Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - Vigo 25/8/2009
Critican que "a austeridade de Feijoo só se lle aplique aos traballadores/as" e considera inadmisíbel esta medida
A CIG-Autonómica posicionase contra a conxelación salarial xa que "máis da metade do persoal da Xunta non supera os 954 euros"
A CIG-Autonómica ven de emitir unha nota de prensa en contestación ás novas declaracións do Goberno galego con relación á conxelación salarial. Nesta ocasión foi a conselleira de Traballo e Benestar quen o pasado 23 de agosto aseguraba que “non ve fóra de lugar” a idea do Goberno central de subir menos do 1% o salario de todos os empregados públicos. Xa anteriormente a conselleira de Facenda pronunciárase nos medios, anunciando a “máis que probable” conxelación salarial dos empregados públicos nos orzamentos da Xunta de Galicia para o ano 2010.

A continuación reproducimos a nota de prensa enviada desde a CIG-Autonómica aos medios de comunicación:

En resposta ás declaracións desta fin de semana sobre a máis que probable conxelación salarial do persoal ao servizo da xunta de galiza, dende a CIG-Autonómica consideramos inadmisíbel que se estea a falar de conxelar os salarios de persoal que leva moitos anos de perda adquisitiva e cuios salarios, en máis da metade do persoal, non superan os 954 euros ao mes. Estas son as medidas "populares" que toma o actual goberno da xunta para paliar a crise.

Manteñen plus altos cargos

É inmoral que os privilexiados sigan a estar excesivamente retribuídos e que tenten reducir o déficit das arcas públicas a conta dos salarios máis baixos da administración mentres seguen a invertir centos de millóns en administracións paralelas para colocar aos seus sen respectar os principios de igualdade, mérito e capacidade que se esixen para o acceso á función pública. Conxelan o salario dos traballadores/as públicos pero manteñen o plus dos altos cargos (15.000€ anuais para miles destes seres superiores) ou se lle dá o plus de 3,000€ dos xefes territoriais.

É preciso tamén coidar e premiar os gastos a pracer dos parlamentarios (comidas, coches novos, chofer, viaxes...), os seus altos salarios, os seus pases VIP. Entanto ao persoal laboral e funcionario aínda non lle pagaron o fondo de acción social do ano asado nin parte do acordo retributivo e xa están a falar de conxelarlle o salario.

A "austeridade" do goberno Feijoo

A austeridade do goberno Feijoó só se aplica aos traballadores/as, velaí o contrato millonario con Microsoft ou os 4,000,000 € que se gastan en subvencionar colexios do lobby da Igrexa.

CCOO, CSIF e UGT, culpábeis tamén da perda de poder adquisitivo

Tamén é inmoral que sindicatos como CCOO, CSIF e UGT que negociaron en Madrid unha suba do 2% para o funcionariado, ao que se lle sumou un 1% para cobrar as pagas extras completas cando non existía crise ningunha e a maioría dos convenios negociados tiñan subidas do 3% ou do 4%, agora limítense a dicir que é normal a conxelación dos salarios pola crise, pero só eles son culpábeis da perda de poder adquisitivo que leva acumulando durante anos todo o persoal debido á súa ineficacia á hora de negociar os salarios dos/as traballadores/as en Madrid.

Dende a CIG-Autonómica invitamos ao goberno a que reconsidere a situación e que tome medidas realmente efectivas contra a crise e non só medidas "populares" para lavar a cara e xustificar a súa austeridade aforrando catro pesos en salarios de traballadores/as mentres están a gastar millóns de euros en salarios dos privilexiados e en favorecer a empresas afíns.

1