O inevitábel hoxe é o axuste fiscal e o consecuente desmantelamento dos servizos públicos. Era un resultado previsíbel hai bastante tempo, cando se fixo patente que a crise financeira non ía provocar a liquidación radical das políticas neoliberais. A experiencia das anteriores crises financeiras “rexionais” xa mostrara a insensibilidade dos ideólogos neoliberais e a densidade dos intereses que representan.
Tras trinta anos de dominio neoliberal nas institucións, na estrutura económica e na academia, sería un milagre que as cousas cambiasen da noite para a mañá. Á “revolución keynesiana” levoulle case dez anos impor o novo modelo de capitalismo con cara social. E no medio houbo unha guerra mundial, unha mobilización social sen precedentes, a competencia -máis simbólica que real- do modelo soviético, o fracaso sucesivo das receitas liberais... Condicións moito máis dramáticas e consistentes que as que tiveron que afrontar os neoliberais na presente crise. Vista a escasa resistencia actual, podería dicirse que seguen aplicando o seu experimento case no baleiro, nunha confrontación clara cunha alternativa seria.
As mobilizacións que xurdiron como resposta aos recortes son o elemento básico para evitar o esfarelamento dos dereitos sociais. Pero necesitan reforzarse con propostas programáticas que permitan transformar a resistencia en ofensiva, cando menos erosionar o marco hexemónico. En países como o noso, a primeira batería de respostas debe pasar pola esixencia dunha reforma fiscal progresiva, de aumentar os ingresos públicos en lugar de recortar o gasto. Calquera que sexa o indicador que se tome (nivel de ingresos públicos, gasto social respecto ao PIB, gasto en educación ou en sanidade) o Estado español sempre está na banda baixa de ingresos e gastos con respecto á media europea. A caída dos ingresos públicos (do 38,5 ao 31,5% do PIB en tres anos) débese non só á explosión da burbulla inmobiliaria (e ao seu impacto sobre outras moitas actividades: industria, servizos...), senón tamén á sucesión de recortes impositivos que aplicaron alegremente os sucesivos gobernos do país desde o último mandato de Felipe González.
Unha reforma fiscal progresiva co obxectivo de obter o financiamento acaído aos servizos públicos, así como a mellora da equidade e da distribución, debe constituír un eixo central das nosas demandas sociais. Unha reforma que revise os maiores impostos, aumente a progresividade, reduza desgravacións opacas e sente as bases para un control efectivo de todas as rendas. Limitarse a establecer un imposto aos ricos paréceme aceptar un terreo de xogo lamacento. O que se require é eliminar a discriminación entre rendas do traballo e do capital, proscribir a evasión fiscal sistemática que beneficia aos ricos e moitos non asalariados, recuperar o imposto de sucesións, utilizar a imposición indirecta para gravar consumos socialmente innecesarios ou daniños, avanzar nunha imposición ecolóxica... En definitiva, reconstruír un sistema impositivo que sirva para introducir mecanismos redistributivos reais, financiar axeitadamente a provisión de servizos colectivos e avanzar cara a un cambio de modelo produtivo.
Calquera proposta neste sentido deberá facer fronte ao “mantra” tradicional: os impostos desalentan aos emprendedores, frean os investimentos, etc. Como sinalaron diversos comentaristas, se a redución de impostos fose un elemento básico de xeración de investimentos, O Estado español debería ser agora un gran imán para atraer capitais e investimentos por mor dos nosos baixos impostos (e pola “confianza” que sobre a súa continuidade xera a case inevitábel toma da Moncloa por parte do PP).
Hai, ademais, argumentos técnicos máis sólidos para defender a proposta: elementos elaborados pola mellor tradición da economía keynesiana e poskeynesiana que mostran que a redistribución da renda dos ricos aos pobres ou dos primeiros ao sector público ten un efecto dinamizador da demanda, por canto a propensión ao gasto dos ricos é sempre menor. En tempos de incerteza financeira, os ricos tenden a colocar os seus ingresos en bens que lles “aseguran o seu patrimonio”, algo que está ocorrendo na actualidade cos investimentos en ouro e en activos seguros (débeda pública), pero que non xera investimento real. En cambio, o gasto público directo ou as rendas entregadas aos pobres tradúcense automaticamente en actividade económica (á vez que xeran benestar social). A persistencia do gasto público é tan necesaria para manter os servizos públicos como para a xeración de emprego ou a reconversión ecolóxico-produtiva da economía.
A defensa dun novo modelo impositivo é fundamental, pero vai resultar insuficiente, polo menos a curto prazo, para frear a arremetida dos recortes. Debemos pensar nunha liña de defensa baseada en propor outro tipo de axuste fiscal. Ante os recortes indiscriminados da educación, a sanidade e os dereitos sociais, hai que propor outro tipo de recortes. Algo que moita xente propón nos variados actos nos que participei nos últimos meses, e que esixe ser tomado en consideración: a Casa Real, o gasto militar, as estruturas burocráticas inadecuadas, as subvencións á Igrexa católica, os macroinvestimentos inadecuados, etc. Se cadra, a cuantificación acaída dalgúns destes recortes permitiríanos propor outro tipo de axuste e aclarar aínda máis que o debate non é só o de axustar o cinto, senón o de derrocar os dereitos sociais en función dos intereses de grupos económicos e políticos específicos. E talvez nalgúns casos estas contrapropostas poidan servir para frear axustes específicos.
