Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - Compostela 1/5/2008
Cuestiona o modelo económico neoliberal e aposta por outro "xusto e sustentábel"
Arredor de 15.000 traballadoras e traballadores mobilízanse coa CIG neste Primeiro de Maio
A Confederación Intersindical Galega mobilizou nas manifestacións convocadas nas sete cidades, na Mariña e en Ribeira a uns 15.000 traballadores e traballadoras que se sumaron á reivindicación dun modelo xusto e sustentábel, fronte ao neoliberalismo, e a prol da soberanía nacional. A manifestación máis numerosa foi a celebrada en Vigo, onde participaron preto de 10.000 persoas.

Manifestación do 1º de maio en Vigo #1

Hai moitos temas nos que a CIG podería centrar as súas reivindicacións neste Primeiro de Maio: a precariedade, a defensa de salarios dignos, dos postos de traballo, a defensa do sistema público de protección social... Porén, a central sindical optou por reivindicar “Un modelo socioeconómico xusto e sustentábel”, tal e como explicou o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, na súa intervención ao remate da manifestación nacional, celebrada en Vigo, porque “a orixe destes problemas está precisamente no modelo socioeconómico neoliberal”.

Un modelo que, lembrou, é hexemónico desde principios da década dos 80 e que é responsábel de que os salarios teñan perdido peso no PIB, de forma significativa; de que teñan perdido poder adquisitivo; de todo o proceso de privatizacións que se deu no estado español dos servizos e do sistema de protección social; do abusivo prezo da vivenda; da precariedade laboral; do desemprego; dos altos índices de sinistralidade laboral; do desigual reparto da riqueza e dun capital especulativo que non redunda nada en xerar base produtiva e o que está é xerando o enriquecemento alarmante e a acumulación da riqueza en poucas mans.

Ante iso, Seixo explicou que a CIG ten a responsabilidade de facer un traballo de concienciación para que se asuma que “este non é o modelo socioeconómico que a clase traballadora necesita, que hai que pelexar por un modelo socioeconómico diferente que teña en conta á clase traballadora, que é a maioría social deste país, fronte aos intereses da oligarquía”.

O secretario xeral da CIG tamén recordou que a central sindical ten nos seus Estatutos, como modelo de referencia, o socialismo e afirmou que “nos sentimos identificados con eses modelos sociais e cos países no mundo que xa se prantexan optar pola vía dun socialismo do século XXI, pero, aínda así, sen ter que chegar a cambios estruturais tan profundos como os que suporía un cambio de sistema, porque as circunstancias actuais non o permiten, entendemos que hoxe temos que pelexar por políticas que vaian claramente en contra das políticas que promove o propio sistema neoliberal”.

Por iso explicou que a CIG aposta por promover políticas contrarias á precarización e os baixos salarios, que faciliten a creación de emprego estábel e de calidade, que aposten pola defensa dun sistema fiscal realmente progresivo, que se grave máis aos beneficios do capital en contra do que se está a facer, que pulen por políticas de vivenda e de protección social, que se apoien claramente aos servizos públicos e de protección social e en contra dá súa privatización, cunha planificación económica, por parte dos gobernos, en función dos intereses da maioría social e que non se permita que sexan precisamente as multinacionais e o capital transnacional quen programe a economía do mundo en función dos seus intereses, sen capacidade ningunha de incidir e que van orientadas en función de intereses económicos alleos ao desenvolvemento económico e social normal do noso país. “A única maneira de combater iso, ou unha das máis eficaces, é que por parte do goberno galego houbese capacidade para decidir políticas decididas en función dos nosos intereses e contrarias a esas políticas neoliberais”, dixo.

A defensa dese modelo socioeconómcio xusto e sustentábel resumiuno pois, do punto de vista social, apostando por un reparto da riqueza máis igualitario, para rematar coa fame e coas desigualdades que hai no mundo; do punto de vista cultural respectando a diversidade cultural que existe a nivel mundial e do punto de vista medioambiental, respectando a biodiversidade e con medidas de protección do medioambiente.

Reivindicación da soberanía nacional

O secretario xeral da CIG reivindicou a soberanía nacional para Galiza como unha necesidade para “poder decidir políticas desde Galiza, en función de Galiza e en contraposición a todas estas políticas de corte neoliberal que se deciden en institucións de ámbito internacional.

No mesmo sentido, Xerardo Abraldes, secretario comarcal da CIG de Vigo, subliñou na súa intervención que "este modelo económico está basado na especulación, é un modelo parasitario, que para continuar a aumentar as riquezas exponencialmente será preciso que millóns e millóns de persoas resultaran gravemente perxudicadas". Nese sentido, engadiu que "nunha data como o 1º de maio, Día do Internacionalismo Proletario, non podemos esquecer o compromiso cos traballadores e traballadoras do Terceiro Mundo que son os que máis van sufrir as consecuencias desta crise".

