Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - Opinion 16/9/2010
Folga xeral: hai razóns para apoiala
Juan Torres López
Publicado en Página 12 ()
20100919_folga.jpg

Todas as grandes conquistas sociais, sen excepción, que hoxe en día caracterizan as sociedades que consideramos máis avanzadas e democráticas (a xornada máxima, o salario mínimo, o dereito á seguridade social, o dereito ao voto das mulleres e o seu acceso sen discriminacións aos mercados de traballo, a abolición da escravitude e a prohibición do traballo infantil, as normas de seguridade no traballo...) só se puideron conseguir despois de mobilizacións, de loitas moi duras e de folgas dolorosas.

Os medios de comunicación teiman en desanimar os traballadores e en argumentar que a folga xeral convocada polos sindicatos para o próximo día 29 de setembro non servirá para nada. E a ministra de Economía, que forma parte dun goberno que vén rectificando constantemente as súas propostas a medida que recibe presións dos poderosos, asegura que "a folga xeral non cambiará a política económica", o que é unha forma clara dicir á xente que non paga a pena apoiala.

Na miña opinión, a convocatoria da folga xeral está completamente xustificada e hai unha chea de razóns para que os traballadores e traballadoras do Estado español, os que teñen emprego e os que están en paro ou traballan na casa, a apoien activamente. Sinalarei as que me parece máis importantes resumidas en dez puntos que, á súa vez, conteñen dentro algunhas máis.

1. A folga é un dereito dos traballadores e traballadoras e o seu exercicio foi sempre moi eficaz. Todas as grandes conquistas sociais, sen excepción, que hoxe en día caracterizan as sociedades que consideramos máis avanzadas e democráticas (a xornada máxima, o salario mínimo, o dereito á seguridade social, o dereito ao voto das mulleres e o seu acceso sen discriminacións aos mercados de traballo, a abolición da escravitude e a prohibición do traballo infantil, as normas de seguridade no traballo...) só se puideron conseguir despois de mobilizacións, de loitas moi duras e de folgas dolorosas. Os poderosos sempre dixeron o mesmo que agora, que non servirían de nada, e por iso agora tampouco non nos debemos deixar enganar e apoiar a folga.

2. Os traballadores, e non só os banqueiros e as patronais, teñen dereito tamén a presionar para defender os seus intereses. As folgas, incluídas as xerais, son un procedemento lexítimo para poder facelo. Prohibilas, como propuxo o Partido Popular, ou tratar de desactivalas como fan agora coa do día 29, equivale a permitir que só os máis ricos e poderosos poidan presionar o resto da sociedade e os gobernos, por certo, facendo case sempre moito máis dano que o que poida facer unha folga de traballadores. Por que non din nada a dereita e os seus medios de comunicación cando os bancos fan folgas de "empréstitos caídos" e frean o desenvolvemento da actividade económica durante meses, cando eluden o fisco actuando en paraísos fiscais, cando as grandes empresas levan os capitais a outros países para non faceren fronte aquí ás súas obrigas legais, ou cando os banqueiros ameazan o Estado, como acaba de facer o vicepresidente do BBVA ao dicir que non se poden tomar medidas que non conveñan á banca? Para que o Presidente Rodríguez Zapatero non oia soamente a súa voz e poida cumprir as promesas que fixo ao electorado é necesario presionalo acudindo en masa á folga xeral.

3. Hai que dicir "Xa abonda" á continuada perda de dereitos laborais e sociais para non chegar a unha situación insostíbel. Como deu en lembrar o profesor Vicenç Navarro, a situación dos traballadores e traballadoras españolas deteriórase sen cesar como consecuencia das políticas gobernamentais. Non para de diminuír a participación dos salarios no total das rendas, aumenta o estrés e o malestar laboral, o Estado español é o único país da OCDE onde os salarios diminuíron nos últimos quince anos, os beneficios das grandes empresas españolas aumentaron un 73% de 1999 a 2008 (o dobre que as da Unión Europea dos 15) mentres que os custos laborais só subiron o 3,7% (a metade que na UE-15), o Estado español segue á cola en gasto social en relación co PIB, o que significa que segue realizando menos esforzo para financiar os dereitos e o benestar das clases traballadoras. De 2007 a 2009 o número de pobres aumentou no Estado español nun millón, mentres que o número de persoas que teñen activos por valor de máis dun millón de euros se elevou nun 12%. As leis de igualdade e de avance social do goberno quedan sen orzamento mentres se axuda a bancos e a grandes empresas e mentres que non se ten valor para obter recursos por vías que non sexan a redución do gasto social, que é o que lle piden os ricos que non necesitan esas leis. Para pór fin a todo isto é preciso presionar e apoiar agora a folga xeral.

