A posíbel convocatoria dun referendo en Grecia eclipsou o resto de novas da semana. Finalmente, non se celebrará e todo parece ser unha manobra de Papandreu para meter a oposición no Goberno e compartir o custo político dos recortes. O máis interesante foron as reaccións dos líderes europeos que coas súas ameazas, veladas unhas veces e explícitas outras, amosaron o absoluto desprezo que senten pola democracia.
De todos os xeitos, a pesar de que seguen saíndo en televisión e facendo reunións internacionais, eles tampouco mandan gran cousa; os que verdadeiramente gobernan Europa son os bancos que manteñen intacto o seu poder para crear e destruír diñeiro a conveniencia. Mentres non se limite ese poder, seguirannos volvendo tolos con moita palabrería e conceptos como swaps, CDS e outros que vaian inventando, que o único que serven é para estirar e comprimir a cantidade de diñeiro en circulación e coartar calquera discusión sobre economía. A famosa taxa Tobin da que seguen falando nas reunións do G-20 non é máis que un engado para gardar as aparencias, dar a impresión de que se está facendo algo que é moi custoso e complicado, e deixar intacto ese poder que teñen os bancos.
Os islandeses foron os únicos europeos que plantaron cara aos bancos e ao seu goberno e conseguiron recuperar o control sobre as súas vidas e os seus asuntos. Todo empezou ademais dun xeito pouco heroico, hai agora tres anos aproximadamente, cando Hördur Torfason se chantou diante do Parlamento cun micrófono e convidou á xente a que falase. Recuperar a palabra foi o primeiro paso. Axiña empezaron a reunirse os sábados, a organizar mitins e manifestacións así como cazoladas -de onde colleu o seu nome kitchenware revolution- para pedir a dimisión do Goberno. Finalmente, o Goberno dimitiu. A pesar diso, os islandeses continuaron organizados e vixiantes velando polos seus intereses. E así, posteriormente conseguiron revogar dous acordos que o novo Goberno negociara cos acredores e que consideraban lesivos para o pobo de Islandia.
Non pararon aí. Despois de tombar o Goberno, afrontaron un novo reto: cambiar a Constitución. Aquelas mobilizacións permitiron que a xente se organizase en redes que culminaron na constitución dun Foro Nacional, que á súa vez, organizou unha Asemblea Constitucional co fin de introducir na Constitución os cambios necesarios para que o sucedido non volvese ocorrer. Os traballos desa asemblea foron aceptados polo Parlamento, que promoveu a creación dun Consello Constitucional formado por 25 cidadáns e cidadás do común para redactasen o borrador dunha nova Constitución sobre a base dos traballos e achegas recibidas ata entón. E nesa tarefa están.
A clarividencia do pobo de Islandia resulta rechamante. O problema non era tanto e non era só o Goberno, senón o sistema político e económico que provocara aquela crise sen precedentes na súa historia. E aproveitando a dinámica xerada polas protestas contra o Goberno, organizáronse para cambiar o sistema no seu conxunto impulsando un proceso constituínte participativo e democrático.
A claridade nos obxectivos perseguidos que demostraron os islandeses durante estes tres anos contrasta coa dispersión e ambigüidade que caracterizou o movemento dos indignados ou do 15-M que volven moverse coincidindo co inicio dunha nova campaña electoral. Ese movemento logrou mobilizar a moita xente, lanzou un discurso moi crítico contra o sistema político e económico, utilizou lemas atractivos e imaxinativos e conseguiu colocarse no centro da vida social e política durante algún tempo. Porén, continúa sen estar claro, polo menos para min, cales son os obxectivos que pretenden conseguir.
Se cadra, as e os participantes nese movemento tampouco o teñen claro. É posíbel que algúns si o teña claro, pero non o transmiten así. En calquera caso, dá a sensación de que esa actitude e eses discursos antisistema resultan atractivos na súa inmaculada pureza e non se poden estragar con propostas prácticas e obxectivos concretos que obrigan a relativizar os principios e moldear os discursos, a mancharse a final de contas, na loita política.
Pero, desde o momento no que se entra na area política, hai que mancharse dun ou outro xeito, porque ao final o que se faga ou deixe de facer si ten efectos prácticos. O movemento non esixiu claramente a dimisión do Goberno como fixeron os habitantes de Islandia, se cadra, por aquilo de que entre o Goberno de Zapatero e un posíbel Goberno do PP, o primeiro era o menor dos males. Se ese movemento optase por esixir a dimisión do Goberno, é posíbel que o actual Goberno fose xa do PP pero, nese caso, ese novo Goberno estaría condicionado pola presión popular que obrigara a dimitir o anterior e non tería as mans libres para facer o que quixese.
Iso non se fixo e agora o PP, que si ten moi claro cales son os intereses que defende, non dirá gran cousa durante a campaña electoral e chegará ao Goberno polos seus propios medios e posibelmente cunha ampla maioría. A partir de aí poderá desenvolver o seu programa sen as ataduras que supoñería a existencia dun movemento popular amplo e con algunha vitoria ás súas costas.
Os antisistema puros, os radicais insubornábeis e os esquerdistas coherentes que participaron nese movemento non quixeron ou non souberon dotalo dun programa mínimo que canalizase toda esa enerxía social cara á consecución dalgún obxectivo xeral. Dese xeito, ao non dirixir a súa acción cara ao logro dunha meta concreta, non fortaleceu a posición do Goberno, senón todo o contrario, socavaron aínda máis a súa xa escasa autoridade e fixeron o caldo gordo ás hostes do Tea Party, camufladas agora dentro das fileiras do PP. Paradoxos da vida.
[Artigo tirado do xornal vasco ‘Gara’, do 7 de novembro de 2011]