Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - Compostela 1/2/2010
Exixiron tamén a aplicación do convenio,a readmisión dos 61 traballadores/as despedidos e a convocatoria de oposicións
Servizos Sociais públicos, non á privatización do Consorcio
Con ese lema encabezando a marcha, partía na mañá deste sábado 30 de xaneiro a manifestación convocada pola CIG e polas traballadoras e traballadores do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar. Unha manifestación que se insire no amplo calendario de mobilizacións que se veñen convocando desde hai máis de 8 meses en demanda da aplicación do convenio negociado e que o Consorcio non quere aplicar, pola readmisión das 61 traballadoras e traballadores despedidos das oficinas I+B  e pola realización das oposicións xa convocadas e que agora o PP quere anular. Xunto a iso, demandan o mantemento dos servizos ofrecidos ao conxunto da cidadanía como servizos públicos.

10-01-30 Consorcio 1

A manifestación partiu da compostelá Praza do Toural e rematou na de Praterías, logo de percorrer as rúas da cidade. Anxo Louzao, secretario nacional de CIG-Ensino foi o encargado de pechar o acto lembrando que “loitamos contra o desmatelamento das  oficinas de I+B. Oficinas situadas maioritariamente no ámbito rural e desde as que se ofrece unha atención integral ás persoas máis vulnerábeis da sociedade en risco de exclusión social e se atenden distintos programas que redundaban nunha mellor inserción laboral da muller ou na atención aos adolescentes. Porén, o PP decidiu despedir 61 traballadoras coa eliminación dos seus postos de traballo”.

Preservar o carácter público

O secretario nacional de CIG-Ensino salientou ademais que con esta mobilización deféndese tamén que todos e cada un dos Centros de Día sigan tendo carácter exclusivamente público. Por iso, lembrou que “a concesión da xestión do servizo a empresas privadas significa empeorar o  servizo e rebaixar a súa calidade” e advertiu que a privatización destes centros “redundará na precariedade laboral, xa que a empresa privada busca o máximo beneficio económico  a conta dos traballadores/as”.

Fronte a isto, manifestou que os servizos sociais teñen  que satisfacer as necesidades con criterios de “calidade, universalidade e interese social e isto só é posíbel”, dixo, “se unicamente son públicos”

Defensa das Galescolas

Louzao fixo espacial fincapé na defensa de que as escolas infantís tamén sigan sendo galescolas, é dicir “para que se manteña o modelo educativo e para que o galego sexa a lingua vehicular e así combater  o odio que o actual goberno do PP ten para co noso idioma”.

Fronte a isto denunciou que o actual goberno do PP paralizou todas as medidas encamiñadas a mellorar as condicións de traballo, salariais e de xornada do persoal do consorcio. “Salarios que na  maioría dos casos non  alcanzan os 1000 euros, alén  de padecer a temporalidade e a precariedade laboral. Por iso esiximos que se aplique de inmediato o convenio acordado e negociado”.

Difamacións e ataques ás traballadoras/es do Consorcio

A estas denuncias engadiu as difamacións e o uso partidista que fai o PP, atacando aos traballadores e traballadoras do Consorcio que no seu día superaron unha oposición. “Fíxoselles un contrato fraudulento e agora, matriculados/as nunha nova oposición para acceder a unha praza de laboral fixo, o PP pretende anulala sen ningún aval legal nin xustificación e por riba acúsaas de enchufadas”.

Por iso dirixiuse ao presidente da Xunta e á conselleira para advertirlles que desde a CIG “non imos aceptar que se ataque o carácter público do Consorcio e se pretenda a privatización dos servizos sociais, nin que se xogue cos dereitos e intereses dos traballadores e traballadoras por motivacións perversas e moito menos aceptar os despedimentos.”

Sectores máis desfavorecidos nun contexto de crise

Para a CIG, tal e como explicou Louzao, na actual conxuntura de grave crise económica, como consecuencia da aplicación de políticas neoliberais, son precisamente os usuarios dos servizos que presta o Consorcio o colectivo que merece maior atención por ser os  sectores sociais máis desfavorecidos e polo tanto os que sufran de xeito máis duro as consecuencias desta situación.

“Non podemos admitir que se pretenda destruír emprego e desmantelar servizos como medidas contra a crise”, afirmou para rematar incidindo en que “tampouco podemos permitir, que o actual goberno do PP na Xunta de Galiza teña por obxecto eliminar estes servizos, fomentando o seu mal funcionamento e degradando  o persoal que traballa nos mesmos, coa finalidade de desmantelalos, suprimilos ou privatizalos. O acceso aos servizos públicos debe ser garantido para todas as persoas, independentemente  do lugar que se viva. Xa que son dereitos sociais indispensábeis para loitar contra a desigualdade social”.

1