Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
9/7/2009

Nado en 1943 en Alemaña, é sociólogo e analista político. Desde 1977 é profesor de socioloxía e metodoloxía na Universidade Autónoma Metropolitana de México (UNAM). Estudoso dos movementos sociais e da política en Latinoamérica, é un dos referentes teóricos da esquerda transformadora de tradición marxista. Súas son boa parte das bases teóricas do “Socialismo do século XXI”. É asesor gobernamental do goberno bolivariano de Venezuela.

Entre os seus libros, pódense salientar: Las guerras del capital. De Irán a Sarajevo, La aldea global (con Noam Chomsky), El fin del capitalismo global, Cuba ante la razón cínica ou Hugo Chávez y el socialismo del siglo XXI.

Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Quen gobernará América Latina no 2010?

Os acontecementos dos últimos anos demostran que a nova clase política latinoamericana -Lula, Kirchner, Evo, Rafael Correa, Hugo Chávez, entre outros- logrou conquistar un poder considerábel fronte ao imperialismo e á reacción oligárquica...

O 1 de agosto do 2006 escribín que unha forte contraofensiva oligárquica-imperial contra os gobernos desenvolvementistas latinoamericanos podía esperarse a partir de 2008/9; o 8 de xuño do 2008, que o conflito do goberno Kirchner coa oligarquía agraria era suicida e que o ía a perder; o 8 de maio do 2009, que Kirchner ía perder a maioría no Congreso.

Todas estas hipóteses (prognósticos) foron verificadas posteriormente pola realidade latinoamericana, o que demostra que a evolución política -mesmo sendo un fenómeno dinámico-complexo- pode ser prevista con alta probabilidade nas súas tendencias de desenvolvemento. A pregunta chave para a praxe política en América Latina é entón: Cal será a correlación de poder entre as forzas oligárquicas latinoamericanas e os gobernos desenvolvementistas, dentro dun ano?

O meu prognóstico é que o epicentro do conflito pola hexemonía latinoamericana será Venezuela, con frontes secundarias en Centroamérica (O Salvador, Honduras, Nicaragua), e que a posibilidade de que o Bolivarianismo venezolano se debilite seriamente, mesmo con perdas nas eleccións do 2010, é moi real.

HONDURAS E ARXENTINA

O golpe militar en Honduras non ten maiores perspectivas de se consolidar. Aínda que expresa as ansías das oligarquías guatemaltecas, salvadoreñas e nicaraguanas e conta co apoio da rede internacional terrorista e clerical-fascista, non terá o poder necesario para se afianzar ante unha decidida e agresiva oposición dos gobernos latinoamericanos e a resistencia do pobo hondureño. O seu desenlace máis probábel é que corra o destino do golpe separatista de Bolivia.

En Arxentina, o proxecto de Néstor e Cristina Kirchner foi enterrado coa estrepitosa derrota electoral do pasado 28 de xuño. No seu certificado de defunción constan dúas causas de morte: falta de ideas estratéxicas e falta de realismo sobre o poder real que rexe na pampa húmida. Néstor Kirchner acumulou un gran capital político coa superación da crise do 2001; pero nunca logrou construír unha base social orgánica para lle dar sustentabilidade, nin tampouco plasmalo nun novo proxecto histórico.

Cando decidiron fiscalizar as megaganancias da engaiolada besta arxentina (a oligarquía), esta liberouse e derrotou o "transversalismo", sen sequera usar os seus habituais verdugos uniformados. Agora, pide a depreciación do peso (20%), o bloqueo da entrada de Venezuela en Mercosur, o fin da "chavización" da "política K" e a revisión das políticas gobernamentais de aquí ao 2011 ou na súa falta eleccións anticipadas. Cristina Kirchner di que non negociará cos donos do país. Chegará ao 2011?

CUBA - A CRISE DE DIRECCIÓN

Cuba móvese baixo o peso de dous problemas estruturais de dirección: o da sucesión xeracional e o da parálise estratéxica na condución. Moitos dos líderes da segunda xeración revolucionaria, escollidos pola mesma dirección da Revolución, foron destituídos: Felipe Pérez Roque, Carlos Lage, Roberto Robaina, Otto Rivero, Carlos Valenciaga, entre outros. Á luz do feito, de que estes líderes son produto da educación revolucionaria e das organizacións de vangarda do Partido Comunista de Cuba, a idea do "home novo" e da calidade de formación política de cadros queda seriamente cuestionada.

É evidente que o sistema de dirección da Revolución está dividido ao redor de dúas estratexias de evolución e dous centros de decisión. Se no VI Congreso do Partido a fins deste ano non se logra unificar as dúas posicións e centros de decisión, o inmobilismo podería levar o país axiña a unha situación de inestabilidade.

VENEZUELA - O MAIOR PERIGO DO 2010

O maior perigo dun avance substantivo da oligarquía latinoamericana, porén, atópase en Venezuela. Como explicamos noutro ensaio (8.2.08), a causa principal é a crecente disfuncionalidade do modelo de goberno 2003-8, que se atopa estruturalmente esgotado. Ten tres déficits estruturais: o económico, o político e o discursivo.

O problema principal no económico é a inflación que fará crise antes das eleccións do 2010. Alí Rodríguez, o ministro de Finanzas, dixo o 27 de xuño do presente en Nova York, que Venezuela non desbota devaluar a súa moeda pero que é consciente do impacto que esa medida tería nos xa altos índices de inflación do país. O ministro prognosticou que a inflación pechará o 2009 en ao redor dun 28 por cento e permanecerá "alta" no 2010. Hai apenas tres meses, o ministro sostivera que a inflación en Venezuela podería concluír, ao peche do 2009, por baixo do 20%.

Considerando que en ningún dos últimos anos o goberno alcanzou nin remotamente as metas inflacionarias anunciadas e que 2010 é un ano electoral crucial, seguido polas eleccións presidenciais do 2012, a taxa inflacionaria oscilará o próximo ano probabelmente en torno ao 32%. Unha depreciación realista do Bolívar levaríaa ao terreo da hiperinflación, é dicir, a unha situación incontrolábel. Unha inflación tan alta ten dúas consecuencias negativas: destrúe a macroeconomía e ao goberno responsábel dela, con máis motivo que se dá no marco dunha política económica desintegrada e con experimentos populistas ("comunas") que teñen tanto que ver co "Socialismo do Século XXI", como os animal spirits de Keynes cos dogmas racionalistas dos neoclásicos.

AMÉRICA LATINA 2010

Os acontecementos dos últimos anos demostran que a nova clase política latinoamericana -Lula, Kirchner, Evo, Rafael Correa, Hugo Chávez, entre outros- logrou conquistar un poder considerábel fronte ao imperialismo e á reacción oligárquica. Isto é positivo e hai que apoiala nesa angueira. Porén, non deu pasos cara a unha nova civilización postcapitalista e non é probábel que as dea. Novos suxeitos de transformación terán de cumprir esa misión histórica.

[Artigo tirado do sitio web ‘Cronicón’, do 2 de xullo de 2009]

cig.prensa@galizacig.com