Confederación Intersindical Galega - Avantar - A Coruña 6/4/2010
Malia que a admisión a trámite da ILP fora negada pola Mesa do Parlamento nas pasadas semanas, Queremos Galego iniciou unha campaña para trasladar á rúa o contido da Iniciativa Lexislativa e manter vivo “o movemento social xurdido arredor da lingua”. Neste senso, Fran Rei, voceiro de Queremos Galego, apuntaba que a plataforma “vai mostrar con argumentos e pedagoxía cal é a verdadeira realidade lingüística do País e cal o futuro do galego se non se garanten espazos e usos que até agora estaban garantidos”.
Rei referiuse aos intentos do goberno do PP de derrogar o actual decreto de uso do galego no ensino por outro máis regresivo ou á eliminación do artigo 35 da Lei da Función Pública, e con el, a parte específica en galego nas probas de acceso laboral ás administracións. “A decisión de non admitir a trámite a ILP obedece a motivos políticos, ao terror do PP a debater no Parlamento os dereitos lingüísticos, e ao temor de Feijoo a que o debate da iniciativa lexislativa estea na rúa. O PP só quere abordar o debate da lingua cando lle interesa sacar réditos políticos, pero non lles interesa manter un debate continuado no tempo”, aseverou Fran Rei.
Cumprir cos requisitos formais
A plataforma cidadá levará a cabo o proceso de recollida de sinaturas cumprindo todos os requisitos formais tal e como se a iniciativa estivese admitida a trámite. Para tal fin, farase un reconto exhaustivo das sinaturas e un contraste notarial, grazas a colaboración desinteresada de notarios e xuristas. En xuño, as sinaturas remitiranse aos tres grupos parlamentares xunto co prego de apoio de cada cidadán/á para que a ILP sexa tramitada como unha Proposición de Lei, que desenvolva as cuestións xa recollidas na Lei de Normalización Lingüística ou no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega.
Concerto o 17 de abril
Alén da campaña de difusión, Queremos Galego organizou un concerto para o 17 de abril en Pontevedra, do que entradas xa están á venda, que suporá “un fito na cultural na historia recente do País”, segundo explicou Fran Rei. O concerto contará coa presenza de grupos tan relevantes como Fuxan os Ventos, Berrogüeto, Luar na Lubre, Uxía Senlle, Fía na Roca ou A Quenlla, que coa súa participación desinteresada “demostrarán que a cultura galega non está acomplexada nin ensimismada como asegurou no seu día o conselleiro de Cultura”.
1