Confederación Intersindical Galega - Avantar - Vigo 7/9/2010
Desmontar as falacias dos medios de comunicación con respecto á crise e amosar á cidadanía quen son os seus culpábeis e principais beneficiarios. Estes son os principais obxectivos da campaña informativa que vén de iniciar a CIG de Vigo no marco dos actos preparatorios da folga xeral. A central nacionalista pretende denunciar mediante a pegada de cartaces nos que se detallan os salarios e o patrimonio dos grandes empresarios o inxusto dun sistema que pretende facerlle pagar os efectos da crise á clase traballadora.
Dende o sindicato nacionalista lembran que quen menos responsabilidade ten na actual situación e quen peor o está a pasar é precisamente a inmensa maioría da poboación, aínda que os Estados continúan achegando inxentes cantidades de cartos públicos a bancos e grandes multinacionais. A campaña pretende concienciar da necesidade de instaurar unha fiscalidade progresiva que faga que paguen máis impostos aquelas persoas que acumulan maior capital.
Nos cartaces pódense ver as fotografías dos principais empresarios, algúns deles galegos, xunto ás cifras do seus patrimonios ou dos fondos de pensións multimillonarios que teñen subscritos con entidades privadas. Dende a CIG critican que son precisamente estas persoas as que están a propoñer, entre outras cousas, a reforma do sistema público de pensións.
1