
Non é esaxerado afirmar que a historia do terrorismo de Estado comeza coa agresión nuclear estadounidense ao Xapón. Se de armas de destrución masiva se trata Estados Unidos destaca con moito e sen competidor á vista, e o seu bombardeo a dúas poboacións indefensas constitúe, sen dúbida, o máis grave e salvaxe atentado terrorista da historia da humanidade.
O 6 de agosto fixéronse 65 anos do ataque nuclear de Estados Unidos á cidade de Hiroshima, unha monstrosidade se precedentes que, tres días despois, se reiteraría ao botar outra bomba atómica sobre a cidade de Nagasaki. Nun primeiro reconto ambas as deflagracións mataron a unhas 220.000 persoas, 140.000 en Hiroshima e 80.000 en Nagasaki.
A abafadora maioría das vítimas foron civís, dado que nese momento as dúas cidades non albergaban significativos continxentes militares. Aproximadamente a metade faleceu de inmediato, o mesmo día dos bombardeos. Na súa edición de hoxe ao dar conta do novo aniversario o New York Times comenta que as vítimas instantáneas morreron por mor da excepcional intensidade da explosión que reduciu a cidade a cinzas e literalmente vaporizou os seus corpos, deixando apenas espectrais pegadas e sombras nas poucas paredes que quedaron en pé.
O resto foi falecendo ao longo do tempo por mor de horríbeis queimaduras e os efectos da radiación, que os condenou a unha lenta e dolorosa agonía. O reconto actual das vítimas que morreron por mor dos dous bombardeos chegaba, no ano 2008, a pouco máis de 400.000 persoas e é moi probábel que a cifra aumente levemente nos próximos anos. Até o día de hoxe, os de Hiroshima e Nagasaki son os únicos ataques nucleares da historia, pero a desorbitada proliferación de armamentos nucleares fai temer por unha reiteración de tan tráxica experiencia. De feito, a flota naval estadounidense-israelí que se atopa á espreita no estreito de Ormuz, disposta a atacar a Irán, dispón dun formidábel arsenal atómico.
O Comandante Fidel Castro alertou sobre o risco dun holocausto nuclear e advertiu o Presidente Barack Obama de que unha vez que dea orde de atacar pasaríase o punto de non retorno e desencadearíase un conflito internacional de incalculábeis e lúgubres proxeccións. Por outra banda, existen fundadas sospeitas de que as sete bases militares que Álvaro Uribe puxo a disposición de Estados Unidos poidan tamén contar con armamento nuclear. Por algo hai unha teimuda resistencia a que unha delegación da Unasur poida inspeccionar as devanditas bases.
Non é esaxerado afirmar que a historia do terrorismo de Estado comeza coa agresión nuclear estadounidense ao Xapón. Se de armas de destrución masiva se trata Estados Unidos destaca con moito e sen competidor á vista, e o seu bombardeo a dúas poboacións indefensas constitúe, sen dúbida, o máis grave e salvaxe atentado terrorista da historia da humanidade. O anterior non obsta, porén, para que os seus sucesivos gobernos se sintan coa autoridade moral como para acusar e condenar a moitos países -entre nós, Cuba e Venezuela- por “fomentar o terrorismo”; tampouco lles crea ningún dilema ético o feito de dar abeiro dentro das súas fronteiras a Luis Pousada Carriles, terrorista probado e confeso e a moitos dos seus colegas, mentres encerran en cadeas de máxima seguridade os cinco heroes cubanos que loitaban contra o terrorismo e procuraban desbaratar as súas sinistras maquinacións.
A conmemoración realizada o día de hoxe en Hiroshima contou cun ingrediente especial: é a primeira vez que un embaixador de Estados Unidos participa nun evento deste tipo! O criminal non dá mostras de arrepentimento e si de soberbia e desprezo! Os representantes diplomáticos, funcionarios e autoridades estadounidenses tradicionalmente evitaron participar da mesma por temor a que a súa presenza puidese reacender o debate sobre o pedido de desculpas que Washington debería facer polo seu monstroso crime, cousa que Estados Unidos enxamais fixo.
Tampouco non o fixo con Vietnam, país cuxo territorio foi arrasado tras once anos de bombardeos que custaron uns 3.000.000 de vítimas, na súa inmensa maioría civís. E tampouco non o fixo por minar os portos da Nicaragua sandinista na década dos oitenta, ou polo medio século de agresións e sabotaxes, coas súas secuelas de mortos e feridos, descargado sobre Cuba. O imperialismo é así, e é inútil esperar que cambie.
Para xustificar a súa brutal agresión Washington di que o bombardeo atómico aforrou miles de vidas de soldados estadounidenses e xaponeses que morrerían durante a inevitábel invasión a Xapón. Porén, son moitos os que, mesmo en Estados Unidos, argumentan que o arroxar a bomba atómica nalgunha illa deserta do Pacífico xeraría o mesmo efecto disuasorio sobre o alto mando xaponés e que, polo tanto, decidir botalas sobre Hiroshima e Nagasaki foi un acto de inhumana e gratuíta crueldade.
Durante a cerimonia do día de hoxe algúns manifestantes reclamaron que Estados Unidos pedise perdón ao Xapón e retirase as súas bases militares en Xapón, demanda á cal Washington presta oídos xordos. Cómpre recordar unha sentenza de Albert Einstein en relación cos perigos dunha nova conflagración nuclear: "Se a terceira Guerra Mundial se fai a golpes de bombas atómicas, os exércitos da Cuarta Guerra Mundial combaterán con mazos".
[Artigo tirado do blog do autor, agosto de 2010]