O cobro das pensións futuras depende non só de canta xente cotice ata daquela, senón tamén da riqueza (material, social...) que se produza mentres tanto. Se esta se incrementa (dise que o PIB pode dobrarse en 25-30 anos), sería posíbel atender as futuras pensións sen recortar o sistema actual. O que ocorre é que o capital quere que a súa parte na repartición da torta sexa cada vez maior e reducir a dos demais.
O discurso do poder está comezando a calar: «como a esperanza de vida é cada vez maior, hai que atrasar a idade de xubilación para que as contas cadren e haxa así maiores ingresos e menores gastos». Ou sexa, parece coma se se tratase dun problema matemático sen outra solución posíbel. Afirmouno tamén o secretario xeral da OCDE, A. Gurría, quen dixo que «non é esta unha cuestión de política, ética ou moral, senón de recoñecer unha realidade aritmética e axustarse a ela». O dito, os números cantan.
Fan trampa. En política as solucións nunca son mecánicas nin únicas. Partindo dunha mesma premisa, as posíbeis medidas a adoptar dependen sempre dos distintos intereses dos actores en xogo. Así, desde unha formulación de esquerda, se o que falta é diñeiro para cubrir unha necesidade social, os lugares a buscar deben ser outros distintos aos sinalados pola dereita, o obxectivo da cal, doutra banda, non é senón debilitar o sistema público de pensións e fomentar a súa privatización a fin de obter o maior beneficio posíbel. En calquera caso, vexamos cales poderían ser unhas fontes de financiamento alternativas ás propostas pola dereita.
Primeira. Se no canto de contar con catro millóns longos de parados e paradas en todo o Estado, toda esta xente estivese traballando e, polo tanto, cotizando, é evidente que a contía dos ingresos da Seguridade Social ascendería notabelmente e serviría para cubrir ou polo menos paliar en gran medida o suposto problema que, seica, existe.
Segunda. Se no canto de atrasar cada vez máis a idade media de incorporación ao traballo (se non estou confundido, actualmente achégase aos 30 anos) se reformase o sistema educativo e se facilitase a incorporación laboral da mocidade ao finalizar os seus estudos, unha millonada de xente nova comezaría a traballar antes e os ingresos por cotizacións crecería, non si?
Terceira. Por que son só as contas da Seguridade Social as que teñen que ser equilibradas e non as do Exército, a Policía, a Casa Real, etc..? Por que, doutra banda, ao contrario do que ocorre na UE, os gastos da Seguridade Social non son cubertos tamén polos Orzamentos Xerais do Estado, como o son os gastos de Educación e Sanidade? E logo son menos «públicos» e «sociais» aqueles gastos que estes?
Cuarta. A fraude fiscal alcanzou en 2007 no Estado un billón de euros e as cotas non ingresadas ao ano superan os 70.000 millóns, por que non pór máis medios materiais, persoais e xurídicos para acabar con todo isto, tal como reivindica a Asociación de Inspectores de Facenda do Estado. Por que non actuar sobre ese 70% de empresas do IBEX 35 (Bancos, Eléctricas, Gas, Seguros,..) que operan a través de paraísos fiscais?
Quinta. Nos últimos anos os capitalistas foron favorecidos polo poder: supresión do imposto do patrimonio, rebaixas no de Sociedades, trato favorábel no IRPF... Mentres os banqueiros (BBVA) se xubilan con indemnizacións de 70.000 millóns de euros e pensións de xubilación de 6.000 euros/ano, o Goberno de Navarra dinos que vai vixiar, sobre todo, a fraude que se dá entre os perceptores da renda básica.
Sexta. Desde hai dous séculos -Napoleón-, ningún exército estranxeiro invadiu nin atacou o solar patrio. Pola contra, durante este mesmo tempo o exército español agrediu a distintos pobos (Cuba, Filipinas, Marrocos,..) e propiciou numerosos golpes militares e ditaduras: Primo de Rivera, guerra civil, franquismo... Pois ben, para que alimentar máis a este desatino parasitario?
Sétima. O Estado español ostenta na UE o primeiro posto na construción nos últimos anos do maior número de autovías e liñas de TAV, con todo o malgasto que iso supón e para maior gloria das grandes cementeiras, construtoras, promotoras e os petos de todos aqueles partidos e electos pringados no impulso de todo este «progreso» e «modernidade». Pois ben, que tal se se inviste todo iso en gasto social?
Oitava. O cobro das pensións futuras depende non só de canta xente cotice ata daquela, senón tamén da riqueza (material, social...) que se produza mentres tanto. Se esta se incrementa (dise que o PIB pode dobrarse en 25-30 anos), sería posíbel atender as futuras pensións sen recortar o sistema actual. O que ocorre é que o capital quere que a súa parte na repartición da torta sexa cada vez maior e reducir a dos demais.
Novena. Se se suprimisen todos os produtos socialmente tóxicos, penosos e perigosos que compoñen o PIB (industria militar, artigos de luxo, superconsumo...) poderíase destinar a atencións sociais gran parte dos recursos e man de obra empregada en producir armas e mercadorías que, non só son inútiles, senón tamén destrutivas. O aforro, pois, sería dobre.
Décima. As elites políticas e administrativas deste país (Congreso, parlamentos, concellos, administracións, empresas públicas,...) e todas as empresas e negocios que viran arredor destas, conforman unha galaxia de malgaste, privilexios e corruptelas cuxa supresión liberaría inxentes cantidades de cartos que poderían dedicarse a finalidades moito máis sociais.
Estas dez medidas, como os dez mandamentos, poden resumirse en dúas: primeira, quitarás aos de arriba todo o que roubaron durante séculos para repartilo entre os de abaixo e, segunda, porás a economía e o poder ao servizo das grandes maiorías sociais e en harmonía coa natureza que nos rodea.
Todo o anterior, por suposto, ten pouco que ver coas matemáticas e si coa política e a loita de clases.
[Artigo tirado do xornal vasco ‘Gara’, do 8 de marzo de 2010]