Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
7/2/2011
Director do Le Monde Diplomatique e profesor da teoría da comunicación na Universidade Denis-Diderot (París VII). Cofundador de Attac e de Media Watch Global.
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
: ditadura : : Exipto : : mundo árabe : : revolta : : Túnez :
Túnez, Exipto, Marrocos. Esas “ditaduras amigas”

Que formidábel lección deron as sociedades árabes sublevadas a aqueles que, en Europa, non os describían máis que en termos maniqueos: é dicir, como masas dóciles sometidas a corruptos sátrapas orientais, ou como xentes histéricas posuídas polo fanatismo relixioso. En cambio, xorden de súpeto, nas pantallas dos nosos computadores ou dos nosos televisores, preocupados polo progreso social, en absoluto obsesionados pola cuestión relixiosa, ávidos de liberdade, fartos da corrupción, mentres denuncian as desigualdades e reclaman a democracia para todos, sen excepcións.

 Tunisia, unha ditadura? Exipto, unha ditadura? Ao ver como os medios de comunicación se relamben agora coa palabra "ditadura" aplicada á Tunisia de Ben Ali e ao Exipto de Mubarak, os franceses tivéronse que preguntar se leran ou oíran ben. E logo non son estes mesmos medios de comunicación e estes mesmos xornalistas os que estiveron, durante décadas, batendo en nóscon que estes dous "países amigos" eran "Estados moderados"? O despreciábel termo "ditadura", no mundo arabo-musulmán, non estaba reservado exclusivamente (tras a eliminación da "terríbel tiranía" de Sadam Hussein en Iraq) ao réxime iraniano? Entón que ocorre? É que hai outras ditaduras nesa rexión? Esconderíannolas os medios de comunicación da nosa exemplar democracia?

 Sexa como for, esa é unha das primeiras revelacións que lle debemos ao sublevado pobo de Tunisia. A súa prodixiosa vitoria liberou os europeos da "retórica de hipocrisía e de disimulo" en vigor nas nosas chancelarías e nos nosos medios de comunicación. Obrigados a desenmascararse, estes fan como que descobren o que nós xa sabiamos desde había moito tempo[1], que as "ditaduras amigas" non son máis que réximes de opresión. Con respecto ao tema, os medios de comunicación só seguiron a "liña oficial": pechar os ollos ou mirar cara a outro lado, confirmando así a idea de que a prensa tan só é libre para cos débiles e os pobos illados. Acaso Nicolas Sarkozy non tivo a fachenda de afirmar, verbo do sistema mafioso do clan Ben Ali-Trabelsi, que en Tunisia, "había unha desesperanza, un sufrimento, un sentimento de asfixia dos que, hai que recoñecelo, non tomaramos conciencia da súa dimensión".

 "Non tomaramos conciencia da súa dimensión"... En 23 anos... A pesar da presenza no lugar dos servizos diplomáticos máis prolíficos comparados con calquera outro país do mundo... A pesar da colaboración en todos os ámbitos da seguridade (policía, xendarmería, intelixencia...). A pesar das estadías regulares dos responsábeis políticos e mediáticos que estableceron alí, sen complexos, o seu lugar de vacacións [2]... A pesar da presenza en Francia de dirixentes exiliados da oposición tunisiana, mantidos á marxe, como apestados, por parte das autoridades francesas e aos que practicamente se lles prohibiu o acceso, durante décadas, aos grandes medios de comunicación... Como dexenerou a democracia!

 En realidade, estes réximes autoritarios estiveron (e continúan estando) baixo a compracente protección das democracias europeas en prexuízo dos seus propios valores e co pretexto de que constituían unha defensa contra o islamismo radical[3]. Trátase do mesmo argumento cínico que, na época da Guerra Fría, utilizou Occidente para apoiar as ditaduras militares en Europa (España, Portugal, Grecia, Turquía) e en América Latina, coa pretensión de impedir deste xeito a chegada do comunismo ao poder.

 Que formidábel lección deron as sociedades árabes sublevadas a aqueles que, en Europa, non os describían máis que en termos maniqueos: é dicir, como masas dóciles sometidas a corruptos sátrapas orientais, ou como xentes histéricas posuídas polo fanatismo relixioso. En cambio, xorden de súpeto, nas pantallas dos nosos computadores ou dos nosos televisores (cf. o admirábel traballo de Al Jazeera), preocupados polo progreso social, en absoluto obsesionados pola cuestión relixiosa, ávidos de liberdade, fartos da corrupción, mentres denuncian as desigualdades e reclaman a democracia para todos, sen excepcións.

 Lonxe das caricaturas binarias, estes pobos non constitúen unha sorte de "excepción árabe", senón que se asemellan, nas súas aspiracións políticas, ao resto de sociedades urbanas modernas ilustradas. Unha terceira parte dos tunisianos e case unha cuarta parte dos exipcios navegan regularmente por Internet. Como afirma Moulay Hicham El Alaoui: "Os novos movementos xa non están marcados polos antigos antagonismos como o antiimperialismo, o anticolonialismo ou o antisecularismo. As manifestacións de Tunisia e O Cairo están desprovistas de calquera simbolismo relixioso. É unha ruptura xeracional que refuta a tese da excepcionalidade árabe. Ademais, son as novas tecnoloxías de comunicación as que alentan estes movementos. Estes propoñen unha nova versión da sociedade civil na que o rexeitamento ao autoritarismo vai da man do rexeitamento á corrupción [4]".

 Grazas sobre todo ás redes sociais dixitais, as sociedades, tanto en Tunisia como en Exipto, mobilizáronse a unha gran velocidade e foron capaces de facer cambalear o poder nun tempo marca. Antes mesmo de que os movementos tivesen ocasión de "madurar" e de favorecer no seu seo a urxencia de novos dirixentes. Trátase dun dos poucos casos nos que, sen líder, sen organización dirixente e sen programa, a simple dinámica da exasperación das masas abondou para facer triunfar unha revolución.

