Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
9/8/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Estado español: Agora, as caixas de aforros...

Coas caixas poderíase crear unha auténtica banca pública, profundamente social e ética á hora dos investimentos e os créditos. Unha banca pública que tivemos (Banco Exterior, Caixa Postal, Banco de Crédito Industrial e os bancos do Instituto de Crédito Oficial) e que se fusionou en Argentaria para ser vendida posteriormente ás bancas privadas tras poñer Aznar á fronte delas a persoas da súa corda. Pero por aí non van as directrices dos mercados.

Nestes últimos tempos o Goberno español, como os do resto da UE, viuse obrigado pola presión dos mercados a tomar unha serie de medidas neoliberais. Entre elas o Real Decreto que modifica a Lei de Órganos Reitores de Caixas de Aforros, (LORCA) aprobado no Congreso con 323 votos a favor -PP, PSOE, CC e UPN-; 9 en contra -ERC, EU-ICV, BNG, NaBai e UPyD-; e 16 abstencións de CIU e PNV. Este cambio normativo sobre as caixas, non mereceu tanta atención como outras medidas.

As orixes destas entidades remóntanse ao século XIX, iniciándose como institucións benéfico-sociais a instancias da Igrexa católica e algúns grupos ilustrados. Xurdiron para loitar contra a usura que sufrían os pobres e os pequenos agricultores en anos de malas colleitas, cando caían en mans dos prestamistas e banqueiros privados. A gran maioría das caixas tiñan ámbito local ou provincial; moi enraizadas na sociedade, servían como depósito do aforro familiar e de empréstito para as familias, o agricultor e o pequeno empresario; e unha parte dos seus beneficios destinados a obras sociais.

Un cambio radical supuxo, sendo ministro de Economía Enrique Fuentes Quintana, o Real Decreto 2290/1977, do 27 de agosto, polo que se regulan os órganos de goberno e as funcións das caixas de aforros, xa que significou, pasar de ser pequenas, moi limitadas na súa operatoria crediticia, a convertelas en equiparábeis á banca tradicional. Máis aínda eran pequenas, sen experiencia, prudentes e moi afastadas do risco que asumían habitualmente os bancos. Outro cambio fundamental foi o Real Decreto 1.582/1988, do 29 de decembro, polo que se autorizaba a libre expansión xeográfica. Nos primeiros anos só algunhas delas (La Caixa, Ibercaja, Caja Madrid) tentearon o terreo da expansión xeográfica, instalando algunhas oficinas nas grandes cidades. Máis tarde houbo un gran expansión destas entidades, sendo competidoras en plano de igualdade cos bancos. O crecemento e a fortaleza das caixas interesou á clase política que viron a oportunidade de facerse cunhas entidades fortes, sen propietarios, sen accionistas, que lles podían servir para financiar os partidos e tamén as súas institucións políticas. Por iso se aprobou a Lei 31/1985, do 2 de agosto, de regulación das normas básicas sobre Órganos Reitores das Caixas de Aforro. Con iso, consagrouse a politización, aínda que é certo que non todas o foron no mesmo grao, existindo moitas totalmente profesionalizadas. Desde 1985, foron incrementando o seu tamaño, as súas cotas de mercado, a súa competitividade...

Coa crise financeira, en boa parte propiciada pola explosión da burbulla inmobiliaria, o noso sistema bancario e especialmente o das caixas comezou a ter problemas, o que fai imperioso, iso din, unha reforma estrutural destas últimas. As caixas están esquilmadas, con índices de morosidade moi elevados, sen liquidez, con investimentos importantes realizadas con criterios non económicos senón políticos, etc. Pero non todas. Primeiro empezouse coas fusións. E agora chegou o real decreto que modifica a LORCA, que vai supor a súa privatización, xa que entre as súas disposicións atópase o que se lles vai permitir emitir cotas participativas (similares ás accións dos bancos) até un 50% do seu valor. Tamén poderán operar mediante un banco, cotizado ou non, dentro dun SIP ou directamente. No caso de que a súa participación baixe do 50%, deberán converterse nunha fundación que xestionará a obra social. Ademais van verse despolitizadas.

Se as entidades se privatizan é porque son moi atractivas para calquera grupo privado polo enorme volume do seu negocio que excede aos bancos privados e a dura competencia que fan ao sector. Algo que están solicitando hai tempo xa desde determinados poderes económicos, políticos e mediáticos. Tal como sinalou Antonio Morales, alcalde de Aguimes: en novembro de 2009 Aznar dicía nunha conferencia en Santander que “as caixas deben ir a un proceso de privatización progresiva”. Na mesma liña manifestáronse Fernández Ordóñez, gobernador do Banco de España, a UE e o FMI.

Con estes antecedentes ocorreu o que tiña que ocorrer. Era a crónica dunha morte anunciada. Non fai falta cursar estudos en Harvard: as caixas converteranse en bancos, moitas das súas oficinas serán pechadas, 30.000 ou 40.000 empregados serán prexubilados. Mais desta circunstancia xa avisou J. A. Martínez Serrano, catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Valencia nun artigo: “A privatización sería un triste final para as caixas de aforro” e “resultaría gracioso que unhas institucións nacidas para fuxir dos usureiros do século XIX acabase nas mans dos ambiciosos banqueiros privados do século XXI”.

Porén, hai outras opcións. Coas caixas poderíase crear unha auténtica banca pública, profundamente social e ética á hora dos investimentos e os créditos. Unha banca pública que tivemos (Banco Exterior, Caixa Postal, Banco de Crédito Industrial e os bancos do Instituto de Crédito Oficial) e que se fusionou en Argentaria para ser vendida posteriormente ás bancas privadas tras poñer Aznar á fronte delas a persoas da súa corda. Pero por aí non van as directrices dos mercados.

 

[Artigo tirado do sitio web ‘Attac’, do 3 de agosto de 2010]

cig.prensa@galizacig.com