Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
7/3/2011

Nado en 1946 (Seoane-Allariz), foi secretario xeral da central sindical nacionalista INTG e membro da Executiva confederal da CIG até o ano 2009.
Na actualidade, é director Fundación Moncho Reboiras para o Estudo e a Divulgación da Realidade Social e Sindical de Galiza, vinculada á CIG.

Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Non todo está decidido sobre NCG

O vindeiro 10 de marzo, Día da Clase Obreira Galega, é a data límite para que as caixas entreguen os seus datos económicos e, en caso de non cumprir cos requisitos, presentar un plan para facelo antes do 30 de setembro deste ano. As caixas de aforros que non o consigan serán intervidas polo Goberno central, que no prazo de cinco anos vainas privatizar, despois de convertelas en bancos e sanealas.

 Xustifícanse estes obxectivos na difícil situación dalgunhas caixas por mor da súa exposición ao ladrillo, porén resulta evidente que se lles trata dun xeito diferente á banca privada, xa que a esta se lle deron todo tipo de medios sen pedir a cambio ningunha garantía, nin cuestionar os bonus dos seus directivos ou condicionar a concesión de axudas e avales a unha presenza publica nos consellos de administración.

 Tampouco se pode ignorar que aquelas caixas que non superen a esta altura o 10% de core capital, ou estean moi preto, terán moi difícil acadalo nos vindeiros meses, xa que van acudir todas elas ao mesmo tempo ao mercado de capitais. Ademais, o alarmismo xerado polo Goberno (sobre a súa situación, algo que nunca fixo cos bancos) deprecia o seu valor e retrae os investidores.

 Non se poden ignorar as consecuencias económicas e sociais, xa que se van perder en moitos territorios entidades crediticias que mereceron por décadas a confianza da maioría da poboación, alentaron o tecido económico, arrouparon a actividade cultural, deportiva e de sectores con risco de exclusión social.

 Isto é valido mesmo que fixera falla unha redefinición do seu papel e unha democratización das directivas. Estes servizos desaparecerán no futuro xa que a banca privada ten como finalidade o beneficio e, neste contexto, está totalmente afastada de calquera compromiso real cunha localidade e territorio determinado (como o da nación galega). Lembremos asemade: os bancos lideran a globalización neoliberal.

 Aínda cos atrancos impostos polo Goberno central, e co avanzado da situación, é posíbel manter Novacaixagalicia como entidade semi-pública vinculada ao noso país se hai unha forte mobilización social. Para elo fai falla presión na rúa e numerosas iniciativas institucionais e doutro tipo. Neste senso é moi positiva a convocatoria dunha manifestación o vindeiro 13 de marzo por parte do BNG e CIG aberta a outras organizacións. Sen dúbida habería moitas máis posibilidades de éxito, para manter NCG, se o Partido Popular tivera na Xunta de Galiza unha actitude de maior firmeza fronte ao Goberno central (por exemplo como a Generalitat en Cataluña), e se no PSOE galego pesara máis o compromiso co país que a disciplina partidaria.

 Estámonos xogando a metade do aforro, ese que durante o franquismo todos pensabamos que non debía emigrar para servir ao desenvolvemento de Galiza. Mudaron tanto as prioridades e compromisos?

 

[Artigo tirado do sitio web ‘Xornal’, do 7 de marzo de 2011]

cig.prensa@galizacig.com