Fronte a este modelo, Abraldes destacou "a necesidade do combate coa negociación colectiva seria e rigorosa, que non ceda ante nada". Por exemplo, neste momento, citou a dous exemplos "como é a folga do transporte e a folga indefinida para o dia 14 no sector da limpeza, onde non é que non pretendan aumentar os salarios senón que ademais pretenden rebaixar dereitos adquiridos anteriormente pretexto da escrito".

Tamén lembrou Abraldes "as deslocalizacións, e especialmente o caso de Draka Cables, cos compañeiros e compañeiras aqui presentes, onde a única razón para mover unha planta de país é o incremento dos beneficios, condenando ao desemprego a traballadores e traballadoras que durante moitos anos foron utilizados como man de obra altamente cualificada para facer as mellores producións no sector do automóbil".

Compostela

En Compostela, onde participaron unhas 1.000 persoas, Anxo Noceda, o secretario comarcal, tamén fixo referencia a estes aspectos e tras dunha ampla reflexión sobre a actual situación socioeconómica expuxo casos concretos das consecuencias destas políticas neoliberais na propia comarca e ás loitas e mobilizacións levadas a cabo en sectores como o de comercio e alimentación (LIDL, Gadisa, Froiz, etc.), en Tragsega, no 112, na CRTVG, en Transportes Rial, Correos, Tangueiro ou Viproga.

Noceda tamén lembrou a colaboración e participación da CIG na loita pola dignificación das condicións laborais das traballadoras do Emprego Domestico e a xa longa loita dos traballadores e traballadoras de Serrabal e Ferroatlantica na defensa, non só dos seus postos de traballo, senón tamén da viabilidade de desenvolvemento dun tecido industrial punteiro no noso País.

O secretario comarcal da CIG de Compostela tamén exixiu a inmediata concesión do indulto para os veciños do Eixo e rematou a súa intervención amosando "o noso apoio e solidariedade para co Pobo Palestino pola sua loita contra o imperio israeli na procura da sua soberania e independencia, apoio e solidariedade que queremos facer estensibel a Bolivia, Ecuador, Venezuela, Cuba e a todos aqueles pobos que, como o noso, estan a loitar contra o imperialismo e contra o modelo economico do capitalismo".

Ourense

Este Primeiro de maio en Ourense estivo marcado polo falecemento na xornada anterior dun operario de 61 anos nun accidente laboral no Carballiño, polo que o recordo do traballador, a demanda da seguridade laboral e a redución da sinistraliedade laboral pasou a ser a reivindicación principal.

Na faixa de cabeceira da manifestación, á que se sumaron sobre 1.200 persoas, foron unhas tiras negras en sinal de solidariedade, e no acto final, en primeiro lugar, fíxose referencia a este grave accidente que vén coincidir traxicamente co 1º de maio, e que pon en evidencia que continúa a aumentar a sinistralidade laboral, a pesar de ser Ourense unha provincia con baixa industrialización e pouca actividade laboral. Ademais gardouse un minuto de silencio antes da intervención final do secretario comarcal da CIG de Ourense, Etelvino Blanco. 



Blanco fixo fincapé na súa intervención na cuestión do emprego, polo incremento do paro, xa que "isto ten unha estrita relación coa emigración porque son milleiros as persoas de Ourense que continúan a emigrar a outras partes de Galiza e o Estado". Blanco denunciou "a actitude discriminatoria que continúa a haber con respecto a Ourense".

Pontevedra

Na manifestación convocada pola CIG de Pontevedra participaron uns 900 traballadores e traballadoras. Ao remate da marcha, Rafa Iglesias aproveitou para facer un recordatorio anual das loitas que houbo na comarca como "os traballadores de Trebes no Campiño, para mellorar as súas condicións laborais e sociais no acordo que se conseguiu; as traballadoras de Treves da avenida de Vigo, que están tentando que se equipare o seu convenio do textil polo de confección de fibras diversas; das loitas na comarca polas folgas da Construción en maio e outubro; até a folga da semana pasada do transporte de mercadorías".



O secretario comarcal de Pontevedra lembrou tamén "os problemas de todas aquelas empresas que están a ter suspensión de pagas como consecuencia da explosión da burbulla inmobiliaria, como Cedonosa e o grupo Proinsa".



Iglesias salientou que nos próximos tempos se aveciñan na comarca "máis suspensións de pagos, e mesmo nas empresas que son de ámbito comarcal hai máis de trinta nesta situación, polo que o noso sindicato debe estar preparado para a defensa dos traballadores".

A Coruña

Tal como aconteceu nos últimos anos, a manifestación partiu ás 12:00 horas da Praza de Vigo. Nesta ocasión, a marcha congregou 1.500 persoas. Paulo Carril, secretario comarcal, rexeitou o sistema de negociación colectiva que pretenden importar no país as centrais españolas UGT e CCOO. O persoal do Telemarketing e o Téxtil, segundo explicou Carril, son vítimas desta clase de sindicalismo pactista e alleo aos intereses do país. Estas centrais son as responsábeis dos convenios colectivos de ámbito estatal que regulan ambos sectores e que resultan prexudiciais para os e as empregadas. UGT e CCOO, ademais, negócianos de costas os traballadores. No lado contrario atópase o modelo desenvolvido pola CIG e as conquistas que se desprenden da acción sindical da central nacionalista. Carril puxo como exemplo as melloras atinxidas nos convenios de Cespa e Albada, empresas nas que a CIG é maioritaria.

