Do mesmo xeito que as dereitas están a utilizar a crise para obter o que sempre quixeron, é dicir, diminuír os salarios, a protección social e privatizar o Estado do benestar, as esquerdas deberían utilizar a crise para conseguir os seus obxectivos, é dicir, facer un reforma fiscal profunda...
No debate actual sobre a reforma constitucional e a lei orgánica complementaria estanse facendo afirmacións que non son sostíbeis. A seguir, detallo as máis representativas:
“O maior problema que ten o Estado español é o tamaño do déficit e da débeda pública”.
Non é certo. En 2007, o Estado tiña superávit e a débeda era das máis baixas da Eurozona e iso non protexeu ao Estado español de ter unha Gran Recesión. Até hoxe, a débeda pública é menor que a media da Eurozona e o déficit descendeu, o cal non evitou que os xuros que o Estado español tivo que pagar para vender a súa débeda pública sexan os maiores na súa historia.
“A lei aprobada polo pacto PSOE-PP non é un ataque ao Estado do benestar”.
Si que o é. Se se lle esixe ao sector público que reduza o déficit público, hai varios xeitos de facelo. Baixando o gasto público, aumentando os impostos ou incrementando o crecemento económico para ingresar máis fondos ao Estado. No Estado español, a maior redución do déficit público sempre se conseguiu con recortes de gasto público, incluíndo o gasto público social. Pasou cando o Estado español tivo que reducir o déficit para se acomodar ao criterio de Maastricht, e baixar o déficit ao 3% do PIB. E pasa agora, cando queren reducilo ao 0,4% do PIB. É máis, a fiscalidade do Estado español (tanto central como autonómica) é profundamente regresiva. Se miramos os niveis efectivos (reais) de tributación e non só nominais, as grandes familias, as grandes empresas e a banca, pagan niveis moi inferiores (restando ao Estado 44.000 millóns de euros ao ano) ao que paga un traballador en nómina. O Estado xa demostrou todos estes anos a súa incapacidade ou falta de valentía política de corrixir esta situación. Élle máis doado recortar os servizos domiciliarios ás persoas con dependencia (600 millóns de euros) ou conxelar as pensións (1.200 millóns) que reverter a baixada de impostos (37%), que afectaron aos súper ricos (300.000 euros ou máis ao ano) nos últimos quince anos (2.500 millóns de euros). As clases populares teñen menos poder sobre o Estado español que as clases dominantes.
“Se non se toman estas medidas, os mercados non se acougarán e terminaremos peor”.
Os mercados non teñen acougo. O problema non é a especulación dos mercados, senón a falta de protección dos estados fronte aos mercados. O que un Estado fai fronte ás manobras especulativas é imprimir diñeiro e comprar a súa propia débeda pública, forzando a baixada dos xuros de tal débeda. Pero, coa creación do euro, os países do euro non poden facer isto. Só o Banco Central Europeo pode imprimir diñeiro. Pero en lugar de facer o que os bancos centrais fan, é dicir, comprar débeda pública dos estados da Eurozona, o que fai é prover liquidez aos bancos privados, pero non aos estados. Só, recentemente e con grandes reticencias, se estivo facendo, pero tarde e insuficientemente. Cando comprou débeda pública do Estado español e Italia, os xuros baixaron. Isto debería facelo pero non excepcionalmente, senón como parte da súa función. É máis, os estados da Eurozona deberían ter bancos públicos para garantir o crédito. No Estado español estase indo en sentido contrario. A privatización das caixas dificultará aínda máis a garantía do crédito.
“Todos os estados da Eurozona deberían ter unha lexislación igual, prohibindo que teñan déficits públicos”.
Como indicou o Center for Economic and Policy Research, un dos centros de investigación máis prestixiosos de EEUU, tal política “sería unha desfeita”. Sería equivalente a que Estados Unidos, cuxos estados teñen que ter un déficit cero para os gastos ordinarios (pero non en investimentos), non tivesen un Estado Federal cun Goberno que ten déficits do 8,2% do PIB (e unha débeda do 160% do PIB) e cun Banco Central (The Federal Reserve Board) que axuda os estados (California ten unhas contas públicas en tan mala forma como Grecia) e compra débeda pública (algo que non está permitido ao Banco Central Europeo).
“Estas políticas de austeridade evitarannos chegar á situación grega”.
Todo o contrario, están acelerando a acadar a situación grega. Tales medidas, conxelación de pensións e recortes sociais, que están empobreceendo aínda máis o subfinanciado Estado do benestar español (o gasto público social por habitante é o máis baixo da Eurozona) está dificultando enormemente a recuperación económica ao reducir a demanda de bens e servizos, que é o maior problema da economía española. Estas políticas de austeridade están empobrecendo tal demanda. Hoxe está crecendo a percepción, mesmo en centros financeiros, de que o maior problema do Estado español é o escaso crecemento económico. A explosión da burbulla inmobiliaria creou un buraco equivalente a un 7% do PIB que tería que se encher con gasto público para permitir unha estimulación da economía. Tras catro anos de austeridade, a economía española continúa estancada.
“O estímulo económico aplicouse no Estado español e non axudou moito”.
Non é certo. Axudou pouco porque consistiu sobre todo en recortes fiscais que beneficiaron sobre todo ás rendas superiores que son as que proporcionalmente consomen menos e teñen, polo tanto, escaso impacto estimulante da demanda. Moi poucos dos estímulos foron encamiñados explicitamente a crear emprego. Do mesmo xeito que as dereitas están a utilizar a crise para obter o que sempre quixeron, é dicir, diminuír os salarios, a protección social e privatizar o Estado do benestar, as esquerdas deberían utilizar a crise para conseguir os seus obxectivos, é dicir, facer un reforma fiscal profunda coa que, a base de corrixir o enorme déficit fiscal das clases podentes -grandes familias, grandes empresas e banca- se resolvese o déficit social, creando emprego, e á vez se estimulase a economía. Así se saíu da Gran Depresión e así se debería saír agora.
[Artigo tirado do blog do autor, do 8 de setembro de 2011]