Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
9/10/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Cinco conclusións das eleccións de Venezuela

Venezuela é a proba de que outro modelo é posíbel. Os seus logros son incontestábeis: 5,6 de crecemento do PIB; descenso á metade do desemprego, que pasou do 15% de 1998 a un 7% na actualidade e continúa a baixar; erradicación do fame e o analfabetismo; diminución da pobreza do 6%0 ao 27% e da pobreza extrema do 25% ao 7%; quinto país do mundo en taxa de matriculación universitaria; extensión da sanidade universal e gratuíta...

1.- Venezuela é unha auténtica democracia

 O país caribeño volveu a demostrar que é unha das democracias máis sólidas de Latinoamérica. As eleccións foron limpas e transparentes, cunha participación do 80%, impensábel noutras latitudes. Este elevadísimo índice é máis abraiante aínda se se ten en conta que desde 1998, ano no que Chávez accedeu á Presidencia, o pobo foi chamado 15 veces ás urnas. Por comparar, o Goberno de Venezuela convocou un referendo vinculante en 2007 para introducir varias reformas constitucionais mentres que PSOE e PP pactaron en privado e sen consultar co pobo a imposición do límite ao déficit público na Constitución (por certo, Hugo Chávez perdeu o referendo e aceptou a súa derrota sen ningún problema).

2.- Os medios de comunicación quedaron deslexitimados

 A prensa internacional, con ‘El País’ e ‘ABC’ á cabeza, manipularon a información para presentar a dereita como unha opción vencedora fronte a un Chávez abandonado polo pobo e que só se mantería grazas ao uso abusivo do poder institucional. Amparándose no descoñecemento da súa audiencia sobre a realidade de Venezuela, non dubidaron en informar só das enquisas que daban como gañador a Capriles, entrevistar unicamente a opositores, presentar a destacados antichavistas como supostos analistas imparciais ou tergiversar datos e feitos. Outra volta, os medios de comunicación de masas incumpriron a súa principal obriga e razón de ser que é garantir o Dereito á Información da cidadanía (consagrado no artigo 19 da Declaración Universal dos Dereitos Humanos). Por iso, a prensa é percibida como un dos principais problemas do Estado español, segundo as enquisas.

3.- O pobo apoia a Chávez

 O presidente mantén un apoio maioritario. Gañar por dez puntos tras 14 anos no poder está ao alcance de moi poucos mandatarios. Os resultados demostran que o electorado venezolano non comparte a grotesca caricatura que as terminais mediáticas e políticas do neoliberalismo fan do líder bolivariano. A conexión entre Chávez e o pobo susténtase nos avances destes anos. O cumprimento do prometido é o que lle permitiu o pasado xoves, ante máis dun millón de persoas, dicir “Eu nunca lles fallei; eu nunca lles mentín” e que soase críbel.

4.- Os ataques continuarán

 As primeiras declaracións ante o triúnfo de Chávez anuncian que se manterá o acoso. Continuará a fustrigación, as difamacións, as críticas de trazo groso e as chantaxes políticas e económicos. Unha vez máis, as supostas democracias avanzadas non respectan a decisión dos pobos cando cren que esta vai en contra dos seus intereses.

5.- Hai alternativas

 Venezuela é a proba de que outro modelo é posíbel. Os seus logros son incontestábeis: 5,6 de crecemento do PIB; descenso á metade do desemprego, que pasou do 15% de 1998 a un 7% na actualidade e continúa a baixar; erradicación do fame e o analfabetismo; diminución da pobreza do 6%0 ao 27% e da pobreza extrema do 25% ao 7%; quinto país do mundo en taxa de matriculación universitaria; extensión da sanidade universal e gratuíta... Outros camiñan xa polos mesmos vieiros, con maior ou menor semellanza: Bolivia, Ecuador, Arxentina, Uruguai, Brasil, Paraguai, Honduras (nestes dous últimos países o neoliberalismo non dubidou en derrocar mediante golpes de estado aos gobernos lexitimamente elixidos). Latinoamérica é hoxe a última trincheira fronte ao dogma dos recortes, as privatizacións e a supresión de dereitos. As clases populares europeas farían ben en mirarse neste espello.

 

[Artigo tirado do sitio web ‘Rebelión’, do 9 de outubro de 2012]

cig.prensa@galizacig.com