Confederación Intersindical Galega - Avantar - Vigo 28/11/2009
Placer Vila, secretaria de organización da CIG de Vigo até este V Congreso, foi a encargada de dar a benvida ás e aos congresistas que asistiron a este encontro. Saudou tamén ás delegacións convidadas da CGTP do Porto e de Viana do Castelo. O regulamento congresual foi aprobado por unanimidade.
Nova Unión Local
Despois votouse a ratificación da Unión Local do Baixo Miño, que representa aos concellos de Oia, Tomiño, A Guarda e O Rosal, que foi aprobada por unanimidade a creación desta unión local.
Informe da Executiva comarcal sainte
Xerardo Abraldes, secretario comarcal da CIG de Vigo, pasou a dar a coñecer e explicar o informe da Executiva Comarcal nas que se analiza, entre outras cuestións, o contexto económico, laboral e social nesta comarca.
Asi, Abraldes fixo referencia ao número de desempregados da comarca de Vigo, 52.549, que supón o 25% dos desempregados/as de Galiza. Diante desta situación de desemprego e ERE's apostou polo "combate contra a exclusión social, e é que contra a crise a nosa organización ten que camiñar cara a un novo modelo social, como sinala o lema deste congreso".
O secretario comarcal da CIG de Vigo fixo unha paréntese para lembrar ao compañeiro Fernando Pol, recentemente falecido, e anunciou que a comarca de Vigo solicitará un dos premios 10 de marzo que outorga a central sindical nacionalista para este compañeiro.
A nivel organizativo salientou a posta en marcha do secretariado comarcal, e a súa efectividade para coordenar o traballo sindical.
Máis de 3.600 asembleas de traballadores/as realizáronse nos locais da CIG de Vigo, "o que demostra que o noso é un sindicalismo que ten un asemblearismo moi vivo".
Sobre a criación da Unión Local do Baixo Miño, explicou que é a primeira vez que se crea unha unión local nesta comarca, e que no Baixo Miño contan con máis de 1.300 afiliadas/os e 86 delegados, polo que desexou sorte para o novo camiño que comezan.
Da Unión Local do Porriño, Abraldes destacou na defensa deste Informe que "despuntou nas eleccións sindicais e cun incremento importante de afiliación, polo que se reforzou o persoal e disponibilizou un novo local". Tamén na Unión Local do Morrazo, aínda que non ten o volume do Porriño, tamén se fixo un importante investimento en Patrimonio. En canto ao local de Vigo vaise arranxar a parte de abaixo para gañar metros, e só está pendente a licenza para comezar as obras.
O departamento de Igualdade, como outra das novidades deste período, foi outro dos avanzos aos que fixo mención Xerardo Abraldes, ao que engadiu o funcionamento estábel da CIG-Mocidade, coa que colaborou en todo momento a comarca.
Medre de afiliación
A comarca da CIG de Vigo pasou asi de 14.700 afiliados no 2005 a ter o 30 de setembro 21.651, polo que estamos a falar dun medre superior ao 48%.
O papel da asesoria xurídica, como referente para todo o país, e o seu funcionamento foi outro dos temas a tratar, xa que por mor da crise económica sofre unha saturación polo aluvión de casos que recebe.
Respecto as eleccións sindicais a CIG na comarca de Vigo conta co 36,1% de representación, e 1.838 delegadas/os, polo que "estamos moi por diante de CCOO e UGT".
En saúde laboral, Abraldes engadiu que este tema pasou a ser un tema de primeira liña de acción sindical, ao que axudou a propia dinámica que se imprime desde o Gabinete Técnico de Saúde Laboral, con moi bos resultados.
As mobilizacións dos traballadores da pedra pola silicose, a problemática dos mergulladores profisionais, as mobilizacións dos traballadores do naval cada vez que hai accidentes ou a campaña contra os abusos das mútuas, falan en feitos desa preocupación e atención á cuestión da saúde laboral.
Tamén se incrementou a formación sindical e laboral que se ofreceu aos traballadores desde a CIG, e tamén desde Forga, que é todo un referente a nivel formativo.