Ter unha boa alternativa en política fiscal é urxente. O cal non quita que con iso se esgoten as propostas que debemos facer para o cambio de modelo. Simplemente pretendín apuntar unha proposta básica de resposta á enxurrada de recortes, que ameazan con sepultarnos baixo unha inabordábel chea de ruínas sociais.
As axudas á banca
Canto nos custou o festín bancario? É unha pregunta que me fan adoito e que me resulta difícil de contestar. Hai poucos días, o xornal Público (12 de setembro) avaliábao en 126.000 millóns de euros, aínda que anteriormente o mesmo xornal (1 de novembro de 2010) o avaliara en 160.000 millóns. Seguramente, a dificultade estriba no feito de que os tipos de axuda foron de moi distinto tipo e o cálculo depende de que cousas se computen e que efectos teñan. Basicamente, a axuda directa do Estado ao sistema financeiro consistiu en tres tipos de medidas.
En primeiro lugar a compra de activos “de alto valor”, basicamente titulacións hipotecarias. O Estado compra débeda hipotecaria aos bancos, estes obteñen o diñeiro por adiantado e o Estado en teoría recupérao a medida que se van devolvendo as hipotecas. O orzamento para estas compras era de 50.000 millóns de euros, aínda que, segundo os datos publicados, só compraron uns 38.000. En teoría, o custo público só é un adianto de diñeiro, pero é bastante probábel que o do “alto valor” non se cumpra (como se puido comprobar ao longo da crise, moitos activos hipotecarios resultaron incobrábeis) e que ao final se perda unha parte do comprado. Sería moito máis razoábel que o Estado comprase aos bancos parte dos seus activos de vivendas baleiras a un prezo taxado, pois agora polo menos teriamos un parque público de vivenda.
En segundo lugar, están os avais ás emisións de débeda privada. Os altamente endebedados bancos e caixas españois requirían urxentemente de diñeiro para ir devolvendo a súa débeda. O aval público permitiulles obter novo financiamento (e, seguramente, máis barata). Se seguen pagando os bancos o custo é pequeno, pero se deixan de pagar, como pasou coas crebadas CAM, Cajasur e Caja Castilla la Mancha) a débeda privada convértese automaticamente en pública. A contía destes avais ascende a preto de 80.000 millóns de euros.
En terceiro lugar esta o FROB (Fondo de Regulación e Ordenación Bancaria), deseñado para financiar a reestruturación de entidades en dificultades. En teoría trátase dun empréstito ao 4,5% de xuros, pero se o banco finalmente quebra ou non pode devolvelo, a débeda capitalízase e, de feito, é o Estado o que carga con todo o custo. Inicialmente o FROB proxectou un investimento de 9.000 millóns de euros, aínda que esta cantidade xa se investiu na súa totalidade antes de se aprobar a última quenda de investimentos en Nova Caixa Galicia, Unnim e Catalunya Caixa. Para salvar os bancos non parece haber tantas rixideces orzamentarias como para recortar o gasto sanitario.
O que é indubidábel é que parte do endebedamento exterior público foi provocado por esta asunción de débeda privada. As axudas reais foron maiores se a iso se suman as diferentes reformas da normativa bancaria que permitiron aos bancos “liberar” parte das súas reservas, ou os créditos ICO que promove este organismo público e que xestiona a banca privada (e hai fundadas sospeitas de que unha parte destes créditos non se canalizaron cara ao resto das empresas, senón que serviron para mellorar balances bancarios). Ou o feito de que o Tesouro español estivo prestando mensualmente uns 24.000 millóns de euros (provenientes dos seus excesos de tesourería) a baixos xuros. Ademais, debe sumarse a todo iso o masivo acceso dos bancos aos créditos mensuais a baixos xuros que lles facilitou o Banco Central Europeo (unha media duns 60.000 millóns de euros ao mes á banca española), uns créditos que, de se teren prestado a gobernos como o grego, seguramente paliarían a crise financeira dese país.
A crise bancaria, provocada polos propios excesos dos bancos, constituíu unha grave lousa para todos nós. Hai que indicar, porén, que unha gran parte da axuda se orientou máis á banca mediana e ás caixas de aforros que aos dous grandes (Santander e BBVA). Estes saíron mellor parados da crise porque gran parte da súa actividade está fóra do Estado español e estiveron menos implicados na burbulla inmobiliaria que os demais. Tamén porque tiveron un acceso máis doado aos empréstitos do BCE, e este foi un factor que facilitou que a crise financeira se transformase noutro paso cara á privatización das caixas.
Hai que esixir contas por esta desfeita financeira. E tamén propor as propostas regulatorias que hai que adoptar para saír do pozo no que nos sumiron os cualificadísimos banqueiros do país.
[Artigo tirado do sitio web de ‘Mientras tanto’, núm. de outubro de 2011]