Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - Compostela 2/2/2010
Convocará mobilizacións se se amplía a idade de xubilación e o cálculo da pensión
A CIG manifesta a súa total oposición ás medidas propostas polo Goberno para reformar o sistema de Seguridade Social
A CIG estaría disposta a mobilizarse se as medidas propostas polo Goberno para negociar no marco do Pacto de Toledo -ampliar o tempo de cálculo da pensión e atrasar a idade de xubilación- se aproban. Antolín Alcántara, secretario confederal de Negociación Colectiva considera que estas medidas afectarían gravemente aos traballadores/as dos sectores máis castigados fisicamente e a aqueles/as que padecen con máis dureza a precariedade laboral: muller e mocidade.

12.06.09 Folga metal
Antolín Alcántara, secretario confederal de Negociación Colectiva da CIG, na asemblea en Barreras ás oito e media da mañá.

As reformas anunciadas diríxense, segundo o goberno a garantir a liquidez do sistema da Seguridade Social. Fronte a isto, o secretario confederal de negociación colectiva da CIG lembra que a liquidez do sistema está garantida e que o ano 2009 rematou con superávit. Alén diso, precisa que “hai que entender a caixa das pensións e da Seguridade Social como un capítulo máis dos orzamentos do estado que haberá que atender en función dos ingresos do propio estado e non só da Seguridade Social”.

Alcántara explica que se nalgún momento houbera problemas reais, o estado tería que detraer partidas doutros capítulos para cubrir cos orzamentos necesarios as pensións, igual que se fai con outros capítulos como, por exemplo, os gastos militares.

Ampliación da idade de xubilación

Respecto da ampliación da idade de xubilación, o secretario confederal de Negociación Colectiva e Saúde Laboral da CIG advirte que este é o peor momento para adoptar unha medidas destas características, dadas as elevadísimas taxas de desemprego que padecemos. “Provocaría atrasar a saída do mercado laboral dunhas 200.000 persoas ao ano, a nivel estatal e, en consecuencia, a súa substitución por outra xente, outros traballadores e traballadoras. Estaríanse, polo tanto, amortizando postos de traballo e adoptando medidas estruturais que lonxe de solucionar o problema do desemprego, agravaríano”.

O atraso da idade de xubilación penalizaría ademais ás traballadoras e traballadores daqueles sectores no que están máis castigados fisicamente, como construción, minería, pedra, mar, automoción, naval ou téxtil, entre outros. Sectores nos que, por mor das condicións de traballo, se dá un maior número de prexubilacións, á marxe das incapacidades. “Discriminaríase, polo tanto, á clase obreira, que sería a máis danada. Estes son sectores con salarios máis baixos e quedarían penalizadas tamén as súas pensións, que serían aínda máis baixas”.

Ampliación do período de cálculo

Con esta medida, a CIG entende que se penaliza especialmente á xeración que acaba de incorporarse ou que se vai incorporar ao mercado laboral e ás mulleres, que son as que máis contratos a tempo parcial subscriben. “Estes traballadorese traballadoras son os que máis padecen a eventualidade, a inestabilidade laboral e, en consecuencia, tampouco terán unhas cotizacións estábeis”.

 

Até o de agora collíanse os últimos 15 anos traballados, ou sexa, para un traballador cun contrato indefinido de 65 anos a súa pensión calcularíase en función das súas cotizacións a partir dos 55 anos. Esa idade é inferior se o traballador estivo suxeito á temporalidade, porque para sumar os 15 anos teríase que coller a referencia das súas cotizacións, se cadra desde que tiña os 45 anos, co que a contía da súa pensión sería inferior, xa que por aquela, os salarios tamén eran inferiores.

 

Porén, se aumentamos, como pretende o goberno, de 15 a 20 anos, para os traballadores máis precarios habería que ampliar aínda máis o período de referencia para o cálculo co que para calcular as súas pensións estarían dobremente castigados, por teren padecido a temporalidade e salarios máis baixos e por ter que tomar como referencia a súa cotización cando eran máis novos e, polo xeral, con peores salario”.

 

Alcántara advirte que estas medidas se anuncian coincidindo no tempo cun momento no que se está a barallar a redución da cuota empresarial en dous puntos. “Aprobar unha medida destas características sería non xa absurdo, senón mesmo ofensivo”. Fronte a isto, o secretario confederal de Negociación Colectiva da CIG propón que se facilite a saída dos traballadores/as dos sectores máis castigados fisicamente, ben anticipando a súa xubilación ou positivándoa estabelecendo coeficientes que posibiliten que poidan xubilarse antes.

 

Alcántara alerta tamén de que semella que o que se pretende é dirixir aos traballadores/as cara plans de pensións privados. Plans que só poderán subscribir aqueles/as que máis cobren.

 

Desde a CIG advírtese de que o goberno podería estar anticipando un órdago para logo negociar á baixa cos sindicatos estatais para que acepten unha reforma máis suave. “Hai que prepararse porque se podería estar creando un escenario para introducir outro tipo de reformas e que estas sexan aceptadas con máis facilidade por COO e UGT”.A CIG, ante esta situación asegura que se esta proposta se mantén, está disposta a convocar mobilizacións nos diferentes sectores afectados.

1