
Unha das proclamas gobernamentais para a reforma laboral, que continúa segundo a presión dos mercados, era a inconsistencia dese modelo: agora vivimos máis, debemos traballar máis (como se vivir máis asegurase unha vida máis saudábel!). Porén lemos na prensa que o fondo de reserva das pensións mercou débeda española co que supostamente favorecía a frear a especulación. A cifra que acadou foi do 88% de investimento á vez que reducía até deixalo nun 12% a compra da débeda alemá ou francesa, por exemplo. Que quere dicir isto? Que o fondo de pensións ten a súa hipoteca botada no Estado español. Que sucederá se colapsa? Cando recuperaremos eses cartos? Que se lle dirán entón á clase traballadora?
A queda de Portugal é cuestión de días. Exemplifica unha vez máis o funcionamento do sistema que se alimenta da miseria dos pobos que fai medrar, a mantenta, atraveso da especulación. O modelo indicouno o Fondo Monetario Internacional e o Banco Mundial. Sucedeu o mesmo nos anteriores casos (Grecia e Irlanda).
As denominadas axencias de rating, que son empresas privadas e polo tanto responden a intereses particulares, encárganse de analizar os mercados. As súas cualificacións respecto da solvencia dun estado pon en risco a supervivencia ou favoréceos no incremento da riqueza. Cando Moody´s (unha desas axencias) rebaixa a nota do pulmón económico dun estado ou dunha empresa, segundo a interpretación subxectiva dos seus datos, coloca aos inversores, incluídos os especuladores financeiros, á defensiva e desconfían. A desconfianza leva a non investir. Cando non se inviste ponse en perigo a viabilidade. Entón estados ou empresas rebaixan as condicións para captar clientes e poñen, por exemplo, xuros máis altos ou as accións máis baixas para tratar de captar os inversores. E aí entra o xogo da especulación: se non investimos, máis necesidade terán de aumentar os xuros (non é o mesmo recuperar o teu investimento cun 2% que cun 10%). A partida pode rematar, como temos visto, na creba absoluta. Esa ruptura será a rica torta dos capitalistas.
Hai tres axencias de rating de referencia que serven de fonte de información á prensa mundial. As tres norteamericanas. Estas axencias, insistimos na idea de que están baixo o control de bancos e empresarios, son intocábeis e son peza fundamental da engrenaxe dos mercados e, por ende, da economía planetaria. A súa diagnose adoita tomarse como verdade absoluta. Non se discute malia que cometan erros de órdago (sucedeu co caso da ruína de Lehman Brother´s cando obtiña a máxima cualificación). Na escola, se suspendes cun cero, mandábanche a recuperación. Aquí, aplaudimos coas orellas.
Preguntémonos por outra cuestión arredor da refundación dos sistema financeiro: para que serviron a inxección de cartos públicos? Onde están? A quen beneficiou? A fusión das caixas, a que nos levou se non á bancarización? E aínda máis, como pode ser que Caixanova e Caixa Galicia e a súa fusión (que era de lonxe un paso negativo en termos económicos como se constatou) vaian a pique e Caixa Rural se manteña, aumente a solvencia e dea liquidez? Como se entende que Alemaña (o pedigree de Europa) poida ter nas caixas (que son pequenas pero moitas) un dos seus piares económicos? Pretender chegar a Goliat sendo unha miñoca hai un treito e algúns quixeron facelo dunha alancada.
Agora toquemos o fondo de pensións.
Unha das proclamas gobernamentais para a reforma laboral, que continúa segundo a presión dos mercados, era a inconsistencia dese modelo: agora vivimos máis, debemos traballar máis (como se vivir máis asegurase unha vida máis saudábel!). Porén lemos na prensa que o fondo de reserva das pensións mercou débeda española co que supostamente favorecía a frear a especulación. A cifra que acadou foi do 88% de investimento á vez que reducía até deixalo nun 12% a compra da débeda alemá ou francesa, por exemplo. Que quere dicir isto? Que o fondo de pensións ten a súa hipoteca botada no Estado español. Que sucederá se colapsa? Cando recuperaremos eses cartos? Que se lle dirán entón á clase traballadora?
O risco de creba no Estado español é alto. As medidas do Goberno cumprirán a liña do FMI e do BM. Agarrémonos, cando Portugal caia, coa presión que sufrirá o Estado. Novas reformas, máis recortes en dereitos e poder adquisitivo ou virán co copago na sanidade ou no ensino públicos (imposíbel? Velaí o sucedido nas caixas). E todo iso sen asegurar nunca que con esas medidas se evite a ruptura.
Os gobernos, sexan estatais ou municipais, están formados por persoas. Estas, na súa maioría, queren vivir nun nivel que non é real. Así está a xente de hipotecada, as cotas morosidade seguen a escalada ou aumenta a necesidade de vender até o anel de voda por catro patacóns. Os gobernantes prometeron unha vida por riba da real só pola consecución do voto (é humillante o nivel da política). Viviron de créditos con orzamentos disparatados. Agora a presión do recorte orzamentario é lei de cada día e o déficit unha espada de Damocles. Porén non hai unha reforma profunda dos beneficios que obteñen sexan en salario, axudes de custo, pensión ou favoritismos en organismos públicos (rebaixas no prezo do transporte público, por exemplo). Na banca, máis do mesmo. No empresariado, maragota e media.
Hai que bater na mesa. Unha tarefa inmediata é centrar un discurso transformador que se concrete no cotián (por exemplo, hai que dar datos económicos, nomes e actividades dos especuladores) e que non se cinga exclusivamente á axenda dos medios de comunicación. Hai que romper con esa lóxica de falar só do que eles falan e seguir no ronsel das súas dinámicas. Igualmente, debemos facer fincapé na formación e dotar de máis protagonismo e responsabilidade aos traballadores nos órganos políticos, sindicais ou veciñais. Evitemos a excesiva burocratización que afasta ás organizacións da súa base militante. Promovamos a desobediencia civil por exemplo, cando negociemos con bancos e caixas. Neguémonos a pagar comisións e mantemento de tarxetas. O seu cobro non é unha obriga se non asinamos un papel que diga o contrario. E sexamos plurais e solidarios para construírmos medios de comunicación propios. Entre todos, dende a polifonía ideolóxica do nacionalismo e co respecto pleno ás diferenzas, podemos avanzar. Se hai vontade, claro.
[Vigo, 6 de abril de 2011]