Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - Vigo 22/6/2010
Tamén se concentraron na sede de Banesto para denunciar despidos e horas extras a pesar das axudas estatais
Un cento de delegados/as da CIG-Banca reclaman en Vigo un plan de futuro negociado nas caixas
Arredor dun cento de delegados e delegadas da CIG-Banca realizaron dúas concentracións de protesta este martes 22 en Vigo para, por unha banda, reclamar un plan de futuro negociado nas caixas de aforro galegas en proceso de fusión e, pola outra, denunciar os despedimentos que está a realizar Banesto a pesar das axudas estatais recibidas nos últimos meses.

2010 06 22 concentración cig-banca vigo banesto caixanova1
Concentración ás portas da sede central de Caixanova en Vigo.

Representantes sindicais e traballadores permaneceron por espazo dunha hora (entre as 11.00 e as 12.00 horas) ás portas da sede central de Banesto na rúa Príncipe berrando consignas e repartindo información para denunciar que o banco reduciu a súa plantilla en 774 persoas (52 delas en Galiza) nos últimos 18 meses a pesar de declarar 824 millóns de beneficios en 2009 e recibir axudas estatais de 1.301 millóns.

O secretario nacional de CIG-Banca, Clodomiro Montero, lembrou tamén que en Banesto en Galiza estanse a facer máis de 240.000 horas extras anuais non declaradas, o que equivalería á creación de 150 novos postos de traballo. Dende a central nacionalista sinalan que isto supón unha auténtica fraude e anunciaron que continuarán a denunciar a situación nas vindeiras semanas.

Montero criticou tamén os máis de 278 traslados que se levaron a cabo nun só ano nun plantel de 513 empregados, o que supón a destrución de 200 postos de traballo netos, e puxo de manifesto que o medo á mobilidade xeográfica “está a ser utilizado como medida de presión porque o traslado fóra das cidades de orixe dos traballadores facilita a submisión de calquera empregado que pretenda manter o seu posto”.

Protesta en Caixanova

A sede principal de Caixanova en Vigo, na rúa García Barbón, tamén recibiu a visita dos delegados da CIG. Os representantes sindicais reclaman un plan de futuro negociado e esixen ás direccións das caixas que faciliten información “veraz e completa” sobre o proceso de fusión. O secretario nacional da Federación da Banca insistiu en que o sindicato está loitar polo dereito dos traballadores a negociar todo o que teña que ver co emprego e as condicións laborais. Clodomiro Montero advertiu que a creación da nova caixa suporá a perda de arredor de 2.400 postos de traballo en cinco anos e censurou o feito de que a día de hoxe “só estean garantidos os postos dos directivos”. Caixanova e Caixa Galicia teñen na actualidade 7.800 empregados e xa anunciaron que para 2015 contarán con 5.400.

A protesta, que incluíu reparto de información e foi moi ruidosa, desenvolveuse entre as 12.00 e as 13.00 horas e durante a mesma berráronse consignas en defensa dos postos de traballo e pedindo a dimisión dos directores xerais das dúas caixas galegas polo seu papel no proceso de fusión.

1