De insubstituibel cualificou Abraldes ao centro de asesoramento aberto na comarca de Vigo, e que afonda na liña de traballo pola Igualdade, que comezou co traballo no proxecto Equal, e que continuou grazas á contratación dunha técnica en Igualdade. Asi desde a Secretaria da Muller organizáronse numerosas xornadas, asembleas e mobilizacións para concienciar sobre a necesidade de loitar pola igualdade real desde o mundo do traballo.
Numerosas mobilizacións e conflitos na comarca
Neste período púxose en marcha a caixa de resistencia, o que axudou nos conflitos longos que houbo neste últimos catro anos, como os dez dias de folga do transporte sanitario, os 9 dias de folga polo convenio do metal do 2006, 17 dias para que se cumprira o convenio no naval, a folga no sector da Construción, folga de 12 dias da limpeza, 4 dias de folga do transporte de mercadorias e o recente conflito do metal con 29 dias de folga, represión policial e criminalización da prensa, cunha marcha a pé a Compostela, e coa traizón final de CCOO e UGT, que pecharon este conflito "de xeito vergoñento".
Tamén citou outros conflitos como os que se deron na Saúde, na Administración ou no Ensino, asi como noutras empresas, e outras que finalmente pecharon como Prevent, Draka Cables e Valeo.
O papel da represión
No capítulo da represión policial e persecución sindical, Abraldes fixo mención á apertura no 2008 de 120 procedementos abertos na via penal polas folgas e mobilizacións, mais na actualidade a Subdelegación de Goberno está a utilizar as sancións por via administrativa para amedrentar ao sindicalismo e as mobilizacións.
Por último, fizo referencia a outras mobilizacións como as que tiveron lugar contra a crise, na defensa do emprego na automoción, ou o incremento cuantitativo nas mobilizacións do 1º de maio.
A presenza no ámbito insititucional e a acción social tamén foron obxecto de analise, salientando a defensa da ría e a oposición ao proxecto da depuradora, ou máis recentemente a campaña na defensa da lingua galega e a participación nas mobilizacións contra a privatización do novo hospital.
A solidariedade internacional e a formación nese ámbito puxeron ponto e final á enumeración da inxente actividade realizada pola comarca da CIG de Vigo nestes últimos catro anos.
Central sindical maioritaria
Abraldes remataba a súa intervención subliñando que "a CIG na comarca de Vigo na actualidade é unha central sindical maioritaria, con proxección de futuro, capaz de transformar a sociedade cara a un novo modelo social máis xusto e proveitoso para a clase traballadora".
Ao remate da exposición deste Informe da Executiva, deuse paso a súa votación. O informe foi aprobado con 225 votos a favor e 52 abstencións.
Pasouse escoller unha Mesa presidencial deste V Congreso Comarcal, que foi aprobada por unanimidade.
Presentación das listas á Executiva
As tres persoas que encabezaban as tres listas para a Executiva Comarcal fixeron unha presentación de cada unha destas opcións, e asi, interviñeron, Segundo González, Consuelo Martínez, e Serafín Otero. Para a Secretaria Comarcal optaban dúas candidaturas: a de Serafín Otero e a de Consuelo Martínez, e tres listas presentábanse para obter representación no Consello Confederal.
Ao remate destas intervencións, e ao longo dunha hora, as 320 delegadas e delegados pasaron a votar en tres urnas para escoller os seus novos representantes.
Resultados das votacións
Os resultados foron os seguintes:
- O novo secretario comarcal será Serafín Otero, ao obter 183 votos, fronte aos 131 votos que obtivo Consuelo Martínez.
- A Executiva Comarcal está composta por Segundo González, ao obter 1 representante a lista que encabezaba, con 22 votos e o 7% de representación, Consuelo Martínez, Placer Vila, e Vitor Mariño, da lista encabezada por Consuelo Martínez, que obtivo 112 votos, e o 35,66% de representación, e Serafín Otero, Pilar Rodríguez, Cándido Gonzálvez, Chelo Lago e Anxo Iglesias da lista encabezada por Serafín Otero, que obtivo 181 votos, e o 58,19% de representación.
