Confederación Intersindical Galega - Avantar - Opinion 29/7/2010
Outra fonte de ingresos para a Sanidade debería ser o pagamento que as mutuas laborais controladas pola patronal terían que facer á sanidade pública co fin de cubrir o custo de atender as enfermidades laborais, que significan case o 18% de todos os enfermos hospitalizados. As mutuas laborais (as entidades con maiores beneficios no mundo mutual) non pagan -como deberían- estes gastos. Se o fixesen, o Estado conseguiría uns ingresos considerábeis.
Existe unha visión excesivamente compracente da sanidade española que sinala que o Estado español gasta xa en sanidade o que lle corresponde polo seu nivel de riqueza. Os que sosteñen tales teses presentan os últimos datos da OCDE (o grupo de países máis ricos do mundo) que amosan que o Estado español gasta unha porcentaxe do seu PIB case idéntico ao da media dos países da OCDE. Este dato, porén, é desorientador e pouco significativo. A OCDE é un grupo de países de enorme diversidade no seu nivel económico, incluíndo países como México e Chile, que teñen un PIB per cápita e un gasto sanitario moi baixos. Por iso é polo que a media sexa relativamente baixa, o cal nos dá unha boa imaxe, que é o que desexan quen utilizan tal indicador.
O indicador máis valioso para medir o grao de desenvolvemento da sanidade pública do Estado español é o gasto público sanitario por habitante comparándoo coa media da UE-15, o grupo de países da UE de semellante nivel de desenvolvemento ao noso. E aí si que non hai razóns para a compracencia. Continuamos estando, xunto con Grecia e Portugal, á cola da UE-15. Se en lugar de tal indicador escollemos o gasto público sanitario como porcentaxe do PIB ou a porcentaxe da poboación adulta que traballa en sanidade, vemos que tamén estamos á cola da UE-15.
Este baixo gasto público explica a polarización por clase social da sanidade española, de maneira que o 30% da poboación do Estado español (a de renda superior) utiliza a sanidade privada, e o 70% restante, as clases populares (a clase traballadora e a maioría das clases medias), utilizan os servizos públicos. Esta polarización da sanidade non é boa nin para as persoas de rendas superiores nin para a maioría da poboación, posto que, aínda cando a privada sexa, en xeral, mellor que a pública en comodidade (unha cama por habitación hospitalaria, por exemplo), tempo de visita máis longo, listas de espera máis curtas e mellor trato persoal, a pública é moito mellor na calidade do persoal e apoio científico-tecnolóxico que a sanidade privada. Co cal, se o lector cae enfermo de verdade, aconséllolle que vaia á pública, tal como fixo o rei de España.
O que se requiriría sería unha sanidade pública multiclasista que tivese a comodidade da privada, mantendo a calidade da pública. Agora ben, para iso necesítase moito máis diñeiro. En realidade, o subfinanciamento da sanidade pública agravouse como consecuencia da crise, o cal forzou as autoridades públicas a consideraren varias opcións a fin de conseguir recursos para a sanidade pública. Algo que debería xa terse feito desde hai tempo (e que estaba nos programas electorais dos partidos de esquerda, incluíndo o PSOE), era unha maior carga impositiva (e moi en especial dos sectores que se beneficiaron máis estes últimos anos da gran bonanza económica) que levará maiores recursos ao Estado. É escandaloso que, mentres a porcentaxe en impostos que paga un traballador da manufactura no Estado español sexa o 74% do que paga o seu homólogo sueco, o dun gran empresario sexa só o 38% do seu equivalente sueco.
Outra medida que debería considerarse é o incremento de impostos finalistas sobre o tabaco e o alcol, moito máis baixos que na media da UE-15. Outra fonte de ingresos debería ser o pagamento que as mutuas laborais controladas pola patronal terían que facer á sanidade pública co fin de cubrir o custo de atender as enfermidades laborais, que significan case o 18% de todos os enfermos hospitalizados. As mutuas laborais (as entidades con maiores beneficios no mundo mutual) non pagan -como deberían- estes gastos. Se o fixesen, o Estado conseguiría uns ingresos considerábeis.
Os medios de información de maior difusión esqueceron estas fontes de ingresos, centrándose nos copagamentos (e, moi en particular, o copagamento dun euro por visita, cantidade que se xustifica frecuentemente como medida disuasoria para reducir a demanda). Asúmese erroneamente que o usuario español abusa do sistema, tomando o elevado número de visitas sanitarias por habitante (nove visitas) como exemplo deste abuso (a media da UE-15 é de seis). Pero o que non se di é que, destas nove visitas, hai polo menos tres que noutros países son atendidas por ou ben unha enfermeira ou ben un administrativo, e que no Estado español, en cambio, fainas o médico. O médico está sobrecargado, pero iso non quere dicir que o usuario abuse, pois noutros países as enfermeiras teñen maior responsabilidade e os médicos teñen maior apoio administrativo.
As reformas do sistema, priorizando a atención sanitaria comunitaria, como se está facendo en Catalunya, é un xeito de diminuír a demanda. Por outra banda, quen xera a demanda que ocasiona gastos (farmacia, probas clínicas, intervencións) non é o usuario, senón o médico.
No Estado español xa existe o copagamento en farmacia e este pode mellorarse en canto á súa equidade. Pero é erróneo centrarse no copagamento á conta das outras intervencións públicas máis xeradoras de recursos. Iso non nega a importancia que o copagamento poida ter para conseguir fondos para prover novos servizos (como podoloxía ou odontoloxía), sempre que os seus prezos sexan regulados e equitativos. O que non pode permitirse é que continuemos á cola da UE-15 en gasto público.
O risco de privatización e de mantemento da polarización pública-privada non procede dos copagamentos, senón da desgravación das mutuas sanitarias privadas, o cal, ademais de significar un custo ao erario público (calquera desgravación é un subsidio público), incrementaría aínda máis a polarización do sistema sanitario por clase social, o cal sería un gran erro.
[Artigo tirado do xornal ‘Público’, do 29 de xullo de 2010]