Confederación Intersindical Galega - Avantar - A Coruña 9/2/2010
Segundo sinalou o representante da plataforma cidadá Queremos Galego e presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, a ILP diríxese a todas aquelas persoas que, independentemente da súa opción política ou ideolóxica, queiran que a lingua galega estea en igualdade de condicións coa lingua do Estado, e rematar coa discriminación que sofre a nosa lingua nos ámbitos da administración e do ensino.
Esta ILP preséntase nun momento no que, por primeira vez na historia autonómica, un goberno pretende dar pasos atrás na equiparación de dereitos, mesmo a respecto de gobernos da mesma cor política, quer de Alianza Popular, quer do Partido Popular.
A presentación da ILP irá acompañada dun grande esforzo por parte da plataforma cidadá Queremos Galego para informaren do seu contido e mobilizar a sociedade coa intención de sobardaren amplamente o número mínimo de sinaturas requirido.
Unha vez presentada a proposta de ILP, a Mesa do Parlamento conta cun mes para admitila a trámite. Tras seren admitida a plataforma Queremos Galego conta cun prazo de tres meses nos que deberá recoller como mínimo as 15.000 sinaturas necesarias para o seu debate parlamentar.
Para a plataforma cidadá a recollida de sinaturas demostrará máis unha vez o amplo respaldo e consenso social que ten a lingua galega fronte “ao extremismo e autoodio impulsado, lamentabelmente polo Goberno de Nuñez Feijoo, que por mandato estatutario debería estar á cabeza das políticas de defensa e promoción da lingua galega”.
Podes descargar o texto completo da ILP no arquivo adxunto a esta nova.
1