Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
7/6/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
O imperio contraataca

Para que o pobo exipcio poida gozar dunha democracia de verdade, e para que Exipto deixe de ser vasalo dos Estados Unidos, fai falta unha revolución socialista e non unha revolta ao estilo do que vimos na Primavera Árabe, por moi nobres que sexan as intencións das masas que participaron... 

  Teño que admitir que cando empezaron as revoltas que despois se chamaron «Primavera Árabe», eu era un máis entre toda esa multitude que se alegraba de que a xente se rebelase contra réximes ditatoriais e, nalgúns casos (Mubarak en Exipto, por exemplo), mesmo destituía os seus gobernantes. Parecía coma se estivésemos nos limiares dunha «onda de democracias», con cambios de réxime no Oriente Medio e o Norte de África. Parecía que os gobernantes tiñan que aceptar cambios nos seus réximes e, se non aceptaban tales cambios, tiñan que deixar o poder ou ver aos seus respectivos pobos derrocándoos. Polo menos esa era a impresión que tiñamos, que os países en cuestión estaban en procesos de democratización.

 Que inxenuo era eu, que que inxenuos eran os demais que pensaban coma min! No meu caso, decateime ao seguir o caso de Exipto, ao ver que en realidade o réxime non cambiara. Aínda que Mubarak e os seus fillos fosen encarcerados, era como a continuación do antigo réxime, só que sen Mubarak. Exactamente coma se puidésemos cambiar o caso de Exipto polo do Estado español e falar do franquismo sen Franco! En Exipto, temos o «mubarakismo sen Mubarak»! Canto máis o pensaba, canto máis lía sobre o que estaba pasando en Exipto e canto máis contrastaba o meu estado de inxenuidade anterior coas miñas análises posteriores, máis me parecía que isto é xusto o que está pasando en Exipto agora.

 Estes días, dun lado, escoitamos, o sábado 2 de xuño, o veredicto dos tribunais exipcios sobre Mubarak -condenárono a cadea perpetua-, e todos vimos, nos telexornais, as escenas de xúbilo dos exipcios ao saberen da noticia (aos seus fillos, que tamén estaban baixo xuízo, declarárono libres). Doutra banda, o ciclo das eleccións en Exipto tamén chega á súa fin este mesmo mes, e saberemos se o próximo presidente daquel país vai ser un membro dos Irmáns Musulmáns ou un político asociado ao réxime de Mubarak. Pero, gañe quen gañe esas eleccións, é pouco probábel que os exipcios poidan gozar da democracia. Máis ben, van vivir baixo unha nova ditadura, só modificando algunhas das políticas da ditadura anterior, a de Mubarak.

 É que o que eu non vía antes, cando seguía baixo os efectos da miña inxenuidade, e o que moita xente se cadra aínda non ve, é que o que pasa en Exipto non ten que ver cunha loita pola liberdade e contra a ditadura. Máis ben trátase dun intento máis do Goberno do imperio -o dos Estados Unidos de América, claro- por manter as estruturas do réxime en Exipto e as súas relacións con ese país tan intactas como sexa posíbel, mentres dá a impresión de que está aceptando o veredicto popular de que Mubarak e os seus fillos teñen que «irse» (aínda queda por ver o que significa, exactamente, iso: se significa que teñen que vivir o resto dos seus días encarcerados ou se as novas autoridades os executan): basicamente, Obama aceptando que Mubarak non pode continuar como presidente de Exipto, «paga ese custo» para que as estruturas do sistema en Exipto e as relacións dos EEUU co país dos faraóns poidan continuar como antes, con tan poucas modificacións como sexa posíbel.

 A política é, decote, como o que se chama en inglés un zero-sum game: un «xogo» no que nunca poden gañar todos. Un gaña e os demais perden. Neste caso, o imperio (os Estados Unidos de América) gaña e tanto o pobo exipcio como a causa da democracia perden. E as ganancias e perdas veñen en proporcións iguais -de aí o de zero-sum, que significa, simplemente, suma cero-. A parte gañadora obtén un beneficio en igual proporción ao que perde a outra parte -ou as outras partes-. O que os exipcios perden en canto á posibilidade de gozar da democracia, a xustiza social e un réxime no que todos poidan ter unha voz en determinar a dirección que tomen a política e a economía do seu país é o que os estadounidenses gañan na posibilidade de continuar as súas relacións con Exipto como antes, e en canto a poder gozar de Exipto como un país non precisamente aliado, senón, máis ben, vasalo. Así é a política, e así seguirá durante o futuro previsíbel.

