Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
9/7/2012

 Xabier P. Igrexas (Vigo, Galiza, 1984), militante comunista e nacionalista galego, participou de diversos movementos sociais. É  membro da Dirección Comarcal da CIG de Vigo e fixo parte da Executiva Comarcal de Vigo e do Consello Nacional de CIG-Banca. Integrou a equipa técnica da Fundación Moncho Reboiras da que é colaborador na actualidade.

É autor do blogue 'Contradiscurso' (www.contradiscurso.net) e colaborador de opinión en diferentes medios de comunicación. 

Chuza Menéame del.icio.us
compartir
(Re)saqueo

A que destinará o goberno español do Partido Popular os trinta mil millóns que se calcula “aforrará” con estes novos retallamentos? A financiar a débeda pública. Débeda que engordará até cen mil millóns de euros máis por mor do “rescate” á banca privada.

 30.000 millóns euros. É a cifra do novo paquete de recortes antisociais que o Partido Popular perpetrará hoxe ou o vindeiro venres.

 As medidas que desta volta podería adoptar o Consello de Ministros son dunha gravidade maiúscula. Todas as previstas están encamiñadas a radicalizar o proceso de expropiación, de roubo, contra a clase traballadora a través do seu deliberado empobrecemento. A suba do IVE, que se baralla desde hai semanas, gravará o consumo -nomeadamente de produtos esenciais- e agudizará a recesión económica, a queda produtiva e o desemprego. A (re)conxelación das pensións reducirá o xa limitado poder de compra das e dos xubilados, tendo en conta ademais o efecto sobre este segmento da suba do IVE ou do medicamentazo. A destrución de emprego público traducirase, como é obvio, nun incremento sensíbel do desemprego e precarizará os servizos públicos polos que, paradoxalmente, pagaremos máis; supón tamén unha clara agresión centralista contra do sistema autonómico na medida en que o goberno central pretende forzar que o recorte laboral se faga nas autonomías.

 Rajoy, na súa ofensiva, promoverá ademias un novo proceso de privatizacións. As empresas privatizábeis, como mínimo parcialmente, poderían ser -segundo diveras informacións que circulan nos medios- Renfe, Aena, Portos do Estado, Paradores ou a Canle Isabel II. O plan incluiría a retirada pública de entidades como a Rede Eléctrica Española, SEPI, Iberia ou Ebro Foods.

 Con todo, se hai unha medida especialmente grave é a posíbel redución do perído máximo de cobro da prestación por desemprego, dos actuais 24 meses a 15. De materalizarse, esta decisión desprotexerá a moitos milleiros de traballadoras e traballadores, nun contexto de continuada destrución de emprego, expoñéndoos a un risco real de exclusión e pobreza. Na actualidade, no noso país xa son preto de cen mil as familias sen ningunha fonte de ingreso, e durante o primeiro trimestre deste ano incrementouse sensibelmente o número de fogares que non puideron aforrar ren.

 Pero, a que destinará o goberno español do Partido Popular os trinta mil millóns que se calcula “aforrará” con estes novos retallamentos? A financiar a débeda pública. Débeda que engordará até cen mil millóns de euros máis por mor do “rescate” á banca privada. Si, todos estes recortes que constitúen un novo ataque contra as clases populares teñen por obxecto amortizar a débeda que incrementaremos para salvar, con diñeiro público, os trastos do grande capital financeiro do Estado. Si, as e os desempregados terán menos prestacións para pagar os excesos especulativos da banca e salvar as súas contas de resultados.

 Constátase que a ofensiva do capital contra as clases populares non ten límites. Demóstrase que non se trata dunha difícil paréntese senón dunha agudización da loita de clases, na que a burguesía, os poderosos, radicalizarán até onde for preciso os seus mecanismos de expropiación, de roubo e de explotación contra a maioría. Un marco que esixe dunha resposta continuada e contudente, desde todos os flancos. Desde a rúa, a través da mobilización, mais tamén desde as institucións, alargando a presenza da alternativa transformadora ao servizo da maioría social, que representa no noso país o nacionalismo galego. Se estas novas ameazas se materializan, a Folga Xeral -que vén de propor máis unha vez a CIG- será indispensábel.

 

[Artigo tirado do sitio web de ‘Sermos Galiza’, do 6 de xullo de 2012]

cig.prensa@galizacig.com