4. É inmoral e totalmente rexeitábel que unha crise que provocaron os bancos, as grandes fortunas e os especuladores se financie agora con recortes de dereitos laborais, de pensións, de gasto social e mesmo baixando os impostos que pagan os máis ricos, renunciando á máis mínima xustiza fiscal, sen lle dar prioridade á loita contra a fraude e coa vergoña que supón que os banqueiros e as grandes fortunas españolas practicamente non paguen impostos. Para que a crise a paguen os que a provocaron e non os traballadores é polo que hai que apoiar tamén a convocatoria do día 29.

5. Os gobernos europeos, incluído o español que presidiu a Unión Europea durante un semestre, deixáronse vencer pola presión dos bancos e a patronal e non foron capaces de facer nada para evitar as causas que deron lugar á crise financeira. Non tomaron nin unha soa medida das que prometeron, seguen existindo o segredo bancario e os paraísos fiscais que dixeron que ían eliminar, os bancos seguen especulando e pondo en perigo a economía mundial con produtos financeiros arriscados e completamente improdutivos. As únicas reformas financeiras emprendidas polo goberno español estiveron dirixidas a disimular as perdas e a irresponsabilidade dos bancos privados, a facilitar que volvan obter beneficios, e a privatizar as caixas de aforros, a eliminar o seu compoñente social e a permitir que os bancos privados terminen quedando co segmento de mercado que até o de agora ocupan. Mesmo o propio Felipe González acaba de recoñecer que "nada substancial cambiou no comportamento real das entidades financeiras, salvo para cortar créditos á economía produtiva". Porque non podemos permanecer calados fronte a un goberno que é valente á hora de tomar medidas contra os débiles e covarde para pór firmes aos poderosos, é necesario presionalo e apoiar a folga xeral.

6. Estase a dicirlle á xente que se toman medidas que son para resolver a crise cando en realidade non teñen nada que ver con iso senón que van agravar as súas consecuencias. O que fai falta para resolvela é atacar as súas causas, garantir que volva xurdir o crédito á actividade produtiva, pór freo aos abusos e á especulación bancaria, limitar o poder das grandes empresas que provocan subidas abusivas de prezos que son as que de verdade están facendo que o Estado español perda competitividade, e pór en marcha un novo modelo produtivo que ten que estar baseado en máis igualdade, en novas actividades económicas creadoras de riqueza e non orientadas á especulación e nun mercado interno máis potente. En lugar diso estase aproveitando o temor da xente á crise para aplicar medidas que só están encamiñadas a crear mellores condicións para que as grandes empresas (que son as que menos empregos crean) obteñan máis beneficios e máis poder de negociación. E estase enganando á xente cando lle din que hai que diminuír as pensións para facer fronte á crise porque para manter as pensións en boas condicións o que se necesita é máis xustiza fiscal, salarios máis elevados, máis emprego e menos especulación bancaria, o que se podería conseguir, como ocorre noutros países máis avanzados, se se empeza pondo límites ao poder dos bancos e das grandes empresas.

7. Non é verdade que para crear máis emprego e evitar o traballo temporal tan abusivo da nosa economía sexa necesario reducir, como se fai coa reforma laboral aprobada, os dereitos dos traballadores. Menten os que din que esta reforma se fixo pensando nos parados porque incluso os mesmos que a promoveron recoñecen que non vai crear emprego. O noso alto nivel de paro non está provocado principalmente por problemas que teñan que ver co mercado laboral. As súas causas teñen que ver sobre todo co mercado de bens e servizos, onde non hai suficiente capacidade de gasto porque os salarios son demasiado baixos, coa falta de capital social por insuficiente investimento e gasto público, co enorme poder das grandes empresas, que lles permite obter altos beneficios sen necesidade de innovar, e co fomento de actividades especulativas que veñen abaixo en canto empeora a conxuntura. O efecto das reformas laborais recentes nunca foi o de traer máis emprego senón salarios máis baixos e peores condicións de traballo.

