Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
8/2/2011

Nado en 1946 (Seoane-Allariz), foi secretario xeral da central sindical nacionalista INTG e membro da Executiva confederal da CIG até o ano 2009.
Na actualidade, é director Fundación Moncho Reboiras para o Estudo e a Divulgación da Realidade Social e Sindical de Galiza, vinculada á CIG.

Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Revolucións sociais e sistema

Semella que a revolución en boa parte dos países islámicos, tanto do norte de África como da península arábiga, débese, segundo algúns medios e analistas, ao cansazo por mor de presidentes que se manteñen no poder desde hai décadas.

 Con este argumento coinciden mesmo aqueles gobernos europeos e de Estados Unidos que até un día antes apoiaban estes réximes autoritarios, con liberdades formais e que aplicaban sen matices as políticas neoliberais. Agora apúntanse á reforma, coa intención de non perder incidencia e de que para alén de garantir as liberdades formais non mude no socio-económico ren, algo evidente ollando os retrocesos que en materia social e laboral se están a executar nas potencias occidentais e a súa periferia.

 Ademais dos problemas democráticos reais, xa que había procesos electorais formais en todos os países nos que hoxe inza o proceso revolucionario, cómpre sumar outros que son fundamentais, como: o aumento da pobreza, o desemprego e a cuestión demográfica. Tampouco se pode ignorar que o medre do prezo dos alimentos dos últimos meses, por mor da especulación dos chamados futuros na Bolsa, fixeron insostíbel a situación de millóns de familias, sumando unha importante dose de desesperación nas protestas. Vexamos polo miúdo cada un destes aspectos.

 Nas últimas dúas décadas, baixo a éxida neoliberal, creceu a economía, porén aínda a moito maior ritmo aumentou a fenda entre ricos e pobres e as desigualdades entre territorios. Esta tendencia foi máis forte naqueles países cun gran medre demográfico, como os que estamos analizando, forzando á mocidade (mesmo aquela que ten preparación superior) á realizar traballos precarios ou emigrar. Son situacións moi difíciles de aceptar pasivamente, máxime nun mundo no que a información está globalizada, e pobreza e riqueza contrastan acotío na televisión e internet nas percepcións individuais e colectivas.

 Agora ben, non se pode ignorar que existindo razóns previas abondo para estas revoltas populares, o xogo especulativo nas finanzas está causando verdadeiras traxedias sociais, e alentando consecuencias políticas. Neste caso é mediante a aposta aos futuros da alimentación e enerxía, mañá pode ser respecto doutros produtos esenciais para a economía dun país ou a vida das persoas. Ningún país débil ou dependente, por máis grande que sexa, e as familias sen grandes ingresos, están á marxe de se atopar en moi pouco tempo ­nunha situación dramática.

 Na actualidade, para os poderosos non hai regras estabelecidas, nin estados reguladores, todo está en función dos seus intereses económicos, que exclusivamente teñen en consideración a rendibilidade privada inmediata e o poder. Este aspecto sistémico, e o cambio que na correlación de forzas poidan causar, cómpre telos moi presentes cando se valoran estas protestas populares.

 

[Artigo tirado do ‘Xornal’, do 7 de febreiro de 2011]

cig.prensa@galizacig.com