marco
8/2/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
América Latina: Evo ou Piñera, punto de inflexión política?

Se pretendemos transformar a realidade dun capitalismo en crise, o primeiro é pensar en como se constrúe unha saída anticapitalista, xa que os que pensan a continuidade capitalista exercen o poder en todas as súas dimensións. Falamos de inflexión para unha saída popular porque a novidade ao final da primeira década do século XXI é a crise do capitalismo e a existencia, polo de agora minoritaria, dun proxecto socialista.

En varias conversas sostidas nos últimos días reiteráronme unha constante: co resultado electoral de segunda volta en Chile hai un punto de inflexión na tendencia política que se presentaba na última década en América Latina e o Caribe. Confeso que non abondaba coa miña alusión ao fenómeno simultáneo dado pola asunción no goberno de Bolivia, do dúo Evo Morales e Álvaro García Linera por un segundo período. Non deixa de ser un interrogante saber por que pesa máis nalgunhas reflexións o sinal que asumirá o millonario pinochetista Piñera no goberno do país trasandino, que a renovación con aires de radicalización que imporán os veciños do altiplano, agora que definen o seu rumbo polo “socialismo comunitario”. En todo caso pregúntome que pesará máis no debate político e ideolóxico rexional, no clima de época, se o capitalismo exacerbado do dereitista chileno, ou a opción socialista do goberno popular boliviano.

Pero volvamos ao argumento inicial e que me desacouga. Se hai punto de inflexión é que a tendencia se modifica. Hai ou haberá cambio de rumbo? Hai ou haberá restauración conservadora? Para responder os interrogantes hai que trasladarse no tempo e pensar en períodos máis longos, precisamente o que determina a orixe das políticas hexemónicas das últimas catro décadas. É en Chile co golpe xenocida de 1973 cando se fai manifesta a xigantesca ofensiva do capital sobre o traballo, a sociedade e a natureza. É un proceso potenciado coa caída do leste de Europa e a obstaculización na subxectividade popular para pensar na posibilidade socialista. O mundo fíxose capitalista por excelencia, ao momento de habilitar teorizacións como as da “fin da historia”.

A resistencia á iniciativa política do capital (neoliberalismo) construíu a expectativa latinoamericana do primeiro decenio do século XXI e posibilitou hai apenas un lustro a reivindicación do socialismo como proposta de solución para os problemas dos pobos. Primeiro en Venezuela falouse de “socialismo do século XXI” e agora en Bolivia de “socialismo comunitario”. Conveñamos que iso se explica en boa medida polo medio século da experiencia socialista en Cuba. O caso é que os tres países protagonizan xunto a outros catro -Nicaragua, Honduras (1) , Dominica e Ecuador- unha interesante e desafiante experiencia de integración, a Alianza Bolivariana para os Pobos da nosa América, ALBA. Son estes os protagonistas destacados do Cumio de Copenhague que non reclamaron un lugar no produtivismo capitalista, senón que identificaron como responsábel da crise climática o capitalismo. Máis aló dos adxectivos (“do século XXI” ao “comunitario”) con que se cualifiquen os rumbos sociais definidos, o socialismo volve á axenda da rexión e do mundo da man dos que fan o ALBA.

Se a realidade é a crise da economía mundial e a resposta que explica a recuperación económica dos principais países capitalistas (os EUA anuncian un crecemento do 5,7% para o IV trimestre de 2009) susténtase en 10% de desempregados estadounidenses e cifras alarmantes de desemprego, empobrecemento e fame en todo o planeta, queda claro que a saída capitalista da crise se sustenta en maior explotación da forza de traballo mundial. Alguén sosterá que non é novidade. É verdade, a explotación é a sempiterna forma de funcionamento do réxime do capital, tal como explicou Karl Marx en 1857/58 nos seus estudos previos á publicación da súa máxima obra, O Capital, en 1867. O novo non resulta do recoñecemento da plusvalía no 2010, senón a expresión, por agora minoritaria, de experiencias sociopolíticas que se pronuncian por unha saída anticapitalista e polo socialismo.

