Confederación Intersindical Galega - Avantar - Compostela 17/3/2010
A CIG-Ensino xa denunciou no seu día o atraso na convocatoria das axudas para os Equipos de Normalización e a redución do 20% nas contías globais a distribuír entre todos os centros. A estas deixazóns que repercutiron negativamente no desenvolvemento das actividades de normalización, súmase agora que non será até o terceiro trimestre cando saiban que cantidade se lles asigna e, daquela, que actividades poden desenvolver.
Todos estes extremos conflúen en impedir, na práctica, a realización de actividades de normalización, pois a contía que aínda se lles vai comunicar corresponde ao curso escolar que comezou o 1 de setembro de 2009, e por tanto para actividades que se tiñan que vir realizando desde aquela, mais que na práctica non se levaron adiante ao descoñeceren os centros se existían recursos económicos para desenvolvelas.
Os centros Educativos fixeron chegar á CIG-Ensino as súas queixas por esta actitude obstaculizadora e pregúntanse se no que queda de curso poderán levar adiante o programa previsto.
Esta é unha acción máis contra o noso idioma e neste sentido a CIG-Ensino esixe que se comunique urxentemente aos centros a asignación correspondente para que poidan pór en marcha as súas actividades.
Por outro lado, a CIG-Ensino vén de recibir a convocatoria da Mesa Sectorial para o vindeiro 25 de marzo, na que se tratará o anteproxecto de Decreto do Plurilingüismo, quedando anulada a Mesa prevista para mañá na que se debía fechar a negociación dos Regulamentos orgánicos das Escolas Oficiais de Idiomas e Conservatorios, especialmente no relativo á composición e funcións dos Equipos de Normalización Lingüística.
1