Quérennos facer pagar por un endebedamento que é, basicamente, o resultado dos problemas xerados polo modelo neoliberal: o desequilibrio exterior recorrente de moitos países, as desigualdades de renda intolerábeis e un sistema financeiro desbocado. Sen atallar estas tres grandes cuestións a sucesión de sociedades con problemas será persistente (e a súa inxusta tradución en graves custos sociais para a maioría).
Aínda que na nosa imaxinación as catástrofes adoiten adoptar unha forma apocalíptica, como no desastre de Hiroshima e Nagasaki, decote teñen formas menos teatrais: unha sucesión de pequenas desfeitas que acaban por xerar un resultado brutal. Moitas das maiores traxedias da humanidade, como a sucesión de grandes guerras, viñeron precedidas por esta dinámica dos pequenos erros que ao final conduciron a unha crise inevitábel. Esta é a forma que sempre pensei que vai tomar -posibelmente xa tomou- a crise ambiental e a forma que está adoptando a evolución da actual crise -mellor, recesión- económica. Mentres suceden unha serie de desfeitas intermedias aínda queda espazo para endereitar o rumbo, pero o mantemento dunha liña de conduta inadecuada bloquea esta posibilidade e conduce a unha situación fóra de control.
Estamos asistindo a un novo episodio deste espiral de traxedias. Unha nova treboada irlandesa (sempre hai un país que serve para nomear cada capítulo, un nome que serve para eludir o carácter sistémico do proceso) que, de momento, xa xustificou un plan de rescate e a súa contrapartida de custos sociais, pero que anuncia novos episodios (como os vellos comics de “aventis”) enfocando a Portugal, ao Estado español e, máis aló, a Italia e Bélxica. Se o rumbo non cambia parece evidente que o axuste español, polo seu tamaño, xeraría un salto cuantitativo importante. Que o modelo irlandés era inestábel víao calquera que non fose adoutrinado na dogmática da economía neoclásica moderna. Pero o axuste actual non se explica só nos erros do modelo senón tamén na teimudez das receitas.
Por unha banda desde o crac de Lehman Brothers a consigna foi non deixar crebar ningún banco máis. En teoría isto limitaríase a aqueles cun tamaño multinacional, pero na práctica a cobertura estendeuse a un número moito maior de entidades. Iso supón unha ruptura da lóxica normal da economía mercantil, que permite a creba ou concurso voluntario. (O acredor deixa de pagar, negocia unha “quita” ou redución da súa débeda, uns prazos de pago xenerosos e, se todo iso é insuficiente, liquídase; o que supón que os debedor perden parte dos seus ingresos, pagan polos seus erros á hora de avaliar riscos). A única forma de evitar este proceso é transferindo a débeda ao sector público, impedindo a este actuar como un ente privado e xa que logo endebedando de súbito o conxunto da poboación. A xustificación que se dá ao impedimento da creba bancaria é que, de se producir, afectaría gravemente ao hipersensíbel sistema financeiro, o que xeraría un proceso en cadea de incalculábeis e perigosas consecuencias. Pero se se acepta este razoamento, o que hai que facer é unha regulación/reordenación do sistema financeiro que reduza a súa hipersensibilidade, que impoña cortalumes, impida comportamentos erráticos, corte a especulación xeradora de desfeitas. O sistema financeiro sempre foi unha fonte de problemas, pero sen dúbida a liberalización neoliberal incrementou a súa inestabilidade e sen reconducir este problema só queda pescudar onde estalará a próxima bomba e a que país lle ha tocar aplicar un axuste/rescate.
