Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
9/8/2010

Nado en 1946 (Seoane-Allariz), foi secretario xeral da central sindical nacionalista INTG e membro da Executiva confederal da CIG até o ano 2009.
Na actualidade, é director Fundación Moncho Reboiras para o Estudo e a Divulgación da Realidade Social e Sindical de Galiza, vinculada á CIG.

Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Reboiras: militante exemplar

Serán numerosos os actos que se celebren en homenaxe a Moncho Reboiras, militante da UPG, morto o 12 de agosto de 1975 polas balas da ditadura franquista. Todos estes actos son meritorios e ademais lóxicos, porén é indubidábel que o que vén organizando o seu partido (de cotío) desde o asasinato ten un carácter central, que non se pode ignorar e moito menos se lle pode disputar.

Isto non implica que Reboiras non sexa unha figura do conxunto do nacionalismo, como o son Bóveda, Xohán Carballeira, Ánxel Casal, Castelao, Alonso Ríos, Fuco Gómez,... e tantos outros. Todos e cada un deles verteu auga no muíño común desde a súa acción persoal (e mesmo desde unha estrutura partidaria, algo que se debe respectar).

Son dos que sempre pensou que Reboiras, morto con só 25 anos, tería sido en toda a etapa posterior un bo e seguramente destacado dirixente social ou político. Tiña cualidades: preparación, teimosía, coherencia, paixón, vontade, sabía tratar coa xente. Algo que resulta evidente vendo a súa capacidade organizativa no eido cultural e obreiro, xa que tivo un papel salientábel na organización dos xérmolos sindicais a partir da Fronte Obreira. Coa súa tráxica morte, innecesaria e cruel, Galiza perdeu moito.

Tampouco se pode ignorar que o seu asasinato foi un revulsivo, que contribuíu a poñer no centro da loita contra a ditadura o nacionalismo popular. Isto engadiuse a ­unha realidade política e social moi determinante, ao firme e axeitado traballo político da UPG e das súas organizacións de masas, e ás sabias rectificacións que fixo despois das consecuencias da represión.

É dicir, o revulsivo non o foi tanto porque se transmitira a idea de que o nacionalismo estaba disposto a botarse ao monte en calquera situación, senón porque se comprobou que se trataba dunha organización que estaba disposta a facer o que era necesario e convinte en cada intre histórico, así como rectificar se fixese falla para refugar o vangardismo que o podía illar das clases populares. En resumo: unha praxe correcta, e militantes coherentes e vencellados á xente.

Moncho Reboiras, naceu en Imo, no concello de Dodro, criouse en Vigo, no barrio de Teis e estudou enxeñería técnica. Moi novo achegouse á problemática da identidade nacional negada, da man do Padre Seixas, e relacionouse co quefacer cultural na cidade. Traballou en Barreras, e no ano 1972 participou activamente da folga xeral de setembro, xa daquela como militante da UPG. Vivín con el e Manolo Fernández un tempo nunha casiña por detrás da cadea de A Coruña, no ano 1973; realizamos xuntos algunhas das moitas viaxes que facía nun 600 para divulgar a liña partidaria e organizar. Pouco despois afasteime do partido por diverxencias, porén nunca deixei de valorar a súa grande entrega e capacidade. Un exemplo militante, daquela e hoxe.

 

[Artigo tirado de ‘Xornal’, 9 de agosto de 2010]

cig.prensa@galizacig.com