 É un momento fráxil e sen dúbida as potencias xa están traballando, sobre todo en Exipto, para arranxar a situación de xeito que "todo cambie para que non cambie nada", segundo o antigo adaxio de Il Gattopardo . Estes pobos que conquistan as súas liberdades non deben esquecer o consello de Balzac: "Acabarase coa prensa como se acaba cun pobo: concedéndolle a liberdade[5]". As "democracias de vixilancia" teñen infinitamente máis habilidade para domesticar, con toda lexitimidade, a un pobo que as antigas ditaduras. Pero isto non xustifica en absoluto o seu mantemento. Nin debe sufocar o fervor de derrocar a unha tiranía.

 A caída da ditadura tunisiana foi tan rápida que os outros pobos magrebís e árabes chegaron á conclusión de que estas autocracias -entre as máis antigas do mundo- se atopaban, en realidade, profundamente carcomidas e non eran máis que "tigres de papel". A tese demostrouse co caso de Exipto.

 Polo que este impresionante levantamento dos pobos árabes fai pensar inevitabelmente na gran proliferación de revolucións a través de Europa en 1848: en Xordania, Iemen, Alxeria, Siria, Arabia Saudita, Sudán e Marrocos.

 Neste último país, unha monarquía absoluta na que o resultado das "eleccións" (sempre amañadas) continúa sendo determinado polo soberano, que designa segundo o seu criterio aos ministros chamados "de soberanía", varias decenas de familias próximas ao trono seguen acaparando as principais riquezas[6]. Os cables difundidos por WikiLeaks revelaron que no país a corrupción alcanza niveis abraiantes de indecencia, máis elevados que no Tunisia de Ben Ali, e que as redes mafiosas tiñan todas como única orixe o Palacio. Un país no que a práctica da tortura está xeneralizada e a censura da prensa é constante.

 Porén, do mesmo xeito que o Tunisia de Ben Ali, esta "ditadura amiga" benefíciase dunha enorme indulxencia tanto nos nosos medios de comunicación como entre a maioría dos nosos responsábeis políticos[7]. Estes minimizan os signos que mostran o comezo dun "contaxio" da revolta. Xa se inmolaron ao bonzo catro persoas. Producíronse varias manifestacións de solidariedade coas revoltas de Tunisia e de Exipto en Tánxer, en Fes e en Rabat[8]. Presas do pánico, as autoridades decidiron preventivamente subvencionar os produtos de primeira necesidade para evitar as "revoltas do pan". Importantes continxentes de tropas serían retirados do Sahara Occidental e dirixidos a fume de carozo cara a Rabat e Casabranca. O rei Mohammed VI e algúns colaboradores trasladáronse expresamente a Francia, a fin de semana do 29 de xaneiro, para consultar a expertos en materia de mantemento da orde do Ministerio do Interior francés[9].

 Aínda que as autoridades desmenten estas dúas últimas informacións, é evidente que a sociedade marroquí segue con exaltación os acontecementos de Tunisia e de Exipto. Disposta a unirse ao arrebato de fervor revolucionario para se desfacer por fin do xugo feudal, e a pedir contas a todos aqueles que, en Europa e durante décadas, foron cómplices das "ditaduras amigas".

______________________________________________________________________

Notas:

(1)Véxase, por exemplo, Jacqueline Boucher, "A sociedade tunisiana privada da palabra", e Ignacio Ramonet, "Main de fer en Tunisie", Le Monde diplomatique. Respectivamente, febreiro de 1996 e xullo/agosto de 1996.

(2) Ao mesmo tempo que Mohammed Bouazizi se inmolou prendéndose lume o 17 de decembro de 2010, que a insurrección se espallaba a todo o conxunto do país e que decenas de tunisianos rebeldes caían polas balas da represión de Ben Ali, para o alcalde de París, Bertrand Delanoé, e a ministra de Asuntos Exteriores, Michèle Alliot-Marie, era perfectamente normal celebrar alegremente a noite de Nadal en Tunisia.

(3) Ao mesmo tempo, e sen xerar aparentemente a contradición, Washington e os seus aliados europeos apoian o réxime teocrático e tiránico de Arabia Saudita, principal foco oficial do islamismo máis escurantista e máis expansionista.

(4) http://www.medelu.org/spip.php ?article710

(5) Honoré de Balzac, Monografía da prensa parisiense: os xornalistas , Comunicación Social Edicións e Publicacións, 2009.

(6) Léase Ignacio Ramonet, "A polvoreira Marrocos", Le Monde Diplomatique en español , setembro de 2008.

(7) Desde Nicolas Sarkozy ata Ségolène Royal, pasando por Dominique Strauss-Kahn que posúe un «riad» en Marrakech, varios dirixentes políticos franceses non tiveron ningún escrúpulo á hora de visitar esta "ditadura amiga" durante as recentes vacacións de fin de ano.

(8) El País, 30 de xaneiro de 2011 http://www.elpais.com/../Manifestaciones/Tanger/Rabat (9) Léase El País , 30 de xaneiro de 2011 http://www.elpais.com/..Mohamed/VI/va/vacaciones .. e Pierre Haski, "Le discret voyage du roi du Maroc dans son château de l'Oise", Rue89 , 29 de xaneiro de 2011. http://www.rue89.com/..le-roi-du-maroc-en-voyage-discret...188096

 

______________________________________________________________________

 

[Artigo tirado do sitio web en español de ‘Le Monde Diplomatique’, 7 de febreiro de 2011]

cig.prensa@galizacig.com