Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
8/10/2009
Escritor arxentino.
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Afganistán: Democracia? O que?

A actividade guerrilleira dos talibáns mantense logo de oito anos de guerra e o mes de setembro foi nefasto para os invasores. O moi inglés International Council on Security and Development acaba de publicar un mapa de Afganistán no que se establecen as zonas de acción insurxente: é constante nun 80 por cento do territorio e descontinua noutro 17 por cento, case todo o país. Isto non se arranxa con máis tropas.

É notorio e hai moito que a Casa Branca se entretén en apoiar golpes de estado e/ou ditaduras, de Somoza a Musharraf, de Pinochet e Videla ao propio Saddam Hussein no seu momento, de Trujillo e Stroessner á monarquía saudita e un longo etcétera. Obama utilizou un recurso que de cando en cando se emprega: o sostén irrestrito a un réxime que se repite grazas a unha fraude electoral de dimensións abafadoras: o presidente afgán Hamid Karzai cumprirá un segundo mandato, bendicido por Washington.

Os indicios da farsa electoral en Afganistán non escaseaban, pero o ex diplomático estadounidense Peter Galbraith, fillo do economista, precisou os seus alcances o domingo pasado: mans descoñecidas -seguramente non para Karzai- depositaron nas urnas un terzo dos sufraxios que lle deron o triunfo na primeira volta. Galbraith sabía de que falaba: fora até uns días antes o segundo da misión do Consello de Seguridade da ONU enviada a Kabul para asegurar que as eleccións fosen “libres, xustas e transparentes”. Atopou que non era así e o seu xefe, o diplomático noruegués Kal Eide, despediuno por testemuña discutidora e molesta.

Eide ordenoulle, antes das eleccións, que non insistise na súa opinión de que Karzai usaría as casas instaladas en zonas inestábeis para cometer fraude. “Noutras fases críticas do proceso electoral tamén se me ordenou que pasase por alto esa cuestión”, sinalou o despedido (www.washingtonpost.com, 4-10-09). Engadiu: “A miña equipa recolleu probas de centenares de casos de fraude en todo o país e, o que é máis importante, reuniu información sobre o reconto de sufraxios nas provincias chave do sur, onde apareceron poucas persoas nas casas, pero rexistrouse un elevado número de votos. Eide ordenounos que non compartísemos eses datos con ninguén, incluída a Comisión de Denuncias Electorais (CDE), unha institución afgá auspiciada pola ONU que ten o mandato de investigar a fraude”. A reelección de Karzai xa viña asegurada.

A Casa Branca ratificouno a fins de setembro nun reunión que Hillary Clinton mantivo con Rangin Dadfar Spanta, ministro de Relacións Exteriores de Afganistán: manifestoulle que acordara cos seus colegas da OTAN “que Karzai sería presidente aínda que a investigación sobre a fraude lle impedise gañar sen unha segunda volta” (www.newstatesman.com, 29-9-09). A democrática Casa Branca ten, seica, unha concepción moi particular da democracia.

O resultado preliminar outorgoulle a Karzai o 54,6 por cento dos votos, contra o 28 do seu principal contendente, Abdullah Abdullah, pero se ao primeiro se lle descontase o 1,1 millón de votos, produto estimado da fraude, dificilmente sería electo na primeira volta. A Constitución afgá establece que para iso fai falta a metade dos sufraxios emitidos máis un. Pero non haberá segunda volta, Eide encargouse de que así sexa.

A CDE emitiu un novo regulamento especialísimo: das mostras das casas das que os votos se volvesen recontar -un 10 por cento do total- determinarase a porcentaxe de votos válidos que resultaren fraudulentos e este descontarase da votación total de cada candidato sen importar a orixe da trampa (Reuters, 5-10-09). Dito doutro xeito: se se lle restase a Karzai un 20 por cento dos votos, o mesmo lle sucedería a Abdullah Abdullah e aos outros 38 aspirantes á presidencia que se anotaron para os comicios do 20 de agosto. Sería un milagre que o presunto electo obteña menos do 50 por cento.

O xeneral Stanley McChrystal, comandante en xefe das tropas invasoras, tamén avogou por Karzai. “A estratexia militar e política de EE.UU. céntrase cada vez máis en darlle lexitimidade ao goberno de Hamid Karzai”, informa The Guardian (www.guardian.co.uk, 23-9-09). Pero diplomáticos e observadores -engade o xornal británico- estiman que o fracaso da recente elección presidencial “destruíu a estratexia de Obama para Afganistán ao primeiro atranco... os comicios levaron a un primeiro plano a inquietude pola corrupción e a lexitimidade”. Para McChrystal, a solución estriba en enviar antes de fin de ano de 30.000 a 40.000 efectivos máis ao país invadido, no que había xa 58.000 ao 30 de xuño. Para non falar dos 74.000 mercenarios, cuxa contía supera ben á das tropas regulares estadounidenses (The Wall Street Journal, 22-8-09).

A actividade guerrilleira dos talibáns mantense logo de oito anos de guerra e o mes de setembro foi nefasto para os invasores. O moi inglés International Council on Security and Development acaba de publicar un mapa de Afganistán no que se establecen as zonas de acción insurxente: é constante nun 80 por cento do territorio e descontinua noutro 17 por cento (www.icosgroup.net, 10-9-09), case todo o país. Isto non se arranxa con máis tropas.

 

[Artigo tirado do xornal arxentino ‘Página 12’, do 8 de outubro de 2009]

cig.prensa@galizacig.com