Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
7/2/2011
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Entrevista a Juan Torres López: “A crise foi un gran calote”

A crise puxo de relevo o custo grandísimo de renunciar á banca pública. Haina que reivindicar. Pero o público non é en si mesmo o adecuado, se a súa lóxica non é diferente á da banca privada. As caixas de aforro non fixeron senón clonar a experiencia da banca privada. As concentracións de caixas e a participación nelas de capital privado parecen a antesala da súa total privatización, que é a pretensión da gran banca...

- Cal é a razón desta crise?

O xigantesco e antidemocrático poder de decisión dos banqueiros é a orixe auténtica da crise. Resumireino con cinco citas alleas: “Os bancos teñen a culpa de todo”, “A banca tivo unha conduta irresponsábel”, “A crise produciuse porque se deixou que a banca cometese unha fraude xeneralizada”, “Os directivos dos bancos que recibiron diñeiro do Estado e agora pagan bonos son uns aproveitados” e “A crise produciuse grazas aos chanchullos da Administración de Bush”. Estas frases proceden de fontes nada sospeitosas de esquerdismo anticapitalista. Pronunciáronas, por esta orde, Warren Buffet, que é un dos dous homes máis ricos do mundo; a segunda aparece nun documento do G 20; a terceira é de Alan Greenspan, o que foi presidente da Reserva Federal dos Estados Unidos; a cuarta é de Barack Obama; e a quinta é unha opinión de Paul Samuelson, premio Nobel de Economía, considerado como o máis prestixioso economista da segunda metade do século XX.

- Por que cualifica vostede esta crise como un calote?

Foi un gran calote. Calote dos bancos que asolagaron o mundo de hipotecas sen garantías e de lixo financeiro. Calote dos organismos internacionais e a maioría dos bancos centrais e gobernos que crearon as condicións para que os bancos se forrasen. Calote de analistas e académicos que proclamaron as virtudes do libre mercado e da desregulación das fianzas. Calote dos líderes políticos que primeiro dixeron non se decataren de nada; despois, ante a gravidade do que sucedía, afirmaron que ían cambiar as cousas, máis tarde inventaron escusas como a gripe A ou a ameaza terrorista para que os cidadáns mirasen a outra parte e non saísen á rúa e, finalmente, actuaron co principio de que para salvar a economía había que salvar primeiro os bancos que a levaron a unha desfeita. Calote dos poderosos do planeta que provocaron este problema xigantesco sen asumir nin pagar as súas responsabilidades e que, como sempre, fixeron que as persoas débiles e pobres sexan as que sufran e paguen as súas criminais desfeitas.

- Os bancos chantaxearon os gobernos?

Moitos gobernos, como o español, tiñan superávit orzamentario antes de 2007 e 2008, pero en canto tiveron que aumentar o gasto público para facer fronte aos efectos da crise, comezaron a incorrer en déficit e a ter que emitir débeda. Os bancos públicos desapareceron hai anos en aplicación de políticas neoliberais de privatización. Aos gobernos non lles quedou máis remedio que emitir débeda. O Banco Central Europeo inxectou diñeiro aos bancos para salvar os seus buracos sen fondo, ao 1% de xuros. Pero logo os bancos esixiron aos gobernos rendementos do 4 e o 5% para a compra de débeda. Aproveitouse da situación para lograr rendibilizar ao máximo os seus capitais.

- Non se pode acusar e penalizar os responsábeis da crise?

Tribunais hai, pero a xustiza está ao servizo dos poderosos e, ás veces, garante a súa impunidade. Hai uns poucos anos o Banco de Santander inventou un produto financeiro para aliviar a presión fiscal dos seus clientes máis ricos. Pero Emilio Botín non rendeu contas ante os xuíces aínda que o seu banco entregou a Facenda información falsa sobre case dez mil operacións bancarias por valor de 145.000 millóns de pesetas, presentando titulares ou homes de palla dese produto financeiro tales como persoas falecidas -algunhas durante a guerra civil-, anciáns desvalidos, parados ou emigrantes, que nada sabían de tales operacións. Era un delito por fraude e falsificación de identidade. Houbo unha acusación particular que pediu para Botín arredor de 170 anos de cárcere. Pero, nun momento do proceso, o fiscal e o avogado do Estado decidiron retirarse, manifestando que o Estado non se sentiu danado. E o tribunal decidiu que non había motivo para xulgar. Ao tempo apareceu no xornal ‘El País’ unha noticia indicando que a daquela secretaria de xustiza e despois vicepresidenta do goberno, María Teresa Fernández de la Vega, dese orde ao fiscal para que retirase o contencioso. E entón nin houbo xuíces, nin xornalistas, nin cidadáns que actuasen.

- Que alternativas se propuxeron desde a economía crítica?

A crise é do sistema e as solucións deben situarse fóra do sistema actual. Enumerarei algunhas. Poñer o sistema financeiro ao servizo da economía produtiva de bens e servizos. Evitar que se especule cun ben necesario como é a vivenda. Facilitar créditos a baixos xuros ás empresas e cidadáns. Impor topes ao beneficio e restablecer o valor social dos impostos. Subir os salarios reais, mantendo a capacidade de compra e a produtividade. Crear un auténtico sistema fiscal internacional e mecanismos mundiais de redistribución da renda. Acabar co réxime de plena liberdade de movementos do capital que arruína economías de países enteiros, produce crises locais e globais, non axuda á produción de bens e servizos e só produce beneficios aos propietarios do capital. Establecer un sistema baseado na plena cobertura das reservas bancarias e evitar que co sistema de reservas fraccionarias a banca teña o privilexio monopolista que alimenta a débeda, engorda a actividade especulativa e atribúe aos banqueiros tan inxentes beneficios e un poder que chantaxea o Estado. Á crise non lle poden facer fronte só os gobernos dos países ricos, senón que é necesario crear un goberno mundial plenamente democrático, afastado dos lobbies e grupos de poder actuais. E é cuestionábel o papel do dólar como moeda dominante na economía mundial.

- Que papel poden xogar a banca pública e as caixas de aforro?

A crise puxo de relevo o custo grandísimo de renunciar á banca pública. Haina que reivindicar. Pero o público non é en si mesmo o adecuado, se a súa lóxica non é diferente á da banca privada. As caixas de aforro non fixeron senón clonar a experiencia da banca privada. As concentracións de caixas e a participación nelas de capital privado parecen a antesala da súa total privatización, que é a pretensión da gran banca. A esa gran banca globalizada, afastada do territorio e sen corazón, tenlle sen coidado a existencia dunha economía local, de empresas apegadas ao terreo, de modestas iniciativas de emprendedores, ou a importancia de atender ás pequenas economías domésticas. A banca ética (Fiar, Triodos), incipiente aínda, é unha boa alternativa.

 

[Entrevista tirada do sitio web de ‘Attac’, do 30 de xaneiro de 2011]

cig.prensa@galizacig.com