 En realidade, a política de Obama para con Exipto non é máis nada que a continuidade da política exterior dos Estados Unidos para con África desde o fin da Segunda Guerra Mundial. O propósito sempre foi ou derrocar a réximes que non lle interesaban a Estados Unidos, ou manter no poder aos que si lle interesaban (aínda que fosen ditaduras -que normalmente si que o foron-) ou, polo menos, salvagardar o sistema de réximes que servían como vasalos aos Estados Unidos, se tiñan que aceptar, como «prezo», o derrocamento dalgún que outro ditador.

 A mesma política foi a que os estadounidenses seguiron tamén en América Latina; por exemplo, co antigo ditador da República Dominicana, Trujillo, ou coa dinastía dos Somoza, que o controlaban todo en Nicaragua até que os sandinistas os derrocaron (aínda que os sandinistas, en 1990, tamén foron derrotados -esta vez en eleccións cuxos resultados non contestaron- e simplemente deixaron o poder), ou coa dinastía Duvalier, ditadores absolutistas de Haití. Hai moitos máis exemplos en América Latina. Tamén no Oriente Medio, cando deixaron que o antigo Sha de Irán fuxise do país en 1953, non sen antes sacar incontábeis miles de millóns en divisas consigo e cos seus familiares, mentres que os Estados Unidos, naquela época xunto co Reino Unido, fixeron o posíbel para que o réxime de Irán cambiase o menos posíbel até que, uns meses despois, os servizos de intelixencia norteamericanos e británicos axudaron a que volvese o Sha a Irán. En realidade, cando este último fuxiu outra vez do seu país en 1979, con toda seguridade estaba esperando que a CIA estadounidense fixese o mesmo que fixo en 1956, só que esta vez o daquela presidente norteamericano Jimmy Carter non soubo, ou non quixo, axudar ao antigo Sha a volver ao poder.

 Se cadra a única vez que unha intervención norteamericana nun país do Terceiro Mundo non tivo intencións imperialistas foi cando forzaron aos exércitos de Israel, Francia e o Reino Unido a deixar Exipto en 1956. Sendo a única intervención non imperialista dos norteamericanos, quizais fose a «excepción que proba a regra».

 O cálculo dos líderes de EEUU, cando decidiron entre manter a un ditador no poder ou aceptar que ese ditador se substituíse como «prezo» a cambio de que o sistema e as estruturas que fan que ese país sirva como vasalo dos norteamericanos non se tocasen profundamente, baseouse na capacidade do ditador en cuestión para manterse no poder, o poder e a lealdade do exército do país en cuestión e a dispoñibilidade doutras elites dispostas a servir como vasalos aos norteamericanos.

 Cando vimos o fenómeno que se chegou a denominar a «Primavera Árabe», vimos, dun lado, os movementos de masas que, por exemplo en Exipto, tiveron éxito sacando por centos de miles, mesmo millóns, de persoas á rúa para derrocar ao ditador de quenda -neste caso, Mubarak-. Pero, doutro lado, tamén vimos o fracaso deses mesmos movementos de masas porque, non tendo absolutamente a ningún líder salientábel ntre eles, non puideron tomar o poder, e dese xeito deixaron o espazo aos Estados Unidos para que o imperio puidese asegurar manexar a situación dun xeito que, á vez que Mubarak foi derrocado, o novo Exipto continuase servindo os intereses dos norteamericanos.

 Para que o pobo exipcio poida gozar dunha democracia de verdade, e para que Exipto deixe de ser vasalo dos Estados Unidos, fai falta unha revolución socialista e non unha revolta ao estilo do que vimos na Primavera Árabe, por moi nobres que sexan as intencións das masas que participaron, que, ás veces, mesmo viron perigar as súas vidas nas revoltas. Oxalá poidamos ver esa revolución socialista máis cedo ca tarde.

 

 

[Artigo tirado do xornal vasco ‘Gara’, do 5 de xuño de 2012]

cig.prensa@galizacig.com