Confederación Intersindical Galega - Avantar - Compostela 30/11/2009
CIG-Ensino, AS-PG, STEG, Comités, iniciativa Estudiantil Galega, Sindicato de Estudantes, A Mesa pola Normalización Lingüística e varias federacións comarcais de asociacións de nais e pais integradas na plataforma ‘Queremos Galego’ coincidiron en sinalar que “non están dispostas a tolerar” ningún retroceso legal” que supoña “unha volta ao pasado” ou “calquera clase de texto legal que supoña unha redución da presenza efectiva do galego nas aulas”.
De feito manifestaron a súa disposición a convocar unha mobilización xeral ou xornada de loita de toda a comunidade educativa, en todas as súas etapas, en canto se faga público o contido do novo decreto co que se pretende substituír o actual.
Porén, malia ser unha convocatoria que teñen que protagonizar as diferentes organizacións do ensino, estas serán vehiculizadas tamén desde a propia estrutura de ‘Queremos Galego’ xa que “a derrogación do actual decreto non constitúe só un ataque ao sistema educativo, senón que afecta a toda a sociedade no seu conxunto”.
Estas organizacións manifestaron tamén a súa preocupación polo que entenden como “un exercicio de total insubmisión” da consellaría de Educación a respecto da súa propia lexislación vixente, asegurando que “non é só que non garantan o pleno cumprimento do decreto 124/07, que é de aplicación durante o presente curso escolar, senón que cada declaración pública acaba por se converter nun convite expreso á desobediencia”.
Alén diso, denunciaron que a situación actual continúa a ser “de xeneralizado incumprimento do decreto en vigor” e que alí onde se aplica é exclusivamente grazas “ao esforzo e compromiso, moitas veces mesmo persoal, da comunidade educativa”. Por iso, reclamaron recursos, recoñecemento e formación axeitados para o profesorado.
Neste sentido, Anxo Louzao, secretario nacional da CIG-Ensino, alertou da posibilidade de que o PP caia na tentación de dalo a coñecer xusto antes da ponte da vindeira semana ou mesmo durante as vacacións do Nadal “co obxectivo de desactiva a resposta social”. Louzao lembrou que esa é a dinámica que vén seguindo o goberno do PP, que fixo algo semellante coas Escolas Oficiais de Idiomas e afirmou que “sería unha boa mostra do talante prepotente e antidemocrático de quen despreza a opinión da comunidade educativa e da sociedade”.
1