Este 8 de xuño as empregadas e empregados públicos galegos tivemos a ocasión de lanzar unha mensaxe non só as Administracións senón tamén a opinión pública. Puidemos berrar ben alto que o noso traballo ten valor para a sociedade. O que se está a poñer enriba da mesa non é so un recorte salarial senón a apertura dunha porta cara a un futuro de sucesivos recortes e un progresivo empobrecemento dos servizos públicos.
As empregadas e empregados públicos realizamos as tarefas imprescindíbeis para o funcionamento ordinario das institucións públicas, da propia administración, pero tamén realizamos os traballos necesarios para aplicar as políticas sociais dos gobernos. Estamos xestionando impostos, desenvolvendo os expedientes, expedindo ou recibindo documentación para e das/os administradas/os…, pero tamén estamos atendendo as crianzas nas escolas infantís públicas, realizando funcións de mantemento urbano e rural, apagando incendios nos concellos e nos montes, regulando a circulación, atendendo as persoas maiores nas residencias, asistindo a persoas con dificultades económicas, asistindo a vítimas de violencia de xénero e a persoas con fogares desestruturados… A sociedade, debido a unha imaxe estereotipada con orixe ben fundada pero desenfocada na actualidade, só nos identifica cunha parte. Toma á parte de nós que desenvolve a súa actividade detrás dunha xanela, adxudícalle certos comportamentos propios do século XIX, e con esa imaxe falseada, represéntannos a todo o conxunto. Porén somos unha parte imprescindible da economía pública, a parte que fai efectivos os servizos á comunidade e os seus integrantes.
A garantía do posto de traballo, que para algúns resulta “anacrónica”, é un elemento imprescindible que permite desenrolar o traballo baixo criterios de legalidade e de trato igualitario á cidadanía, con independencia fronte ao poder político. Este dereito foi, no seu día, un logro democrático de control fronte ás veleidades e abusos do poder político, o cal, tras un cambio de goberno cesaba o cadro de persoal completo do anterior e contrataba os afíns ao seu ideario. Non é pois un privilexio.
O dereito o mantemento do posto de traballo das e dos empregados públicos, xunto co acceso á administración baixo os principios de capacidade, igualdade e mérito, son os piares que garanten o libre exercicio dos dereitos dos e das cidadás. É seguramente isto, o que leva ao poder político a ir minando esta figura ante a opinión pública. Desprestixiar para poder desmantelar a función pública, sen oposición e case con satisfacción. E, ao mesmo tempo, promover a creación de entidades que non esixen control político, económico, nin no acceso do persoal, nin nas subcontratacións.
A desregularización do mercado de traballo, promovida polas patronais e aceptada polo Goberno, é tamén obxectivo do poder político, na súa faceta de patronal pública. Esta campaña calculada e minuciosamente executada durante anos, ten como obxectivo ir erosionando o público, tanto no referido os modos de xestión interna, como externamente, nos servizos que ofrecen á sociedade. Este afán de adelgazar esconde a inconfesable intención de eliminar os obstáculos legais que lles impiden actuar segundo os seus propios intereses.
Vivimos nun estado social no que a xente demanda “servizos públicos de calidade”, máis non é consciente de que para isto é necesario ter un capital humano que os atenda, mova e coordine. Se queremos “servizos públicos de calidade” necesitamos “emprego público de calidade”. Se pola contra queremos un sistema neoliberal no que cada quen se pague o seu, entón si, as empregadas e empregados públicos sobramos.
A vía do recorte é a vía máis fácil, pero esta non leva a un estado social, esta vía leva a un estado no que o que ten cartos ten servizos. Estes días escoitei en moitos sitios que con esta folga non se ía conseguir nada. O que se ten que conseguir vai máis ala da imposibilidade de revogar o famoso Decreto, supón unha mostra pública de rexeitamento a un modelo de estado neoliberal, un modelo onde este é o primeiro de máis recortes, de destrución de emprego público, de copagos da sanidade, da desaparición do sistema público de pensións, da sanidade pública, do ensino público…
Estas medidas implantadas polo goberno do estado español en breve serán traspostas aquí en Galiza polo goberno do PP na Xunta de Galiza. Goberno galego que a pesares do desacordo amosado, fai seguidismo das medidas impostas polo goberno español, cando ten capacidade legal para non seguilas ao pé da letra, polo que fica sen credibilidade algunha cara, non só, ás empregadas e empregados públicos da Administración Galega, senón cara a sociedade en xeral.
Estas medidas, así como as que se veñen de propor para a próxima reforma laboral teñen que ser contundentemente rexeitadas, e non só polas empregadas e empregados públicos galegos, senón por toda a sociedade, coa convocatoria dunha folga XERAL.
Folga XERAL, que xa tiña que ter sido a que se está a realizar no día de hoxe polas traballadoras e traballadores que desenvolven a súa actividade profesional nas diferentes Administracións Públicas actuantes en Galiza.
[A Coruña, 8 de xuño de 2010 ]