Contraofensiva do capital

Quero salientar que a inflexión foi o golpe pinochetista, pois a tendencia daqueles tempos era favorábel á necesaria construción doutro sistema internacional de relacións sociais. O mundo era bipolar e con contradicións manifestábase unha fortísima acumulación de poder popular co imaxinario socialista, as loitas dos traballadores e os pobos que estaban nas mobilizacións dos 60 e 70, no triunfo do pobo vietnamita e na caída da taxa de ganancia do capital ante o xigantesco nivel de resistencia e organización dos traballadores nos países capitalistas de todo o mundo. Desde ese punto de apoio e amparado no terrorismo de Estado, a tendencia global mudou cara ás políticas reaccionarias hexemónicas dos 90, onde as ideas da “escola de Chicago” deron en imporse. Só para incorporar un matiz local, recordemos aos “Chicagos boys” destas terras, entre os que se destacou polos noventa un mozo que chegaría a titular do BCRA e que hoxe motiva múltiples análises de conxuntura política: Hernán Martín Pérez Redrado.

Hai cambio de tendencia agora? Si, haino e devén da acumulación de poder popular, que reivindicadora do Non (ao ALCA, á débeda externa, á militarización, entre outros) soubo construír alternativas políticas que desafiaron a hexemonía discursiva do neoliberalismo en Latinoamérica e o Caribe. Hai quen só quedou na crítica ás políticas hexemónicas nos 90 e outros foron máis aló. Algúns anímanse a criticar o capitalismo, até a desandar ataduras ao sistema mundial, as súas institucións e convencións subxectivas de que é o que se pode facer. Ecuador levou adiante unha auditoría da débeda externa que lle permitiu descoñecer parcialmente obrigas con acredores que demandaban privilexio de cobro sobre as necesidades sociais internas. O goberno de Bolivia nacionalizou os hidrocarburos e retirouse do CIADI, instrumento do Banco Mundial para defender os intereses dos capitais transnacionais. Mencionamos xa a integración no ALBA, e engadamos a innovación propositiva dunha “nova arquitectura financeira internacional” que medra coa creación do Banco do ALBA e o SUCRE con pretensión de moeda rexional, pero inclúe tamén o demorado Banco do Sur e outras iniciativas de articulación económica rexional.

A expectativa mundial que xera a rexión latinoamericana e caribeña está sustentada na mobilización e resistencia ás políticas regresivas e reaccionarias de saída capitalista á crise dos anos 70 (década perdida nos 80 e medio perdida nos 90 segundo a CEPAL). Entre as campañas sociopolíticas de mobilización popular, os conclaves globais tipo FSM desde 2001 e os novos gobernos emerxentes contra o neoliberalismo xestáronse as esperanzas de cambio máis aló do propio continente. América Latina e o Caribe transformáronse en laboratorio de estudos para o pensamento crítico e o movemento popular mundial. Claro que a tendencia foi á igualación das experiencias, sen percibir que nun proceso dunha década, Venezuela pasou dunha concepción de “terceira vía” (2) (1999 a 2004) a soster o seu “socialismo do século XXI” (desde decembro do 2004); e Bolivia que esbozou unha proposta de “capitalismo andino” ao comezo do primeiro goberno, propón actualmente o “socialismo comunitario”. Ecuador e Bolivia inclúen novidades xurídicas importantes nos seus renovados réximes constitucionais, onde a categoría do “bo vivir” sorprende, cando menos, aos intelectuais neoclásicos da corrente principal (o mainstream) hexemónica. Noutros casos, o discurso non foi máis aló da crítica ao neoliberalismo, para soster a perspectiva capitalista. A importante saca da débeda pública arxentina no troco de 2005 esterilízse na actual reapertura do troco, o pago anticipado ao FMI en 2006, a vontade negociadora coa espuria débeda reclamada polo Club de París, maioritariamente contraída en tempos da ditadura xenocida de 1976-83. Brasil asume con China, India e outros o camiño do desenvolvemento capitalista do sur, tal como se evidenciou no Cumio de Copenhague, reclamando un lugar na división internacional capitalista do traballo. E Chile? Abondaría ler o recente artigo de Atilio Boron (3) argumentado que en lugar de votar a copia optouse polo orixinal, pero máis aínda os importantes estudos económicos dos intelectuais chilenos Graciela Galarce e Orlando Caputo que veñen denunciando hai máis dunha década a funcionalidade capitalista dos gobernos da concertación. (4)

