábeis en parte da crise actual -como Robert Rubin, Lawrence Summers ou Timothy Geithner-, non estará á altura para cambiar as cousas.

Ademais, parece evidente que a nova Administración de Obama será de centro-dereita, é dicir, máis á dereita que o novo Congreso xurdido das eleccións do 4 de novembro (2), o cal agoira tensións máis fortes do previsto entre o Executivo e o Lexislativo. Os novos congresistas demócratas non deixarán de facerse eco das impaciencias dos electores duramente afectados pola crise e profundamente alporizados pola xigantesca fraude do estafador Bernard Madoff, así como polas axudas masivas ofrecidas polo Goberno aos banqueiros. En suma, o entusiasmo de hoxe cara ao novo Presidente podería, ao longo do ano, mudará en decepción, frustración... e carraxe.

O seu equipo de política exterior -constituído por Hillary Clinton, Robert Graves e o xeneral Jim Jones- tamén resulta moi conservador para quen prometeu deixar de impor a democracia a punta de baioneta.

O "foco perturbador" do mundo seguirá sendo Oriente Próximo, como o amosaron os recentes acontecementos tráxicos de Gaza. En Iraq, as forzas británicas e as de todos os demais aliados de Estados Unidos, retiraranse na primavera. Pola súa banda, as tropas estadounidenses de combate deixarán de patrullar en vilas e cidades para repregárense nos seus cuarteis. E a súa retirada acelerarase. Rexurdirá a violencia. O zapatazo do xornalista Muntazer Al Zaidi ao presidente Bush, o pasado 14 de decembro en Bagdad, dá unha idea da carraxe dunha parte do pobo iraquí contra a ocupación estadounidense. Conseguirá o novo e corrupto exército iraquí impedir o desmembramento do país?

Haberá eleccións decisivas en Israel, para a función de Primeiro Ministro, o 10 de febreiro; e en Irán, para a Presidencia, o 12 de xuño. A tensión entre estes dous países alcanzará niveis incandescentes, desembocará nun conflito aberto? Ninguén debe desexalo pois as consecuencias xeopolíticas serían imprevisíbeis. Tamén económicas, xa que os prezos do petróleo volverían andar polos 150 dólares, o cal agravaría máis aínda a crise actual...

En canto a Afganistán, país que Barack Obama desexa converter na prioridade militar do seu mandato, se Washington intensifica a súa intervención terá que multiplicar os ataques ilegais contra Paquistán, xigante demógrafico e á vez potencia nuclear. Iso provocará unha posíbel desestabilización de Asif Zardari, presidente deste Estado en creba, ameazado ademais polo seu poderoso veciño indio, logo dos atentados de Bombai do 26 de novembro pasado. Washington entraría daquela nunha nova engrenaxe intervencionista que podería favorecer o rápido retorno ao Pentágono dos "falcóns", partidarios dun imperialismo duro e dominador. En Cabul, os estadounidenses tratarán de impor un "ditador presentábel", o cal significará un regreso ao realismo político (ou sexa, ao cinismo) e o abandono do proxecto ético que defendeu Obama durante a súa campaña electoral.

Outro xigante que pode reservar sorpresas é China. Porque a crise -que se vai traducir nun aumento xeral do proteccionismo no mundo e a consecuente redución das exportacións- baterá nela con maior forza. Milleiros de fábricas pecharán despedindo masivamente a traballadores desprovistos, na súa maioría, de seguridade social e de atención médica. As protestas crecerán. Conseguirán as autoridades de Pequín manter a paz social? A que prezo?

En América Latina, a incógnita principal será saber se Barack Obama aceptará o ramo de oliveira que lle ofreceu o presidente de Cuba, Raúl Castro, e se negociará por fin o cesamento do embargo comercial da illa. Saberémolo o 17 de abril cando, con ocasión do Cumio das Américas en Puerto España (Trindade e Tobago), o mandatario estadounidense defina a súa nova política para o hemisferio.

Entre mentres, a crise climática seguirá agravándose. Todo indica que o ano 2009 será o de todos os perigos. Porque agoniza unha era, a do neoliberalismo, e comeza, ás apalpadelas, un novo paradigma. Debese tamén ser o momento de todas as oportunidades. Para empezar a edificar, por fin, un mundo mellor.

___________________________________________________________________

Notas:

(1) Este 15 de xaneiro celébrase o 2º centenario do nacemento, en Besançon (Francia), de Joseph Proudhon, pai do anarquismo.

(2) Moisés Naim, ‘El País’, Madrid, 30 de novembro de 2008.

___________________________________________________________________

[Artigo tirado da edición española de ‘Le Monde Diplomatique’, núm. 159, xaneiro de 2009]

cig.prensa@galizacig.com