Por outra banda está a Unión Europea. Creada cun modelo que por unha banda deixa sen control os movementos do capital e por outro xera directrices ríxidas a seguir polos xestores públicos. Un modelo de actuación imposto asemade pola dogmática neoliberal e pola pretensión dos grandes países (especialmente Alemaña) de impor as súas directrices ao resto. O resultado é un modelo que errou na prevención dos problemas (é notorio o nulo control do pomposo Banco Central Europeo sobre a actuación da banca privada) e constitúe un fracaso no tratamento da enfermidade. A política de austeridade imposta aos países con problemas non só xera enormes custos sociais senón que converte o endebedamento nun mal endémico para moitos anos. A negativa do BCE a intervir no mercado da débeda (como si o fixo a Reserva Federal comprando cantidades inxentes de bonos lixo) alimenta as tensións financeiras dos estados en dificultades, pois permite aos piratas financeiros faceren “apostas” que forzan a incrementos criminais dos tipos de xuro. Moitas destas presións non se desencadearon se o BCE adquirise débeda grega e irlandesa e moito menos se non se forzase os estados a “socializar” as débedas privadas dos seus bancos.
O camiño da desfeita está marcado por políticos e técnicos incompetentes que non saben recoñecer que o manual con que se orientaban o escribiu xente fantasiosa pero pouco realista. A forza dos intereses creados, dun sistema financeiro todopoderoso impón un guión de traxedia grega. Con suxeitos que non poden escapar dunha lóxica atroz. A combinación de poderosos, e obsesivos, intereses da elite mundial coa desorientación, seguidismo e conservadorismo dos dirixentes públicos (políticos e asesores) configura un cóctel letal para o benestar da inmensa maioría da poboación.
Quérennos facer pagar por un endebedamento que é, basicamente, o resultado dos problemas xerados polo modelo neoliberal: o desequilibrio exterior recorrente de moitos países, as desigualdades de renda intolerábeis e un sistema financeiro desbocado. Sen atallar estas tres grandes cuestións a sucesión de sociedades con problemas será persistente (e a súa inxusta tradución en graves custos sociais para a maioría). E por iso hai que partir da base de que o tema da débeda non ten solución sen unha redución desta. E a vía que se me ocorre máis sinxela é deixar que os grandes debedores privados, os bancos con problemas, creben e funcionen os mecanismos clásicos da quita e o adiamento de pagamentos. Evidentemente non é a solución global. Pero si pode axudar a impedir a expansión dunha dinámica tola, á vez que poña a debate as estruturas profundas que están na orixe principal dos problemas: a dinámica da globalización, as políticas neoliberais, o modelo de construción europea...
En mans dos pirómanos
Tras examinarse ante os grandes financeiros internacionais, agora Rodríguez Zapatero repetiu ante os verdadeiros amos do país. Só sacou da convocatoria, por razóns de imaxe, as principais empresas de capital multinacional que controlan posicións chave no sector industrial (aínda que a presenza de multinacionais é tan grande que non puido evitalas de todo, Agbar e Cepsa estiveron na convocatoria). Trátase dunha mostra representativa de quen manda no país, de cales son os seus intereses reais, de cal é o seu grao de control sobre as decisións públicas.
Se adoptamos un punto de vista sectorial, atopamos 7 empresas financeiras (Santander, BBVA, Banco Popular, Banco Sabadell, La Caixa, Caja Madrid e a aseguradora Mapfre), 8 ligadas á construción e á xestión de servizos públicos (ACS, FCC, Acciona, OHL, Sacyr, Ferrovial e as enxeñerías Técnicas Reunidas e Abengoa ), 5 enerxéticas (Repsol, Cepsa, Gas Natural, Endesa, Iberdrola), 5 xestoras de servizos públicos (Hispasat, Telefónica, Abertis, Agbar e a aeronaútica Iberia), 3 turísticas (Sol Melià, Globalia e Riu), 3 de distribución (o Corte Inglés, Inditex-Zara, Mercadona, máis o representante de Anfac), 2 de medios de comunicación (Telecinco, Planeta) e só 5 ligadas a distintas actividades industriais e tecnolóxicas: Gamesa (equipos eólicos), Indra (electrónica), MCC (grupo das cooperativas vascas), Grifols (farmaceútica) e Ebro Foods (alimentaria).