O secretario comarcal destacou que o sindicalismo nacionalista, que definiu como “coherente, non burocrático, firme, combativo e chantado nos centros de traballo”, contribúe a conseguir melloras substancias nas condicións salariais e laborais dos traballadores.

Paulo Carril realizou unha radiografía da estrutura económica da comarca, caracterizada polo desmantelamento industrial e onde cada vez ten máis peso o sector servizos. Enumerou, ademais, os conflitos laborais e as loitas obreiras máis destacados da bisbarra: o posíbel desmantelamento de Fadesa, a redución drástica de persoal do BBVA, a ameaza especulativa que pende sobre os terreos de Santa Bárbara, as auxiliares do carbón, o futuro das factorías de Ferroatlántica de Cee e Sabón polo paso do TAV por Serrabal, a loita do persoal da Cruz Vermella pola dignificación das súas condicións laborais ou a precariedade na sanidade privada coas conseguintes mobilizacións dos seus traballadores.

Burela

Preto dun centenar de persoas uniuse a manifestación de A Mariña, que partiu ás 12:30 da avenida Arcadio Pardiñas de Burela. Xorxe Caldeiro, secretario comarcal, salientou na súa alocución o feito de que o sindicato se convertese na primeira forza sindical da bisbarra: “Celebramos este día coa satisfacción de sermos a primeira forza sindical na comarca, de presidir, entre outros, os comités de empresa máis importantes da Mariña como son o de Alcoa, o do Hospital da Costa e o de Vestas. Por todo isto debémonos felicitar pero tamén debemos ser conscientes de que o traballo continúa e de que queda moito camiño por percorrer”, indicou Caldeiro.

“Os éxitos serven para reafirmar o acertado do proxecto, do modelo sindical que defendemos pero os nosos obxectivos son máis ambiciosos. O noso medre, sumado ao do resto das comarcas do país, fainos máis fortes e eficaces. Esta forza témola que empregar para facerlle fronte ao inimigo máis importante para a clase traballadora: o neoliberalismo”, manifestou o secretario comarcal.

Ferrol

A defensa dos sectores produtivos e da soberanía nacional foron as ideas nas que máis incidiu Xesús Anxo López Pintos, secretario comarcal de Ferrol. Este ano a manifestación, que contou cunha importante participación da mocidade, logrou reunir 1.200 persoas.

López Pintos reclamou a finalización de infraestruturas claves para o desenvolvemento de Ferrolterra, nomeadamente a plataforma loxística de Mandiá e o polígono de Leixa. Tamén pediu que se poñan os medios para que o ferrocarril chegue até o porto exterior.

O responsábel comarcal ferrolán esixiu que remate dunha vez por todas o veto político que impide que a antiga Astano poida construír embarcacións civís. López Pintos considera que o sector naval ten que ser o motor dinamizador da comarca, mais coa necesidade de diversificar a produción industrial na bisbarra.

López Pintos asegurou que o neoliberalismo fracasou como sistema económico e acusou o PP e o PSOE de promovelo. En contraposición situou a CIG, “que loita pola consecución do socialismo real na Galiza”. Realizou, ademais, un alegato para que a nación dispoña de plena soberanía para que os traballadores do país poidan defender os seus intereses de clase.

Lugo

Por volta de 500 traballadores secundaron a marcha de Lugo. Xosé Ferreiro, secretario comarcal, fixo no seu discurso unha mención especial ao conflito de Ingemarga, empresa de Guitiriz do sector da pedra que despediu recentemente 30 operarios.

Ferreiro cualifica o caso de Ingemarga como un exemplo de política colonial desta empresa ao “espoliar os nosos recursos sen deixar a cambio nada máis que miserentos salarios”. Por outra banda, en Ingemarga “a explotación dos seus traballadores é mítica: salarios mileuristas para un dos traballos máis duros da comarca”.

“Estamos a queixarnos a cotío das malas condicións dos convenios colectivos, pero o certo é que en moitos casos, nin estes malos convenios se cumpren, como acontece en Ingemarga”. O secretario comarcal recordou que a empresa botou este grupo de empregados por esixir o cumprimento do convenio da construción e traballar de luns a venres.

“Non sei se os xuíces lles darán ou lles quitarán a razón os despedidos. O que está claro é que estes compañeiros xa deixaron unha pegada no sindicalismo que perdurará ao longo dos anos. Levan máis de tres meses de conflito, saben que poden quedar sen traballo e aínda así nunca asomou o desánimo nin se produciu ningún tipo de fisura no grupo. Saben o que queren e teñen claro que isto só se consegue se se manteñen unidos. A súa determinación impresiona e mantén erguida a chama da loita cando os ánimos baixan. Son o claro exemplo daquela vella frase revolucionaria Máis vale morrer de pé que vivir de xeonllos”.

1