- Dos 19 postos a cubrir pola comarca de Vigo no Consello Confederal o reparto é o seguinte: Fernando Acuña, con 19 votos, Consuelo Martínez, Placer Vila, Vitor Mariño, Salustiano Guerra, Ana Meijide, Bruno Salgueirón e Antón González, por esta lista con 112 votos, e Serafín Otero, Henrique Pérez, Pilar Rodríguez, Cándido Gonzálvez, Chelo Lago, Anxo Iglesias, Xesús García, Elvira Iglesias, Emilio Alonso, Ramón González Boán e Beatriz Caamaño, con 181 votos.
Acto de clausura
No acto de clausura deste V Congreso realizou unha breve intervención o representantes da CGTP de Viana do Castelo, para incidir na necesidade da coordenación e traballo dos sindicatos galegos e portugueses.
Tamén neste acto final deuse paso á lectura de resolucións con temáticas diversas como a problemática das oficinas I+B, a defensa do galego, o conflito das escolas oficiais de idiomas, a fusión das caixas ou a solidariedade cos bombeiros do Morrazo pola represión sindical que está a exercer Celta Prix.
Intervención de Suso Seixo
O secretario xeral da CIG, Suso Seixo, participou da clausura deste V Congreso comarcal, no que comezou sinalando que "este proceso interno é mostra da pluralidade que ten a CIG, que temos que conservar". Asemesmo avogou por actuar "unidos, dun xeito coerente e combativo para facer fronte á crise, pola que moitos traballadores e traballadoras están afectados, e na que o capital tenta aproveitar este momento para que os seus intereses saian reforzados e recortar dereitos".
"A CIG é un instrumento fundamental para a clase traballadora porque é froito de todos e todas nós, e en contra do poder, fomos quen de erguer este proxecto, no que todas temos cabida", engadia o secretario xeral da CIG, que facía un chamamento a "traballar e mobilizarnos, continuar pelexando polos intereses da clase traballadora e pola soberanía do noso país".
Intervención do novo secretario comarcal, Serafín Otero
O novo secretario comarcal, Serafín Otero, foi a seguinte persoa en intervir, e que fecharia esta cita congresual.
Otero manifestou que "o que hoxe vivimos aquí é un exemplo de democracia interna, e un exemplo de que a CIG está viva", e apostou polo traballo en consenso e por un sindicato unido fronte á situación de crise, que sexa combativo, responda coa mobilización e que lidere os movementos sociais na comarca.
"A independencia da central sindical será total", remarcou, e apostou por manter a capacidade mobilizadora nestes tempos, "e para continuar con todo este proxecto debemos ser un pouco revolucionarios".
Gañar as próximas eleccións sindicais, aumentar a presenza da CIG, a defensa do galego, a loita contra a privatización da sanidade e contra o desmantelamento do emprego serán algúns dos eixos do traballo da CIG nesta comarca, segundo a intervención do seu novo secretario comarcal, para os próximos catro anos.
Homenaxe e despedida a Xerardo Abraldes
Placer Vila, exsecretaria de Organización da CIG de Vigo, entregou unha escultura de Sargadelos a Xerardo Abraldes, agora exsecretario comarcal da CIG de Vigo, "como unha mostra de agradecemento polos 12 anos de entrega ao proxecto sindical da CIG desde a Secretaria Comarcal da CIG de Vigo, pola súa entrega e a súa valia, e que aínda que volte ao seu posto de traballo, agardamos poder continuar a contar con el".
Unha chea de aplausos e todo o auditorio en pé do V Congreso Comarcal despedían deste xeito ao compañeiro Xerardo Abraldes, que volve ao seu posto de traballo, despois de deixar a Secretaria Comarcal.
O canto do Himno Galego puxo o punto e final a este V Congreso.
Máis imaxes
Na galeria de imaxes da nosa web podedes atopar unha ampla galería fotográfica con mais de setenta imaxes deste V Congreso, ou tamén podedes entrar nesta ligazón.