Confederación Intersindical Galega - Avantar - Vigo 21/11/2009
Nesta cita están chamados a participar 194 delegadas e delegados, ademais de persoas convidadas e delegacións internacionais como a Federación Nacional de Servizos Públicos da CGTP,STAL, ELA, LAB, CATAC e a Intersindical Valenciana.
Saúdo inicial da comarca
Este V Congreso comezou pouco antes das dez da mañá do sábado 21 coa intervención da secretaria nacional de Organización da CIG-Administración, Rosa Chantada, que despois deu paso ao canto da Internacional.
Acto seguido interveu nesta sesión de apertura o secretario comarcal da CIG de Vigo, Xerardo Abraldes, que saudou ás delegadas e delegados presentes neste V Congreso. Abraldes explicou a grave situación na que se encontra a comarca de Vigo "que aporta, se se pode dicir as, o 25% dos desempregados e desempregadas de Galiza, pola situación de crise económica".
"Diante desta situación é preciso unha resposta sindical, e máis desde que volveu ao goberno autonómico o Partido Popular, que está poñendo en marcha todo tipo de políticas antisociais, que afectan en maior grao ás áreas públicas e as súas traballadoras e traballadores, polo que tedes moito traballo por diante", engadeu Abraldes.
Xuntando esforzos no proxecto CIG
O secretario comarcal da CIG de Vigo fixo un chamamento a continuar a traballar polo proxecto da CIG, "xuntando esforzos, sabendo que as bases do noso sindicato son a democracia, a participación e o pluralismo".
Por último, Abraldes desexou ao secretario nacional da CIG-Administración, Xosé Carlos Crespo, moitos éxitos e sorte no desenvolvemento deste Congreso, "xa que vai ser preciso un grande esforzo para mudar o estado das cousas nas Administracións".
Debate do Informe de Xestión e Finanzas
O secretario nacional da CIG-Administración, Xosé Carlos Crespo, tomou a palabra para dar lectura aos Informes de Xestión da Executiva e Finanzas, e no que se analizaba o marco político e socio laboral e os traballos das distintas Secretarias, asi como as finanzas da federación.
Ao comezo da súa intervención lembrou que na xornada do 20 de novembro finou o traballador da CIG, Fernando Pol, e fixo unha lembranza do seu imenso traballo a prol desta central sindical, asi como recordou que este sábado ás 17 terá lugar o acto de incineración do noso compañeiro.
Abriuse unha quenda de intervencións e pasouse a votar os mesmos, co seguinte resultado: 50 votos a favor, 36 en contra, e 30 abstencións, polo que ficaron aprobados estes textos.
O regulamento e a elección da Mesa Presidencial deste Congreso foron os seguintes pasos que se deron, cun apoio case que unánime.
Debate do relatorio de Acción Sindical
Asi, ás once da mañá daba comezo o debate do relatorio de Acción Sindical. O documento foi aprobado con 140 votos a favor e 1 abstención.
Estes textos salientaron a necesidade do traballo na defensa do público, reclamando a supresión das diferentes modalidades de privatizacións xestoras dos entes públicos como das asistencias técnica, apostando pola ampliación da propia administración pública como proposta de defensa do público fronte ao privado, e avogando pola supresión dos concertos con empresas privadas.
Outro dos temas abordados nestes textos foi a negociación colectiva, a saúde laboral, e a acción social e a promoción nos servizos públicos. A CIG-Administración reafirmou a súa aposta pola xornada laboral de 35 horas, por un acceso á Administración pública limpo e en igualdade de condicións, pola eliminación da contratación en precario, ou o compromiso polo traballo e a acción sindical en materia de igualdade.
As políticas sectoriais desta ampla Federación, con sectores como a Universidade, Correos, Administración Local, Administración Autonómica ou do Estado tamén se tratan neste relatorio de Acción Sindical achegando as súas demandas actualizadas en cada unha destes sectores.
Normalización da lingua galega nas Administracións
A normalización da lingua galega na Administración no noso país e a importancia da defensa do idioma, fronte aos recurtes da política imposta polo goberno do Partido Popular, aparece como parte destacábel ao remate deste documentos. frontamos este Congreso coa previsión dunha acción sindical para os próximos catro anos de confrontación coas políticas da Xunta e do Estado no tocante aos dereitos das traballadoras e traballadores".
Acción sindical combativa
Asi, a Acción Sindical aprobada con este relatorio fala de facer fronte aos recortes laborais, da defensa do idioma, das retribucións e da destrución do emprego que puxo en marcha a administración autonómica, e tamén na administración estatal, onde se pretende que os empregados públicos paguen a crise económica, e recortes no emprego público coa taxa do 15% para a reposición de efectivos na xubilación. Todos estes recortes inciden negativamente na calidade do servizo público, ademais de na perda de poder adquisitivo e nos dereitos dos traballadores e traballadoras das administracións públicas, polo que desde afederación da Administración Pública se vai dar unha importante batalla fronte a estas políticas.
Debate do relatorio de Estatutos
De doce a unha e media debatéronse os estautos que foron aprobado con 152 votos a favor, 9 votos en contra e 12 abstencións.
Despois do xantar intervirán as delegacións convidadas, e elixirase a nova Executiva e a/o Secretaria/o nacional.
Galería gráfica
Na sección multimedia da nosa web unha ampla galería de imaxes da sesión de mañá deste V Congreso, ou tamén podedes consultala a través desta ligazón.
1