Crítica ao capitalismo e proposta socialista

A inflexión empezou coa visíbel acción colectiva dos pobos que constrúen, con limitacións enormes, a práctica do “outro mundo posíbel”. É unha realidade irreversíbel? A caída do socialismo real apréndenos que non existe irreversibilidade, que a loita de clases existe máis aló da vontade e que vencer a ofensiva capitalista lanzada na crise dos 70 require moito máis que vontade ou discurso de transformación social. Para iso necesítase potenciar suxeitos conscientes que loiten por dar unha saída anticapitalista á crise da economía mundial no noso tempo. Nesta definición radican os límites de proxectos políticos que ao non proporse a superación do capitalismo, condenan os seus intentos transformadores (no caso que os houbese) á lóxica do réxime do capital en tempo de transnacionalización. En todos os países da rexión en que se xerou expectativa de cambios progresistas discutiuse e discútese como asegurar unha herdanza política transformadora no plano institucional. Foron os temores de descontinuidade de goberno en Uruguai, desmentidos co recente triunfo da Fronte Ampla, e é parte do debate actual en Brasil. Foi hipótese verificada en Chile. Que pasará en Arxentina? Trátase dun escenario agravado coa contraofensiva militarista posta de manifesto coa reinstalación da IV Flota; as leis de seguridade nacional; o golpe en Honduras e as súas amañadas eleccións; a potenciación da presenza estadounidense en Colombia coas novas bases militares; o impresionante desembarque de 10.000 marines en Haití, engadindo forza armada á ocupación incrementada nestas horas das tropas de Nacións Unidas. Toda unha resposta do poder global ao desafío dunha perspectiva emancipadora na rexión latinoamericana e caribeña.

En síntese, non hai inflexión cara á dereita na rexión co triunfo (en Chile) de Piñera, aínda que si é obvio que triunfou nos comicios o proxecto explícito da dereita política chilena. É bo interrogarse e afondar nas causas que motivaron ese resultado e mesmo no carácter dos gobernos da concertación. Salvando distancias, pero en situación parecida, en 2007 opuxémonos ao simplismo de considerar que a cidade de Bos Aires se dereitizara co voto a Mauricio Macri para o goberno local. O voto fora de protesta ante os límites dos gobernos “centristas” (se así se pode considerar ás administracións de De La Rúa e Ibarra) que o precederon, e si, orientáronse cara a un proxecto de dereita con pretensión de representación nacional. Non houbo restauración conservadora na cidade pola resistencia a todos os intentos por facer avanzar un proxecto de dereita. Por mor diso é que a dous anos do aquel pronunciamento electoral se reabre a potencia dun proxecto de esquerda na cidade, no que achegamos para que se alimente con organización popular de suxeitos conscientes para unha política que parta de recoñecer que non hai solución para os pobos no marco do capitalismo. Iso non supón pensar en construcións de “socialismo máxico”, da noite para a mañá. Como di Álvaro García Linera, a perspectiva pode levar anos ou séculos. Pero o que non pode facerse é escamotear a perspectiva anticapitalista e polo socialismo. É unha cuestión máis aló da disputa institucional e asóciase ao poder popular.

A inflexión vén pola reinstalación da crítica ao capitalismo e a formulación do obxectivo socialista. Non é un rumbo irreversíbel e menos maioritario, pero é unha realidade. Por iso, e no debate conxuntural da Arxentina argumentamos contra a “autonomía” do BCRA e o pagamento da débeda, con reservas ou con fondos fiscais. A débeda non debe pagarse ante a enorme débeda cos empobrecidos. A lista de acredores dunha débeda social interna é tan inmensa que non se pode propor cancelar antes as débedas con outros acredores. En todo caso é un debate no que debe participar o conxunto da sociedade. Que débeda se ten que cancelar antes? Hai tempo que se demostrou que os chamados debedores somos os acredores, que é hora de pór fin á transferencia de riqueza e ingresos desde os pobos ao capital máis concentrado do capitalismo transnacionalizado.

É certo que en Arxentina e probabelmente na maioría dos países da rexión estea silenciado o debate polo socialismo. Pero insistamos en que se non existen quen o promova e loite pola súa materialización, nunca se logrará. Se pretendemos transformar a realidade dun capitalismo en crise, o primeiro é pensar en como se constrúe unha saída anticapitalista, xa que os que pensan a continuidade capitalista exercen o poder en todas as súas dimensións. Falamos de inflexión para unha saída popular porque a novidade ao final da primeira década do século XXI é a crise do capitalismo e a existencia, polo de agora minoritaria, dun proxecto socialista.

________________________________________________________________________

Notas:

(1) Incorporada en tempos de Manuel Zelaya.

(2) Concepción elaborada por Anthony Giddens, sociólogo británico, asesor de Tony Blair no goberno inglés e que sostiña un camiño entre o conservadurismo de Thatcher e Reagan e a tradición socialdemócrata europea.

(3) Chile: o orixinal e a copia. En: http://www.atilioboron.com/

(4) Publicados en Libros de Clacso. Poden consultarse en http://www.clacso.org.ar/

________________________________________________________________________

[Artigo tirado do sitio web ‘Rebelión’, do 2 de febreiro de 2010]