Esta soa enumeración é significativa do peso que teñen as distintas actividades no núcleo central do noso capitalismo. A maior aglomeración sectorial atópase tamén naqueles que protagonizaron a burbulla financeiro-construtora. Pola contra convén subliñar que o único grupo cunha presenza claramente industrial é, non casualmente, un grupo cooperativo que, por moitas cuestións críticas que ten abertas, segue funcionando cunha lóxica bastante distinta que a que rexeu nas empresas capitalistas prototípicas.
Hai outras lecturas posíbeis desta “selección nacional”. Por exemplo, resulta palpábel que once das empresas participan do padroado da Fundación Fedea, o principal produtor de propostas neoliberais e de reformas estruturais do país (só catro das súas empresas-patróns foron excluídas do magno evento, a estranxeira BP, as menores Bolsa de Madrid e Ibercaja e o grupo March, xa representado a través das súas participadas ACS e Abertis). Moitos dos presentes asinaron así mesmo o documento, tamén neoliberal, da Fundación Everis. O peso de empresas cuxo negocio se basea na xestión de servizos públicos ou a subministración pública é esmagadora (incluídas aquelas que proveñen directamente das privatizacións da década pasada). Non era xa que logo imaxinábel que da maioría destas empresas saísen propostas orientadas a un cambio profundo do modelo produtivo, senón máis ben demandas que reforcen as súas liñas de negocio. Elas foron as principais creadoras-beneficiarias do modelo que nos conduciu á desfeita. E en lugar de lles esixir responsabilidades e emprender a súa reforma estrutural, pídeselles unha vez máis que sigan orientado o noso futuro.
O resultado da reunión seguiu a pauta esperada. Máis ben foron as empresas as que lle marcaron o camiño ao Goberno, e esixíronlle “que non lle trema o pulso”, que non ceda ante as presións sociais. E foron precisos nas súas demandas: culminar a concentración/privatización das caixas, aclarar o modelo enerxético (freo ás renovábeis que complican o modelo de negocio) e, sobre todo, reforma laboral e de pensións. Xa saíu a proposta de crear un organismo nacional de control da competitividade para “meter presión”, ou sexa institucionalizar o esfarelamento de dereitos sociais, a eliminación de barreiras ambientais, condicionar a enteira vida social ao evanescente obxectivo da competitividade.
Nunha lectura crítica, o grao de submisión dos poderes públicos aos intereses dunha minoría que globalmente representa un modelo de capitalismo rendista e parasitario resulta absolutamente escandalosa. Desde unha perspectiva democrática, constitúe un acto absolutamente irresponsábel que as únicas voces que escoite un presidente de Goberno de esquerdas sexan as destes intereses oligárquicos ou as dos seus asesores áulicos (os 100 insignes). Desde unha perspectiva reformista, o desprezo que se fai ao tecido social (mesmo aos segmentos máis vivos do mundo empresarial) demostra a estolidez dunhas elites dirixentes que só son capaces de pensar a economía en clave duns poucos intereses. O goberno rebáixase a ser un simple executor dos grandes intereses, cunhas formas que nos levan a lembrar as máis esquemáticas formulacións marxistas sobre o papel do Estado. Podemos pensar en inculpar a estes dirixentes políticos por alentar os que crearon un grave problema de inseguridade económica.
Macroproxectos e saqueo público
Os grandes proxectos de infraestruturas fanse máis en función dos beneficios que das necesidades reais. Os seus promotores e propagandistas esaxeran sempre os beneficios potenciais e minimizan os seus impactos sociais e ambientais. Para o negocio todo vale. É algo que economistas ecolóxicos como José Manuel Naredo e Federico Aguilera levan anos demostrando. A “crise das autoestradas” constitúe un exemplo de libro de todo este armazón de intereses, malgasto e saqueo público.
