Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
7/6/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
: crise : : economía : : Islandia :
Sen noticias de Islandia

Hai catro anos que en Islandia, esa glacial illa adscrita a Europa que descansa no medio de Atlántico Norte con apenas uns 300.000 habitantes, ocorren cousas interesantes e novas que non se reflicten nos medios corporativos de occidente, confirmando a manipulación inexorábel de que é obxecto a humanidade polo control que sobre os medios de prensa no mundo exercen a superpotencia e as oligarquías a ela adscritas.

 En Islandia non tivo lugar unha revolución social, pero si acontenceu algo case tan grave para a alta xerarquía das finanzas: unha revolución contra a tiranía dos bancos capitalistas nun mundo globalizado con raíces que conducen inexorabelmente a Wall Street.

 Aínda que grazas ás súas centrais xeotérmicas Islandia goza de gran independencia enerxética, o país dispón de moi escasos recursos naturais adicionais e a súa economía, dependente nun 40% das exportacións pesqueiras, é por iso moi vulnerábel. Do mesmo xeito que os demais países europeos, foise endebedando coa banca na especulación para vivir por riba das súas posibilidades reais no sistema financeiro neoliberal impulsado por Estados Unidos ao que agora a economía real axusta contas.

 Para facer fronte aos efectos dunha devastadora crise, hai catro anos, o seu goberno nacionalizou os principais bancos do país e, en represalia, Londres conxelou todos os activos de 300.000 clientes británicos e 910 millóns de euros investidos en bancos islandeses por administracións locais e entidades públicas do Reino Unido. A illa tivo que dedicar 3.700 millóns de euros de diñeiro público a rembolsar a eses clientes.

 Cunha débeda bancaria de Islandia equivalente a varias veces o seu Produto Interno Bruto (PIB), a moeda foi a pique, a bolsa suspendeu a súa actividade e o país caeu en bancarrota.

 Protestas multitudinarias fronte ao parlamento en Reykjavik, a capital islandesa, obrigaron en 2009 a convocar a eleccións anticipadas que á súa vez provocaron a dimisión do Primeiro Ministro conservador e de todo o seu goberno, en bloque.

 Un proxecto de lei amplamente debatido no parlamento propuña descargar sobre todos os cidadáns da illa o rembolso a bancos británicos e daneses da débeda de 3.500 millóns de euros mediante o pagamento por estes en mensualidades durante os próximos 15 anos.

 O pobo volveu ás rúas esixindo someter a referendo tal lei. O Presidente accedeu e non a ratificou a pesar de que o proxecto contaba con 44 dos 66 votos no Parlamento. Convocouse o referendo e o NON ao pagamento da débeda logrou o 93% dos votos.

 Ante tal vitoria da revolución pacífica islandesa, o FMI conxelou toda axuda económica a Islandia mentres non se resolvese o asunto do pagamento da débeda.

 O goberno dispuxo unha investigación para ventilar as responsabilidades da crise e comezaron as detencións de banqueiros e altos executivos. A INTERPOL ditou unha orde de captura e todos os banqueiros implicados abandonaron o país.

 Neste contexto elíxese unha asemblea para redactar unha nova Constitución que recolla as leccións aprendidas da crise e que substitúa á actual. Para iso, recórrese directamente ao pobo soberano representado por 25 cidadáns sen filiación política elixidos entre 522 candidatos propostos.

 A asemblea constitucional traballa desde febreiro de 2011 nun proxecto de Carta Magna a partir das recomendacións consensuadas en distintas asembleas que se celebran por todo o país. Deberá logo ser aprobado polo actual Parlamento e polo que se constitúa tras as próximas eleccións lexislativas.

 A recuperación económica experimentada pola illa tras liberarse da carga parasitaria da débeda cos bancos é vista polas cúpulas capitalistas europeas como un perigoso exemplo para países que acusan de “morosos”, como Grecia e Irlanda. Sobre todo porque os éxitos recentes que vén logrando Islandia levaron a moitos economistas a considerar que foi o colapso dos bancos o que máis axudou a tales avances.

 Non só a economía islandesa non se derrubou coa solución da crise a partir da falta de pagamento da débeda senón que pechará o 2011 cun crecemento do 2,1% que será do 1,5% en 2012, cifra que triplica a dos países da zona euro.

 Gran parte dese crecemento baséase en incrementos produtivos, principalmente no turismo e a industria pesqueira. Iso contrasta co cadro que exhiben outras economías europeas, estancados ou en declive.

 Islandia demostrou que coa recuperación da súa soberanía viñeron aparelladas a xustiza e a dignidade.

 Políticos e banqueiros corruptos foron sometidos a xuízos.

 E, como reafirmación da súa independencia, Islandia converteuse no pasado outono no primeiro país europeo en recoñecer a Palestina como nación independente, algo que ningún país sometido ao xugo da banca internacional capitalista puido facer.

 

[Artigo tirado do sitio web ‘El Mercurio Digital’, do 4 de xuño de 2012]

cig.prensa@galizacig.com