Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - A Coruña 18/12/2009
Os traballadores/as agardaban que a conselleira de Sanidade participase nun acto neste centro
As protestas do persoal de limpeza do CHUAC trasládanse até o Hospital Abente y Lago
As protestas das traballadoras e os traballadores dos servizos de limpeza do CHUAC trasladáronse esta mañá ao hospital Abente y Lago, onde se agardaba que a conselleira de Sanidade participase nun acto oficial. O persoal, que finalmente non chegou a ver á responsábel do departamento de saúde, advertiu que manterá as mobilización até que dende as empresas e o Sergas se acheguen garantías do cumprimento dos convenios colectivos.

09-12-18 Concentración Abente y Lago II

Os traballadores e as traballadoras de SamyL, Linorsa e Valoriza trasladaron as protestas que veñen desenvolvendo dende hai quince días até as instalacións do Hospital Abente y Lago, onde se supuña que a titular da Consellaría de Sanidade ía participar nun acto, aínda que finalmente o persoal non lle puido trasladar directamente as súas demandas.

Dende a CIG-Servizos advertiron que van continuar coas protestas até que as empresas concesionarias dos servizos de limpeza dos centros do CHUAC se comprometan a cumprir os convenio colectivos, nos que se recolle a equiparación ao persoal do Grupo E do Sergas, e que poñen fin á discriminación laboral e salarial que durante máis de 12 anos padeceron estes traballadores/as. De feito, o vindeiro luns retomarán as concentracións diante da Xerencia do Complexo Hospitalario.

Os traballadores/as pregúntanse a onde foron as pagar os cartos que o Sergas pagou as empresas concesionarias do servizo para amortizar as melloras recollidas nos convenios, contías económicas que non se viron repercutidas nas nóminas do persoal. Por este motivo, a CIG-Servizos reclama aos responsábeis do Complexo que esixan a Linorsa, Valoriza e SamyL que cumpran coas condicións pactadas na contrata.

De igual xeito, durante a protesta criticouse a sanción imposta a unha traballadora (suspendida dous meses de emprego e soldo) que solicitara un permiso retribuído e esixiuse a retirada inmediata de dita sanción.

Demanda do cumprimento dos acordos asinados

De igual xeito, traballadores/as do hospital despregaron unha pancarta da plataforma sanitaria unitaria, en demanda do cumprimento dos acordos asinados entre a Consellaría e as organizacións sindicais, que a administración decidiu suspender.

1