8. Tampouco é verdade que para facer fronte agora á débeda e á situación económica creada pola crise financeira sexan necesarias políticas de austeridade, senón todo o contrario. Hai que presionar os gobernos europeos e o español para que cambien de criterio e non dean lugar a unha prolongación da crise durante anos. O máis seguro é que a política de austeridade que se está impondo termine por crear a medio prazo máis débeda (cando se debilite o crecemento e aumente a prima de risco) que a que ocasionaría unha política de estímulo ben financiada polo Banco Central Europeo que é o que debería garantirse en Europa. O Estado español necesita un goberno que non se deixe levar pola vontade dos grandes intereses económicos e financeiros e para iso hai que facerlle ver ao de Rodríguez Zapatero que non pode gobernar de costas ás promesas que fixo ao seu electorado e dando satisfacción só aos mercados. Os traballadores e as traballadoras do Estado español, as pequenas e medianas empresas, os autónomos, os pensionistas, os parados, os estudantes... necesitan que que dirixe o Partido Socialista e o seu goberno deixe de actuar ao ditado da banca e a patronal e o único xeito de conseguilo é participar masivamente nesta folga xeral para chamarlles a atención e para facerlles ver que se seguen traballando para outros, poden perder o apoio do seu electorado. A forma en que o goberno socialista está afrontando a crise suponlle unha perda constante de apoio que fará que perda as eleccións. Por iso, os que queremos evitar un goberno da dereita aínda máis antisocial debemos apoiar a folga xeral, e con moita máis razón os afiliados e votantes do Partido Socialista.

9. Hai que apoiar esta folga porque a convocan os sindicatos e porque apoiar os sindicatos agora, xusto cando a dereita, a patronal e os poderes financeiros queren aproveitar a ocasión para quitalos do medio, é máis necesario que nunca. Non nos deixemos enganar: os países con mellores condicións de vida son aqueles onde os sindicatos son máis fortes e ao contrario, onde son máis débiles hai menos dereitos laborais e menos benestar social. Por iso a dereita trata sempre, como agora, de desprestixialos e de acabar coa súa influencia. É verdade que non podemos estar plenamente satisfeitos do comportamento dos sindicatos nos últimos anos, pero esta convocatoria é precisamente unha gran ocasión para facerlles ver o perigo que tivo a súa actitude acomodaticia de tanto tempo, e para obrigalos a que a partir de agora adopten unha práctica sindical diferente, máis ligada aos traballadores e menos pendente da comodidade e dos intereses dos seus funcionarios.

10. As medidas que está tomando o goberno, e as que van tomar nos próximos meses non só ameazan a economía senón tamén os dereitos sociais e persoais e a democracia. Cando diminúen os dereitos laborais e os ingresos, cando as persoas botan toda a vida traballando por uns poucos centos de euros ao mes, con estrés, sen saber se ao día seguinte terán emprego nin se terán unha pensión suficiente cando se xubilen, se haberá alguén que poida coidalos cando sexan dependentes... as persoas deixan entón de ser cidadáns ou cidadás para convertérense en escravos, en seres que non pensan máis nada que en sobrevivir e que, xa que logo, tenden a desentenderse de todo. E tamén porque é de aí de onde nacen a intolerancia, a xenofobia, as ditaduras e os fascismos que hai que combater e que estamos vendo medrar ao noso ao redor hai que apoiar a folga xeral.

E ademais de todas estas, hai moitas máis razóns para apoiar a folga xeral. En realidade hai millóns de razóns máis. Tantas como traballadoras e traballadores hai no Estado español. Porque apoiar a folga significa que cada unha delas ou deles toma nota do que está pasando, que non se deixa levar polo que lle din día a día os que teñen os petos cheos a conta deles e que se pronuncia con independencia para non deixar que lle sigan quitando o que custou tanto conseguir. E cada pronunciamento nesas condicións é un exercicio de liberdade e de responsabilidade que vale de seu e que xustifica o apoio á folga do próximo día 29.

 

[Artigo tirado do sitio web ‘Rebelión’, do 13 de setembro de 2010]