Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - Vigo 10/3/2010
O obxectivo da folga dase por cumprido, xa que se transmitiu con forza a vontade dos traballadores/as de que non se renegocie o convenio as súas costas
A folga do naval consegue paralizar a maioría do sector e saca as rúas en Vigo de novo a dignidade fronte ao recorte de dereitos
Desde primeira hora da mañá, nos distintos estaleiros comezaban os piquetes a informar da convocatoria de folga no 10 de marzo para o sector, que tivo un seguimento do 80%. A CIG-Metal valora moi positivamente esta xornada, aínda máis se temos en conta toda a campaña mediática da patronal e as centrais sindicais UGT e CCOO en contra desta convocatoria, asi como da abusiva presenza policial, que pretendeu ter un efecto disuasorio no seguimento das mobilizacións, con identificacións e rexistros desde primeira hora da mañá, mais que non impediron que de novo as rúas de Vigo volveran visibilizar a forza dun sector que non baixa a cabeza e que respondeu con voz ben clara ás pretensións de renegociar o convenio ás costas dos traballadores/asr: non imos permitir máis recortes de dereitos e defenderemos o naval.

20100310naval67

Desde as seis da mañá neste 10 de marzo as portas dos estaleiros eran un ruxeruxe constante. Os delegados de persoal de Vicalsa e Sycan repartían milleiros de follas informativas nas que manifestaban "a nosa total repulsa coa utilización perversa e intencionada que fan os representantes das centrais sindicais CCOO e UGT dos nosos nomes para nos utilizar de ariete publicamente en contra da CIG a base de medias verdades. O acordo ao que se chegou en Vicalsa e Sycan foi aceptado en asemblea de traballadores baseada nunha proposta consensuada coa dirección para poder garantir a permanencia de todo persoal no que queda de ano e impedir a rescisión de 36 contratos".

Presenza policial desmedida

Decenas de furgóns policiais enchían os arredores dos estaleiros desde moi cedo, identificando e rexistrando a todas aquelas persoas que se dirixían ao piquete, tentando asustar ao persoal.

Desde Barreras saiu un grupo de piquetes até os estaleiros de Armón e Cardama, e tanto os traballadores/as de Vulcano como os de Freire posteriormente se xuntaron ao resto do persoal.

Marcha até a acampada dos parados

Pouco despois das oito e media saía desde Beiramar unha marcha, custodiado por antidisturbios e seguida por decenas de furgóns policiais, e que se dirixiu na primeira parada á acampada da asemblea de parados do naval para amosar a súa solidariedade e apoio con estes traballadores do sector no desemprego.

Á chegada de Montero Ríos viviuse un dos momentos máis emocionantes, xa que os aplausos dos compañeiros en folga e dos parados, xuntabase entre apertas e solidariedade, con emoción e apoio mutuo.

Asemblea ás dez da mañá

Unha pequena parada para un café, xa que o frío arreciaba nesta mañá de 10 de marzo, e realizábase unha asemblea fronte ao edificio da Xunta de Galiza, na que se volveu incidir tanto nos motivos que levaron á folga, como tamén se aproveitou para desmontar todas aquelas mentiras que nas últimas semanas teñen aparecido nos medios sobre esta convocatoria e analizaron a situación do sector. Nesta asemblea interviron Antolín Alcánatara, secretario confederal de Negociación Colectiva da CIG, Miguel Malvido, secretario nacional da CIG-Metal, e Carlos Recouso, delegado da CIG en Vicalsa.

Manifestación polo centro da cidade

Ao remate desta asemblea, partiu a mobilización que percorrería o centro da cidade e de novo coa abafante presenza policial a escasos centímetros dos traballadores, nunha actitude máis que provocativa. Asi, encamiñaban os seus pasos polas rúas de Colón, Urzáiz, Gran Vía, Venezuela, Avenida de Camelias e realizaban unha pequena parada na Praza de América.

Nesta praza o cordón policial estreitouse aínda máis, e escoitouse algún berro que sinalaba que "isto é un estado de sitio", mais os traballadores mantiñan en todo momento a calma e seguían a súa marcha baixando pola rúa Coruña para celebrar a asemblea final en Barreras, aínda máis rodeados por innumerábeis antidisturbios.

A valoración da xornada, o chamamento á reflexión sobre a necesidade de continuar mobilizándose e manter informado ao sector de cara aos momentos difíciles e á vontade da patronal de recortar dereitos recollidos pola loita no Metal de Pontevedra, asi como un convite a participar na mobilización da CIG do 10 de marzo ás 20 da tarde eran as últimas cuestións que se abordaban nesta asemblea final, que puxo o ponto e final a unha xornada de loita e exemplo de dignidade do naval, un sector que non se rende.

Galeria de imaxes

1