Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
9/10/2009

Nado en 1946 (Seoane-Allariz), foi secretario xeral da central sindical nacionalista INTG e membro da Executiva confederal da CIG até o ano 2009.
Na actualidade, é director Fundación Moncho Reboiras para o Estudo e a Divulgación da Realidade Social e Sindical de Galiza, vinculada á CIG.

Chuza Menéame del.icio.us
compartir
A lingua que nos identifica

Que no noso país hai unha parte da povoación que fala decote en castelán é unha realidade, porén tamén que aínda a maioría é galego falante, malia que entre os máis novos non sexa a lingua predominante. Tamén é un feito, que non se pode ignorar, que o galego está en inferioridade de condicións.

Ademais, por cada caso que se poda dar de discriminación aos castelán falantes hai centos que se producen contra os dereitos dos que utilizan o galego, comezando por un contexto que impón o castelán nas empresas, nas relacións comerciais, no ámbito relixioso, xudicial e educativo, porén tamén na maioría dos meios de información, onde agás nos artigos de autor traducese toda intervención ao castelán como algo lóxico.

Mesmo, cando se fala de bilingüismo, na practica estase lexitimando como normal que os galego falantes empreguen o castelán obrigadamente en moitos ámbitos da súa actividade; poucas veces ou nunca os que empregan decote o castelán utilizan a lingua nacional de Galiza. Ísto é así na realidade pra alén de idealismos e teorías nunca contrastadas, tan apreciadas e divulgadas por aqueles que queren reducir ao galego a condición dun idioma de museo. Neste contexto non hai conflito só cando os galego falantes aceptan estoicamente un contexto discriminatorio ¿sería igual se fose ao revés?... ¿é xusto?... ¿ulo a igualdade?...

Tampouco se pode esquecer, xa que é fundamental pra entendermos a situación lingüistica, que o galego é o idioma propio de Galiza, desde fai moito máis dun milenio, e que o castelán foi imposto por medio da conquista. Un proceso que se inicia coa centralización de Enrique de Trastamara, porén que adquire forza coa castración e doma do Reino de Galiza polos Reis Católicos. Encetando un longo proceso de colonización dos centros de poder urbáns e marxinación do ámbito rural, que se afonda aínda máis coa supresión do antigo Reino de Galiza.

Contra esta situación hai contestación e rebeldía, de todas as clases sociais, durante estes seculos escuros. Lembremos a loita pola recuperación do voto en Cortes, a defensa da lingua galega polo ‘padre’ Sarmiento, a actitude revolucionaria de Antolín Faraldo, a recuperación histórica de Benito Viceto, o alento garrido de Pondal, ou os versos de denuncia da condición social de Rosalía de Castro, Lamas Carbajal, e Noriega Varela, por só nomear algúns daqueles que dignificaron con paixón e argumentos a nosa nacionalidade.

Desde a transición e a conquista da autonomía (malia as súas limitacións evidentes) déronse tímidos pasos de normalización do galego, que durante o governo bipartito foron máis intensos, porén aínda insuficentes. Contra esta normalización erguéronse as voces dos que negan a identidade nacional, convertendo á vítima en agresor, deformando a realidade, contando nesta manobra co apoio de importantes grupos de poder e poderosos meios de información.

Co aceso do novo executivo na Xunta comezou unha campaña pra dar marcha atrás e volver á ‘normalidade’ de impor a todos os niveis o bilingüismo aos galego falantes, convertendo o galego nun idioma ritual nos actos públicos. Quérese que a presión e control que as clases dominantes impoñen en todos os ámbitos da sociedade e da cultura (non só na economía) consigan co tempo esmagar definitivamente a utilización do galego, e con seguridade, como engadido, todo aquilo que singularice a Galiza como unha identidade diferenciada.

Pra evitar que isto aconteza está convocada por unha morea de organizacións unha manifestación o 18 de outubro en Compostela. E alí debemos estar todos os galego falantes, por riba de calquera inclinación partidaria; porén tamén os que falando castelán (unha decisión que non sempre é voluntaria) queiran defender e potenciar todo o que nos identifica como persoas dunha nacionalidade, dun país.

[Artigo tirado do xornal ‘La Región’, do 6 de outubro de 2009]

cig.prensa@galizacig.com