Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - Vigo 14/9/2010
Os axentes presentaron denuncias diante de Capitanía, Inspección de Traballo e dirección xeral pola contratación de persoal de Remolcanosa
A CIG-Administración Autonómica alerta da privatización do servizo de Gardacostas da Xunta
A federación da Administración Autonómica da CIG alerta dos plans da Xunta para privatizar o servizo de Inspección, Vixilancia e Salvamento marítimos, proceso que tería comezado coa substitución de funcionarios por persoal subcontratado á empresa Remolcanosa. Dende a central adiantaron que os axentes xa denunciaron esta situación en Capitanía Marítima, Inspección de Traballo e dirección xeral de Recursos Mariños.

2010 14 09 gardacostas1
De esquerda a dereita, Alexandre Prieto, da CIG, Eduardo Núñez, Daniel Rodas e Matilde del Castillo, durante a rolda de prensa.

Gardacostas que desenvolven o seu labor na Ría de Vigo compareceron en rolda de prensa xunto ao delegado sindical da CIG no servizo, Alexandre Prieto, e unha representante de CSI-CSIF para criticar o estado de abandono no que se atopa este servizo dependente da Consellería do Mar. Denuncian que a Administración non cubre as xubilacións nin as baixas e opta por substituír os funcionarios públicos por persoal subcontratado á empresa Remolcanosa. “O que está a facer a Xunta é beneficiar a unha compañía privada con cartos de todos os cidadán en lugar de optar por mellorar o servizo”, explica o delegado sindical da CIG nos Gardacostas de Vigo, Alexandre Prieto. Con anterioridade, o sindicato nacionalista xa rexeitara publicamente o desmantelamento do servizo. 

Os gardacostas indican que unha vez rematadas as vacacións de verán atopáronse con que a Consellería do Mar estaba a contratar traballadores/as de Remolcanosa para completar as tripulacións das lanchas, “cando anteriormente xa o fixeran nos catro barcos grandes”. Sosteñen que o persoal subcontratado non conta coa suficiente formación, xa que para acceder ao posto hai que presentarse a unhas oposicións e completar un proceso formativo. Ademais, lembran que os funcionarios adscritos ao servizo teñen rango de autoridade da Administración, polo que a súa elección “debera ter certa discrecionalidade”.

Presentación de denuncias

Diante disto, presentaron denuncias diante de Capitanía Marítima, Inspección de Traballo e a propia dirección xeral “para ver con que tipo de autorizacións contan para poder tripular”. Lembran que o proceso de privatización comezou tras o accidente do Prestige e que a primeira embarcación en contar con tripulación subcontratada foi o buque escola Valentín Paz-Andrade. “Este barco só participa en actividades unhas dez horas á semana e a tripulación estaba formada por membros de inspección pesqueira; a raíz do Prestige, para ter contraladas as tripulacións, comezaron a solicitar persoal de Remolcanosa”, critican.

Finalmente, denuncian un incremento na precariedade laboral dos gardacostas e lembran que os seis millóns de euros anuais que establece o contrato firmado subscrito en 2005 polo ex conselleiro de Pesca Enrique López Veiga coa empresa privada “ben chegan para mellorar o servizo e as condicións de traballo dos empregados/as públicos”.

1