Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
8/6/2010
Escritor e responsábel técnico do Departamento de Normalización Lingüística da CIG.
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
: capitalismo : : crise : : economía : : Europa :
Avanzos da dereita ou o novo espectro que percorre Europa

No actual escenario de crise sistémica, un novo espectro parece percorrer a vella Europa, o espectro da dereitización da vida política nos diferentes estados e nacións. O penúltimo en caer, o laborismo británico, tras a perda nas pasadas eleccións do número 10 de Downing Street polo sucesor de Tony Blair á fronte do New Labour, Gordon Brown.

É de supor que o presidente español, Rodríguez Zapatero, do PSOE, e mais o seu homólogo portugués José Sócrates, do PS, estarán a sentir nas súas respectivas calugas o ar xeado dunha posíbel derrota nas urnas cando afronten (quen sabe se antecipadamente) unha vindeira cita electoral nos dous estados ibéricos.

Tamén habería que reflectir no pouco satisfactorio que lle debe estar a resultar ao PASOK grego, con Giorgios Papandreu á fronte, a súa vitoria electoral e conseguinte acceso ao goberno do país helénico, sumido nunha auténtica deleiba económica, política e social, tras o arreón que a crise que lle está a dar a Grecia, unha das economías máis febles da chamada Zona Euro e que hoxe atravesa unha situación realmente dramática, e especialmente lesiva para os intereses da clase traballadora grega, abocada a un maior empobrecemento e a unha laminación dos seus dereitos laborais e sociais. Certo é que, ante esta agresión do capital, os traballadores helenos están a manter un envexábel nivel de resposta social, con xa cinco exitosas folgas xerais convocadas e mantendo un nivel de combatividade importante.

Porén, a caída en desgraza da vella socialdemocracia europea non é máis que a crónica anunciada dunha deriva política por parte dos que un día deron en borrar todo rastro de marxismo dos seus adentros e abrazaron, coa fe do converso, os dogmas e postulados do capitalismo rampante, agora en fase de tránsito entre o neoliberalismo e o posneoliberalismo. E os grandes sacrificados nese altar da economía capitalista e de mercado son -volven ser- a clase traballadora e os sectores populares da sociedade, sobre os que está a facer caer inexorabelmente os custos dunha crise que eles non provocaron nin de lonxe...

Coma adoita ser norma nestes casos, a socialdemocracia -travestida xa de socioliberalismo e sen posibilidade de volta atrás-, teima en lle facer o xogo suxo á dereita política e económica, póndose á obra de practicar toda política de axustes económicos e sociais. Axustes que non son outra cousa que a implementación nos diferentes estados e países das medidas económicas que ditan organismos tan pouco democráticos como o Fondo Monetario Internacional, o Banco Mundial, os diferentes bancos centrais europeos, etc.

No actual momento, son os países máis periféricos da Europa do capital os que con maior virulencia están a vivir os efectos da crise e, xa que logo, das políticas económicas e sociais que se derivan desta, e sempre desde os postulados mais encarnizadamente neoliberais. De feito, desde as entrañas do capital as dúbidas iniciais ante o que viña significar o escenario da crise non tardaron en se despexar, e os chamados á “refundación do capitalismo” ou a unha “paréntese na economía de mercado”axiña deron paso a unha sangría sen precedentes nas arcas públicas. Sangría económica que non se destinou nin á procura dun novo modelo económico e social nin por suposto á mellora das condicións de vida da clase traballadora e dos sectores populares, unha maioría social que silentemente sufragou o festín bancario sen contrapartida ningunha.

Consumada a felonía, terán de ser de novo os pobos os que desarmen de paciencia e organicen desesperanza e carraxe. E o tempo xoga na súa/nosa contra. Fatiguémonos nese esforzo. Que tal comezarmos por unha folga xeral?

[Artigo tirado da publicación ‘En Movemento’, núm. 31, xuño de 2010]

cig.prensa@galizacig.com