O Goberno do PP impulsou a construción dunha nova xeración de autoestradas de peaxe, a maioría nas proximidades de Madrid (radiais, eixo Aeroporto, Madrid-Ocaña-La Rueda, Madrid-Toledo) e no Sueste (circunvalación de Alacant, Alacant-Cartaxena, Cartaxena-Vera). Unha vez realizados estes proxectos, que se financiaron con avais públicos que totalizan 3.513 millóns de euros, demostráronse un fracaso. Por dúas razóns básicas: porque o tráfico real é moi inferior ao previsto para xustificar o proxecto (no caso máis escandaloso, a Madrid-Barajas, só se chegou ao 13% do tráfico previsto) e porque algúns erros xudiciais elevaron substancialmente o pagamento das indemnizacións aos propietarios dos terreos expropiados para construír as vías. Todo un clásico dos macroproxectos: esaxeración dos beneficios potenciais e saqueo dos intereses de persoas con pouco poder social. O lóxico, de seguir os manuais de capitalismo competitivo, é que as empresas que erraron as súas previsións o asuman en forma de perdas. Pero no neocapitalismo oligárquico os problemas resólvense apelando unha vez máis ao paternalismo sumiso de papá Estado, e así as autoestradas (os seus promotores) van ser salvadas con diñeiro público: Por unha banda con créditos participativos do Goberno (inicialmente 135 millóns de euros, deica alcanzar os 250 millóns), isto é, créditos que pasan a converterse en capital non recuperábel en caso (seguro) de perdas. E por outra banda cunha achega de 80 millóns de euros como “adianto de ingresos”, xustificados como a diferenza entre os ingresos reais por peaxes e o 80% dos ingresos teóricos previstos nos próximos tres anos (algo totalmente fantasioso visto o baixo nivel de uso destas autoestradas). Como parece que o PP está poñendo atrancos a esta última cuestión, o Goberno xa aprobou o pasado 26 de novembro un novo réxime tarifario e unha prolongación do prazo de concesión a algunha destas empresas (a RII de Madrid, a Alacante-Cartaxena). Seguramente o seguinte paso será a nacionalización completa, regada iso se dunha nova compensación.
A risco de pasar por demagogo non me resisto a transcribir os nomes dos propietarios beneficiados pola medida. Non fai falta ser moi experto en economía para adiviñar os nomes dos interfectos: Abertis, Acciona. ACS, OHL, FCC, Ferrovial, Sacyr, OHL, Caja Madrid (todos convidados por Zapatero) aos que se suman algúns elementos da segunda liña de empresas construtoras (Comsa Emte, ICC, Ploder, Sando, Azvi). Postos a ser malpensados paga a pena anotar que case todas as empresas do núcleo duro aparecen implicadas en varios dos máis importantes escándalos de corrupción que arrasan o país, como o caso Brugal (Sacyr), Orihuela (ACS, Acciona), Telde (ACS) ou o Palau da Música (Ferrovial). Iso si: todos eles metidos en complexos procesos dos que nunca se chega a ver a saída. É mesmo morboso detectar que foi o grupo parlamentario de CIU o principal promotor da medida. Unha boa mostra do seu modelo de colaboración público- privada.
Máis aló da anécdota cruel de inflar con fondos públicos a conta de resultados dunhas empresas incompetentes (pois iso e non outra cousa é investir nunha actividade que non ten mercado) o que este caso mostra ás claras é a lóxica de moitas das políticas de infraestruturas: megaproxectos pensados sobre todo desde o punto de vista de conseguir transferencias públicas á conta de construír equipamentos infrautilizados, de tronchar o territorio, de destruír outras formas de actividade e de xerar graves problemas ambientais. Tdo iso dá unha idea de como estamos sometidos ao poder obsceno dunha oligarquía desapiadada e uns políticos sen sentido do público.
[Artigo tirado do sitio web ‘Rebelión’, do 7 de decembro de 2010]