Confederación Intersindical Galega - Avantar - Compostela 21/1/2010
Unha marea humana colapsou a cidade de Compostela e a praza do Obradoiro quedou pequena para acoller a todos/as os que, na mañá deste xoves 21 de xaneiro, quixeron proclamar, coa súa presenza, que non están dispostos a retroceder a aqueles tempos escuros nos que o galego era unha lingua proscrita no ensino.
Así o advertía Anxo Louzao, secretario nacional de CIG-Ensino, quen afirmou na súa intervención no acto de clausura desta histórica mobilización, que non hai máis saída posíbel que a retirada das “Bases para a elaboración do decreto do plurilingüismo no ensino non universitario de Galiza”. Neste sentido, Louzao alertou de que perseguen a “eliminación do noso idioma como lingua útil e o seu desterro do sistema educativo” e advertiu que non hai acordos nin consensos posíbeis “se non se parte do conquistado até agora”, nomeadamente no Plano Xeral de Normalización Lingüística, aprobado por unanimidade no parlamento e no decreto 124/2007.
Anxo Louzao asegurou ademais que as bases do trilingüismo que nos pretenden impor, non se entenden se non é polo “odio que este goberno exerce contra o noso idioma” matizando que “só desde mentes colonizadas se pode impedir que o alumnado non adquira a competencia lingüística suficiente para poder usar a lingua propia de Galiza”.
Bases de extinción do galego
O secretario nacional de CIG-Ensino afirmou que esta proposta, á que denominou de “bases para a extinción do galego” é a “agresión máis severa contra o noso idioma nos últimos trinta anos” e denunciou que a consellaría “abandona a normalización lingüística e elude as súas responsabilidades, levando o conflito aos centros, coa intención de crear unha fractura social importante e buscar a desaparición do noso idioma no ensino”.
Tras da intervención do secretario nacional de CIG-Ensino deron lectura ao manifesto dous alumnos de secundaria, Mateo Verdeal, de Ferrol e Alba Castanedo, da Coruña; un pai de Ourense e unha nai de Lugo e dous mestres, Santi Veloso e Pepa Baamonde.
A presenza de Pepa Baamonde foi especialmente aplaudida, xa que precisamente por defender e facer uso do galego no ensino, foi expedientada e sancionada en 1981, dous anos antes de aprobarse a Lei de Normalización Lingüística. Tamén recibiu a calor dos aplausos dos asistentes Craig Patterson, presidente da Asociación Internacional de Estudos Galegos e profesor da Universidade de Gales.
A criterio da rúa Génova
Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización Lingúística, pechou a quenda de intervencións facendo as veces de portavoz da plataforma Queremos Galego, para enviar unha mensaxe alta e clara ao presidente da Xunta. “Se malia o clamor social non retira este decreto, Feijoo demostrará que non goberna pensando na sociedade galega senón segundo o que lle mandan desde a rúa Génova. Galiza non se merece un goberno así”, sentenciou.
Callón lembrou aos miles de asistentes “cuatro extremistas” os insultos proferidos por diferentes mandatarios do PP e Fran Rei reiterou a intención da plataforma de chegar aos tribunais se se manteñen as acusacións de coaccións e ameazas a profesores e alumnos.
1